DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 17 de xuño de 2009 Páx. 10.462

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2009, da Dirección Xeral de Ordenación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2009-2010.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 3, integra as ensinanzas deportivas dentro do sistema educativo como ensinanzas de réxime especial. Así mesmo, no capítulo VIII do título I fixa os principios xerais que as rexerán e atribúelles ás administracións educativas o establecemento do currículo das distintas ensinanzas do cal formarán parte os aspectos básicos fixados polo Goberno.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, preceptúa nas súas disposicións transitorias segunda e terceira a vixencia temporal das ensinanzas establecidas ao abeiro do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, e das normas de desenvolvemento das ensinanzas deportivas previstas no Real decreto 1913/1997, agás nos aspectos que nesas disposicións transitorias se indican e, concretamente, a vixencia, entre outras, da Orde ECD/3310/2002, do 16 de decembro, e da Orde ECD/454/2002, do 22 de febreiro.

A Orde do 24 de marzo de 2003, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, regula no ámbito de Galicia as probas de madureza e as de carácter específico para acceder ás ensinanzas deportivas conducentes ás titulacións establecidas polo Real decreto 1913/1997, así como á formación deportiva prevista na Orde ECD/3310/2002, e nela autorízase a dirección xeral competente en materia de ensinanzas especiais para coordinar as probas e criterios de avaliación, así como para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto nesa orde.

Por todo o exposto, esta dirección xeral resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2009-2010, que se rexerán polas seguintes instrucións:

I. Modalidades de acceso.

1. Acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio.

Terá acceso ao grao medio das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra calquera dos seguintes requisitos:

a) Dispor do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba específica. Para o acceso ao segundo nivel de grao medio, ter superados os estudos do primeiro nivel na correspondente modalidade ou especialidade deportiva.

b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 17 anos e superar a proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ademais da correspondente proba específica.

c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou de artes plásticas e deseño, ou a de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

2. Acceso ás ensinanzas deportivas de grao superior.

Terá acceso ao grao superior das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Dispor do título de técnico deportivo na modalidade ou especialidade deportiva correspondente, ter o título de bacharel, ou equivalente para os efectos académicos, e cumprir cos requisitos relativos á experiencia deportiva que se puidesen establecer na especialidade ou modalidade correspondente.

b) O alumnado que non posúa o título de bacharel, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 19 anos e superar unha proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ou 18 anos sempre e cando posúa, ademais do título de técnico deportivo da modalidade correspondente, un título de técnico relacionado con aquel ao cal se desexa acceder.

Tanto nun como noutro caso, a idade mínima establecida deberá cumprirse dentro do ano natural de realización das probas.

c) A proba de madureza poderase substituír pola parte común da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional ou de artes plásticas e deseño, ou a de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

II. Inscrición para as probas.

1. A inscrición para realizar as probas farase na secretaría dos centros públicos onde se impartan ensinanzas deportivas, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 31 de xullo, e do día 1 ao 9 de setembro de 2009. Para tal fin, os centros docentes deberán expor nos seus taboleiros de anuncios, o día 10 de setembro, o seguinte:

a) Normativa reguladora da admisión do alumnado.

b) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións.

c) Calendario e normas para formalizar a matrícula.

2. Para a formalización das solicitudes de inscrición para as probas os centros facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo que se xunta como anexo I a esta resolución. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

-Fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou documento de identidade da Unión Europea.

-Título de graduado en ESO ou bacharel, ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou libro de cualificacións de ESO ou de bacharelato.

-Certificado de estudos do ciclo formativo en que figuren as cualificacións das materias cursadas e ter realizado o depósito do correspondente título ou o libro de cualificacións do ciclo formativo.

-Certificado da proba de madureza de acceso ás ensinanzas deportivas.

-Certificación que acredite a superación das probas de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou de artes plásticas e deseño.

-Certificación que acredite a superación da parte común da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional ou de artes plásticas e deseño.

-Certificación de méritos deportivos expedida pola federación española ou autonómica correspondente.

3. As persoas solicitantes da exención total ou parcial da realización da proba de madureza por ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, segundo o establecido no punto décimo da Orde do 24 de marzo de 2003, xuntarán o certificado correspondente onde conste a opción efectuada e a puntuación conseguida. A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador.

4. As persoas solicitantes que aleguen mérito deportivo xuntarán o documento acreditativo da condición de deportista de alto nivel na correspondente modalidade ou especialidade, emitido polo órgano competente en materia deportiva. A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador.

5. O alumnado que deba realizar a proba de madureza farao constar no punto correspondente da inscrición. No caso de non superar a dita proba non será admitido na específica.

6. No caso dos aspirantes con discapacidade que soliciten adaptación nas probas de madureza e de carácter específico para o acceso ás ensinanzas deportivas, farano constar no punto correspondente da inscrición, e deberán acreditar o grao de discapacidade mediante un certificado emitido polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) ou o órgano competente das comunidades autónomas. Non se admitirá como válido ningún outro tipo de documento acreditativo a este respecto.

