DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 18 de xuño de 2009 Páx. 10.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 18 de maio de 2009 pola que se clasifica de interese social a Fundación Misael Prieto.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Misael Prieto, con domicilio en Meirás-Valdoviño (A Coruña).

Supostos de feito:

1. Roberto López Freire, na súa condición de presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Meirás, concello de Valdoviño, o vinte e tres de decembro de dous mil oito, ante o notario Bruno Otero Afonso, co número de protocolo dous mil seiscentos cincuenta, por José González Caneiro en representación da Cooperativa de Meirás de Consumidores e Usuarios, Sociedade Cooperativa, e por Vicente Dopico Vilar que actúa no seu propio nome e dereito, e ademais en representación da sociedade mercantil San Mateo, Estación Servicio S.L. Unipersoal.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a realización, de forma directa ou concertada, de programas de integración social, asistencia social e inclusión de minusválidos físicos ou psíquicos, sensoriais ou mentais, destacando prioritariamente a formación e o emprego e a accesibilidade e superación de barreiras de calquera clase.

4. O padroado da fundación estará integrado por Roberto López Freire como presidente; Andrés Rodríguez Lamas como vicepresidente; Susana Couce Aneiros como secretaria, María José López Aneiros como tesoureira, e por Rafael Freire Castrillón, Vicente Dopico Vilar, María Victoria Díaz Teijeiro e Manuel Horjales Aneiros como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social da Fundación Misael Prieto, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Traballo e Benestar.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día once de maio de dous mil nove.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación Misael Prieto e adscribila á Consellería de Traballo e Benestar, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza