DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 17 de xuño de 2009 Páx. 10.476

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2009, do Departamento Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica reelectrificación de Noche, no concello de Vilalba. (Expediente 017/2007 A.T.).

Examinado o expediente instruído por instancia de BEGASA, con enderezo para os efectos de notificación na rúa Cidade de Viveiro 4-Lugo, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 18 de xullo de 2007 a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación reelectrificación de Noche, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 955/2000, do 1 de decembro, que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que a desenvolve.

Con data do 8 de xaneiro de 2008 o promotor presenta un modificado do proxecto de reelectrificación de Noche, motivado polo informe da delegación provincial de Cultura e Deporte con data do 13 de novembro de 2007.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, mediante resolución da delegación provincial da Consellería de Innovación e Industria de Lugo do 30 de maio de 2008. Esta resolución foi publicada no DOG do 17-6-2008, no BOP de Lugo do 24-6-2008 , no diario El Progreso de Lugo do 20-6-2008, no taboleiro de anuncios deste departamento territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Vilalba. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro.-Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos a este respecto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto.-Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública realizaronse as seguintes alegacións:

1. Con data do 13-6-2008, Guillermo Carreira Novo presentou escrito no que solicita un cambio de trazado da liña proxectada alegando, en esencia, que na súa traza actual prexudica notablemente o seu predio e que este se atopa situado nun núcleo de poboación, con bos accesos e servizos, pertencendo ao núcleo rural da estrada da parroquia de Noche, polo que se impediría a realización dunha vivenda, pasando de ser un predio edificable a un predio rústico.

2. Con data do 13-6-2008, Manuel Gayoso García presentou escrito no que solicita un cambio de trazado da liña proxectada e, no seu defecto, se proceda á expropiación total desta xa que se localiza nas inmediacións do actual núcleo rural da estrada da parroquia de Noche e a mingua da superficie é practicamente total, impedindo calquera tipo de aproveitamento.

3. Con data do 27-6-2008, M. José Carreira Cendán, en representación da masa hereditaria de José Carreira Novo, presentou escrito no que manifesta a súa oposición ao proxecto de ampliación da liña eléctrica de referencia porque non beneficia ningunha vivenda lindante coa súa propiedade e situadas na zona sen posibilidade de acceso por outro punto menos prexudicial, entendendo a intromisión na súa propiedade ilóxica e antieconómica. Así mesmo, en defensa das súas pretensións propón dúas trazas alternativas.

Quinto.-Polos servizos técnicos deste departamento territorial emítese informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, infórmase polos referidos servizos técnicos que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica ás que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre as que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia; no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia; no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre co disposto no Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión, aprobado polo Decreto 3151/1968, do 28 de novembro e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-En vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, considérase que tales alegacións non impiden continuar coa tramitación do expediente polas seguintes razóns:

1. As alegacións realizadas por Guillermo Carreira Novo e por Manuel Gayoso García xa que, segundo reflicte o informe técnico, con data do 13-5-2008, que figura no expediente, non existe limitación a imposición á servidume de paso nos predios de referencia, informe que non resultou desvirtuado no presente caso. Así mesmo, segundo consta nos informes dos servizos técnicos desta delegación, con data do 19-11-2008, os solicitantes non concretan nin definen correctamente unha variante alternativa sen prexuízo de que esta produciría un trazado superior ao proxectado producíndose outras afeccións a maiores e a terceiros resultando a variación presumiblemente superior en lonxitude ao 10% da parte da liña afectada pola variación que, segundo o proxecto transcorre sobre as propiedades dos interesados, motivo este que impediría a súa admisión por imperativo do disposto no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución,

comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Sen prexuízo do anterior, cómpre subliñar que lle corresponde ao autor do proxecto propoñer o trazado que considere máis conveniente para acadar unha solución óptima para o conxunto de toda a instalación, cumprimento que queda acreditado co informe favorable elaborado polos servizos técnicos da delegación que tamén consta no expediente.

Doutra banda, en relación coas alegacións relizadas por Guillermo Carreira Novo, cómpre poñer de manifesto que -tal e como reflicte o informe dos servizos técnicos desta delegación, con data do 19-11-2008- a parcela nº 6 resulta afectada pola colocación dos apoios números 2 e 3. No entanto, o apoio número 2 situarase no lindeiro coa leira número 5 polo que a afección é a mínima nese sentido e o apoio número 3 situarase no extremo da leira, preto da estrada Rábade-Vilalba, na zona de afección desta e sobre o que se colocará o centro de transformación, polo que é preciso tanto para a súa instalación como para os futuros mantementos e operacións.

2. As alegacións realizadas por M. José Carreira Cendán, en representación da masa hederitaria de José Carreira Novo, deben ser igualmente rexeitadas polos mesmos fundamentos expostos con anterioridade. A maior abundamento, cómpre sinalar que o proxecto técnico consiste basicamente na eliminación da actual derivación de media tensión da liña principal de Nete á subestación de Vilalba ao centro de transformación tipo intemperie denominado La Paloma, substituíndo o apoio de formigón e o centro de transformación existente, por unha nova liña de media tensión e por un novo centro de transformación intemperie de 160 kVA. A traza proxectada fundaméntase principalmente no seguinte:

-Centrar a carga eléctrica nun punto idóneo que permita dispoñer dun acceso ao transformador para a colocación deste e para as futuras tarefas de mantemento.

-Mellorar a calidade das subministracións eléctricas.

-Evitar o innecesario cruzamento da estrada LU-541.

-Reforzo da liña de baixa tensión existente.

Así mesmo, en relación coas alternativas formuladas por M. José Carreira Cendán cómpre subliñar, tal e como recolle o informe técnico do día 19-11-2008, que a primeira alternativa consistente en utilizar o camiño público existente desde a situación do C.T.I. actual e levala ao outro lado da estrada LU-541 se atopa coa circunstancia de que a largura do camiño existente resultaría insuficiente para establecer unha servidume de paso segura e ademais se producirían novas afeccións a terceiros, especialmente e innecesariamente á entidade propietaria da citada estrada e se incrementaría a lonxitude da liña innecesariamente, o que implicaría un maior custo e unha menor eficiencia energética, sen prexuízo de que para enlazar co lugar da Veigalonga polo camiño da Fraga é posible que se producise unha limitación para a imposición de servidume de paso. O mesmo sucedería coa segunda das alternativas propostas xa que a largura do camiño existente resultaría insuficiente para establecer unha

servidume de paso segura e ademais se producirían novas afeccións a terceiros.

3. Cómpre lembrar que, conforme o reflectido no artigo 151 de adquisición por mutuo acordo do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria (BEGASA) e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Este departamento territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autorizar a BEGASA o establecemento da instalación reelectrificación de Noche, no concello de Vilalba, coas seguintes características técnicas principais:

Reforma da L.M.T.A. existente de Nete: liña de media tensión aérea de 20 kV de tensión nominal e condutor LA-56/54,6 mm2 con illamento U-70 nivel II, sobre 2 apoios tipo Acacia-C normalizados de celosía, cunha lonxitude de 304 metros.

L.M.T.A. a C.T. da Paloma: liña de media tensión aérea de 20 kV de tensión nominal e condutor LA 56/54,6 mm2 con illamento U-70 nivel II, sobre 2 apoios tipo Acacia-C normalizados de celosía, cunha lonxitude de 102 metros, con orixe na L.M.T. existente Nete e final no C.T. proxectado de La Paloma.

C.T. da Paloma: centro de transformación aéreo de intemperie sobre apoio metálico de celosía MT C 3000 de 160 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/400-230 V.

Reforma no C.T. existente de Casasnovas: centro de transformación aéreo de intemperie sobre apoio metálico de celosía MT C 3000 de 100 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/400-230 V.

R.B.T. en Casanova e Esperido: rede eléctrica de baixa tensión a 400/230 V con dous circuítos, con orixe no C.T. de Casasnovas, cunha lonxitude de 2.416 metros aprox., con condutores illados tipos R.Z. 0,6/1 KV 3×150/54,6 Alm, R.Z. 0,6/1 kV 3×95/54,6 Alm, R.Z. 0,6/1 kV 3×50/54,6 Alm e R.Z. 0,6/1 kV 4×25 Al sobre 50 apoios de formigón vibrado e 2 máis de madeira e cun tramo soterrado en canalización baixo tubo desde o apoio número 49 ata a CGP da Igrexa Parroquial de Noche coa finalidade principal de minimizar o impacto visual.

R.B.T.A. na Paloma, Veigalonga e Rabilonga: rede eléctrica de baixa tensión aérea a 400/230 V con dous circuítos, con orixe no C.T. da Paloma, cunha lonxitude de 3.100 metros, con condutores illados tipos R.Z. 0,6/1 kV 3×150/54,6 Alm, R.Z. 0,6/1 kV 3×95/54,6 Alm, R.Z. 0,6/1 kV 3×50/54,6 Alm e R.Z. 0,6/1 kV 4×25 Al sobre 62 apoios de formigón vibrado e 3 máis de madeira.

Segundo.-Aprobar o proxecto de execución e o seu modificado da instalación eléctrica denominado reelectrificación de Noche asinados polo enxeñeiro técnico industrial Juan Carlos Vázquez Gómez.

Terceiro.-Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que polo representante da administración se dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso con data do 20 de xuño de 2008, no Diario Oficial de Galicia con data do 17 de xuño de 2008 e no BOP de Lugo con data do 24 de xuño de 2008 e expostas no taboleiro de anuncios deste departamento territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Vilalba. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas, se poderán formular as alegacións, que se consideren oportunas para os efectos de

rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante este departamento territorial (sito no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla 70, código postal 27071 Lugo).

Todo isto, de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto e o seu modificado presentado pola empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A.

Segunda.-O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira.-En todo momento deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa deste Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria.

Quinta.-O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo 21 de maio de 2009.

José Luis Somoza Digón

Xefe territorial de Lugo