Co obxecto de garantir a eficacia da formación e o posterior exercicio das competencias profesionais inherentes ao título, o tribunal avaliará o grao de discapacidade e as limitacións que comporte para poder cursar con aproveitamento as ensinanzas e, de ser o caso, adaptará os requisitos e as probas de acceso que deban superar as persoas aspirantes que, en todo caso, deberán respectar o esencial dos obxectivos fixados no Real decreto 1363/2007 e das ensinanzas mínimas da modalidade ou especialidade deportiva correspondente.

7. Volante de inscrición condicional, en caso de alegar titulacións obtidas no estranxeiro, segundo o modelo recollido como anexo II na Orde ECD/3305/2002, do 16 de decembro, pola que se modifican as do 14 de marzo de 1988 e do 30 de abril de 1996, para a aplicación do disposto no Real decreto 104/1988, do 29 de xaneiro, sobre homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de educación non universitaria (BOE do 28 de decembro).

8. Os centros onde se realice a inscrición terán de prazo ata o día 10 de setembro de 2009 para enviarlle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través de mensaxaría urxente, as relacións de persoas inscritas para realizar as probas de acceso, xunto coa documentación presentada, en que deberán constar expresamente as persoas que solicitan exención das probas ou probas adaptadas. Unha vez rematadas as probas, a documentación será remitida ao centro de orixe.

9. A relación provisoria de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios dos centros onde se realizou a inscrición a partir do día 10 de setembro de 2009.

10. A relación definitiva de persoas inscritas exporase a partir do día 14 de setembro de 2009 no centro onde se vaian realizar as probas, así como no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es/ea.

III. Desenvolvemento das probas.

1. A proba de madureza realizarase segundo figura no anexo III desta resolución e terá lugar no IES As Fontiñas, en Santiago de Compostela, o día e nas horas que se indican a seguir:

a) Grao medio. Proba de madureza: 16 de setembro.

-Lingua galega: das 9.00 ás 10.00 horas.

-Lingua española: das 10.00 ás 11.00 horas.

-Parte sociocultural: das 11.30 ás 12.30 horas.

-Parte científico-tecnolóxica: das 12.30 ás 13.30 horas.

b) Grao superior. Proba de madureza: 16 de setembro.

-Lingua galega: das 9.00 ás 10.00 horas.

-Lingua española e literatura: das 10.00 ás 11.00 horas.

-Inglés/francés: das 11.30 a 12.30 horas.

-Historia: das 12.30 ás 13.30 horas.

-Filosofía: das 13.30 ás 14.30 horas.

2. A proba de acceso específica para as titulacións de técnicos deportivos realizarase:

-Na modalidade de baloncesto terá lugar no IES Fermín Bouza Brey en Vilagarcía, o día 21 de setembro das 9.00 ás 15.00 horas.

-Na modalidade de fútbol sala terá lugar no IES As Lagoas en Ourense, o día 22 de setembro das 9.00 ás 15.00 horas.

-Na modalidade de atletismo terá lugar no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes en Lugo, o día 23 de setembro das 9.00 ás 15.00 horas.

-Na modalidade de fútbol terá lugar no IES Cruceiro Baleares en Culleredo, o día 24 de setembro das 9.00 ás 15.00 horas.

-Na modalidade de balonmán terá lugar no IES Sánchez Cantón en Pontevedra, o día 25 de setembro das 9.00 ás 15.00 horas.

Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, por ser o centro directivo habilitado para coordinar estas probas e os seus criterios de avaliación.

IV. Tribunais das probas.

Os tribunais constituiranse de acordo co descrito nos respectivos decretos polos que se establecen os currículos das modalidades ou especialidades correspondentes, tal como figuran nos anexos IV e V desta resolución.

V. Reclamacións.

1. Contra as cualificacións provisorias das probas de acceso poderase presentar reclamación ante o presidente ou a presidenta do tribunal durante os dous días hábiles seguintes ao da súa publicación.

2. Contra as resolucións das reclamacións, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, ante a xefatura do departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente segundo o ámbito provincial en que se ditase a resolución impugnada. A resolución deste recurso porá fin á vía administrativa.

3. Contra a resolución do recurso de alzada as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

VI. Matrícula.

1. O prazo de matrícula será do 28 de setembro ao 9 de outubro, en período ordinario, e do 13 de outubro ao 30 de outubro, en período extraordinario.

2. Para a formalización das solicitudes de matrícula os centros facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo que se xunta como anexo II a esta resolución. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, que se xuntará á documentación xa presentada.

3. No relativo a criterios de admisión, observarase ao disposto polo Real decreto 1363/2007 no seu artigo 34.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2009.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Educación, Formación

Profesional e Innovación Educativa

Ver referencia pdf "11700D009P034.PDF"

ANEXO III

I. Proba de madureza dos ciclos de grao medio das ensinanzas deportivas.

A proba de madureza constará das seguintes partes:

-Desenvolvemento por escrito, durante o tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua galega a partir dun texto escrito.

-Desenvolvemento por escrito, durante o tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua española a partir dun texto escrito.

-Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos socioculturais.

-Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos científico-tecnolóxicos (matemáticas, ciencias da natureza e tecnoloxía).

Nestes exercicios valoraranse a madureza e o nivel de coñecementos sobre estas áreas propias do currículo da educación secundaria obrigatoria. Cumprirá seleccionar tres das devanditas materias e desenvolver por escrito unha cuestión de entre dúas que se propoñan, para cada unha das tres elixidas.

II. Proba de madureza dos ciclos de grao superior das ensinanzas deportivas.

A proba de madureza versará sobre as seguintes materias comúns propias do currículo do bacharelato:

-Lingua galega.

-Lingua e literatura españolas.

-Lingua estranxeira (inglés ou francés).

-Historia.

-Filosofía.

Cumprirá seleccionar tres das devanditas materias e desenvolver por escrito unha cuestión de entre dúas que se propoñan, para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para a súa realización será dunha hora para cada materia.

Neste exercicio valorarase o grao de madureza da persoa aspirante en canto á correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e de síntese.

ANEXO IV

Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de madureza das ensinanzas deportivas para o curso 2009-2010:

Presidente: Fernando Fernández Fraga.

Secretario: José Francisco Serrallé Marzoa.

Vogais:

-Ricardo Luís Pita Fernández.

-Pilar Peñas Boleas.

-Mª Luz Ares Fandiño.

-María Jesús González Regales.

-Carmen Meiriño González.

-Ángel Lázaro Sastre.

Tribunal suplente:

Presidente: Isabel Serna Masiá.

Secretario: Antón Porteiro Lago.

Vogais:

-Ana Isabel Campo Cabana.

-María Paz Gago.

-Noemí Álvarez Villar.

-Diego Rojo Garrido.

-Jesús Fernández Sulleiro.

-María Isabel Díaz Castro.

ANEXO V

1. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico das ensinanzas deportivas en fútbol sala para o curso 2009-2010:

Presidente: Fernando Fernández Fraga.

Secretario: Miguel Aragón Fitera.

Vogais:

-José Manuel Rivas Casal.

-Juan Emilio Riveiro Rodríguez.

-Isidro Grela Mosquera.

Tribunal suplente:

Presidente: Isabel Serna Masiá.

Secretario: Diego Rojo Garrido.

Vogais:

-Jose Jorge Martínez Rodríguez.

-Miguel Ángel Abarca Ribas.

-Emilio de Vicente Nogueira.

2. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas en fútbol para o curso 2009-2010.

Presidente: Fernando Fernández Fraga.

Secretario: Juan Emilio Riveiro.

Vogais:

-José Manuel Martínez Paz.

-Luis Carlos Parada González.

-Juan José Vila Seoane.

Tribunal suplente:

Presidenta: Isabel Serna Masiá.

Secretario: Diego Rojo Garrido.

Vogais:

-Jose Jorge Martínez Rodríguez.

-Miguel Ángel Abarca Ribas.

-Emilio de Vicente Nogueira.

3. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas en baloncesto para o curso 2009-2010:

Presidente: Fernando Fernández Fraga.

Secretario: Manuel Javier Álvarez Seoane.

Vogais:

-Vicente de Becerra Gil.

-Iván Villar Fernández.

-Jesús Emilio Ferrer Jaureguízar.

Tribunal suplente:

Presidenta: Isabel Serna Masiá.

Secretario: Diego Rojo Garrido.

Vogais:

-Jose Jorge Martínez Rodríguez.

-Miguel Ángel Abarca Ribas.

-Emilio de Vicente Nogueira.

4. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas en balonmán para o curso 2009-2010:

Presidente: Fernando Fernández Fraga.

Secretario: Ramón Pazos Solla.

Vogais:

-Emilio Pintos Soto.

-Juan Emilio Riveiro Rodríguez.

-Francisco Javier González García.

Tribunal suplente:

Presidenta: Isabel Serna Masiá.

Secretario: Diego Rojo Garrido.

Vogais:

-Jose Jorge Martínez Rodríguez.

-Miguel Ángel Abarca Ribas.

-Emilio de Vicente Nogueira.

5. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas en atletismo para o curso 2009-2010:

Presidente: Fernando Fernández Fraga.

Secretario: Eduardo Pérez Romero.

Vogais:

-Pilar Veiga Barbazán.

-Juan Emilio Riveiro Rodríguez.

-Santiago Cabado Estraviz.

Tribunal suplente:

Presidenta: Isabel Serna Masiá.

Secretario: Diego Rojo Garrido.

Vogais:

-Jose Jorge Martínez Rodríguez.

-Miguel Ángel Abarca Ribas.

-Emilio de Vicente Nogueira.