DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 17 de xuño de 2009 Páx. 10.458

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2009, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado aos estudos superiores de deseño para o curso 2009-2010.

A Orde do 6 de marzo de 2008 pola que se regula o acceso e admisión ás ensinanzas superiores de deseño establece o proceso de admisión para quen non reúne os requisitos académicos establecidos con carácter xeral e para aquelas persoas que, reunindo os requisitos académicos, deben superar a proba específica definida na mesma orde, e autoriza a dirección xeral competente en materia de ensinanzas especiais, na súa disposición derradeira primeira, para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento do previsto nesa orde.

O Real decreto 1496/1999, do 24 de setembro, establece os estudos superiores de deseño, a proba de acceso e os aspectos básicos do currículo deses estudos; e o Decreto 233/2005, do 14 de xullo, establece o currículo dos estudos superiores de deseño e regula o acceso a ditas ensinanzas para a súa aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia, dispoñendo no seu artigo 15 que a dirección xeral competente en materia de ensinanzas especiais realizará as convocatorias anuais das probas de acceso e das de madureza, que se desenvolverán nas escolas superiores de deseño.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar as probas de acceso aos estudos superiores de deseño para o curso 2009-2010, que se rexerán polas seguintes instruccións:

Primeiro.-Acceso.

1. Acceso mediante proba.

a) De acordo co establecido no artigo 57.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, para o acceso aos estudos superiores de deseño requirirase estar en posesión do título de bacharel, ou titulación declarada equivalente, e superar a proba de acceso regulada no artigo 12.1º 1 do Decreto 233/2005, do 14 de xullo, na cal se valorará a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos.

b) Poderán acceder a estes estudos as persoas maiores de dezanove anos que, sen posuír o título de bacharel nin outro declarado equivalente, superen a proba de madureza prevista no artigo 12.1º 2 do Decreto 233/2005, do 14 de xullo. As persoas que superen esta primeira proba deberán superar tamén unha proba específica.

2. Acceso directo.

Segundo o establecido no artigo 3 da Orde do 6 de marzo de 2008, poderán acceder directamente a estes estudos os que:

a) Estean en posesión dalgún dos títulos de técnico superior en artes plásticas e deseño, ou outros declarados equivalentes, segundo o establecido no artigo 2 do Real decreto 1033/1999, do 18 de xuño. Para estes aspirantes reservaranse oito prazas, tal e como establece a Orde do 6 de maio de 2008.

b) Estean en posesión de determinados títulos de técnico superior de formación profesional específica, ou equivalentes, que o ministerio competente en materia de educación estableza de acordo co previsto no artigo 8.2º do Real decreto 1496/1999, do 24 de setembro. Para estes aspirantes reservaranse tres prazas, tal e como establece a Orde do 6 de maio de 2008.

Segundo.-Inscrición.

1. A inscrición farase na secretaría dos centros públicos en que se impartan os correspondentes estudos superiores de deseño, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 31 de xullo, e do día 1 ao día 8 de setembro de 2009. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a seguinte información:

a) Normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) Prazas que oferten nas distintas especialidades que teñan autorizadas.

c) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións.

d) Calendario e normas para formalizar a matrícula.

2. Para a formalización das solicitudes de admisión, os centros onde se impartan esas ensinanzas facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo que se xunta como anexo I a esta resolución. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría da escola a que solicita acceder en primeira opción, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

-Fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou documento de identidade da Unión Europea.

-Título de bacharel ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou libro de cualificacións do bacharelato, se fose o caso.

-Certificado de estudos do ciclo formativo en que figuren as cualificacións das diferentes materias cursadas e ter realizado o depósito do correspondente título ou o libro de cualificacións do ciclo formativo, se é o caso.

-Certificado da proba de acceso aos estudos superiores de deseño, se é o caso.

3. A relación de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios da escola onde se realizara a inscrición o día 9 de setembro.

Terceiro.-Desenvolvemento das probas.

1. As probas para os estudos superiores de deseño serán elaboradas pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa de acordo co establecido na Orde do 6 de marzo de 2008, pola que se regula o acceso e admisión ás ensinanzas superiores de deseño, e de acordo co establecido nos anexos II e III desta resolución.

2. As probas de acceso realizaranse nos días e horas que se indican a continuación:

Proba de madureza: día 10 de setembro.

Comentario de texto: das 10.00 ás 11.00 horas.

Conferencia: das 11.00 ás 13.00 horas.

Proba específica: día 11 de setembro.

Primeira parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

O alumnado seleccionará tres das materias que se expoñen a continuación e desenvolverá por escrito unha cuestión entre catro que se propoñan, para cada unha das tres elixidas.

Lingua e literatura españolas, lingua galega, lingua estranxeira (opción de inglés ou francés), matemáticas, física e química e historia.

Segunda parte:

Primeiro exercicio: das 16.00 ás 20.00 horas.

Segundo exercicio: das 20.00 ás 21.00 horas.

3. Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Cuarto.-Órganos competentes para resolver a admisión do alumnado.

1. Tal e como se establece no artigo 7 da Orde do 6 de marzo de 2008, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional de Innovación Educativa designará un tribunal formado por un presidente e catro vogais, así como outros asesores sen función cualificadora, que será o órgano competente para resolver sobre a admisión do alumnado, tal como queda recollido no anexo IV desta resolución.

2. Unha vez concluído o proceso de admisión, cada tribunal publicará a listaxe de persoas admitidas e non admitidas, en orde decrecente segundo a puntuación asignada. As escolas de arte e superiores de deseño farán pública a listaxe o día 18 de setembro, e remitiráselle á comisión autonómica a relación do alumnado que non obtivo praza na escola e solicitaba ademais outras escolas. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán presentar reclamación segundo se establece no capítulo sexto desta resolución.

3. As escolas comunicaranlle o día 18 de setembro á comisión autonómica de escolarización o número de persoas admitidas e o número de prazas vacantes en cada especialidade. Tamén lle remitirán a relación de todas aquelas persoas que non obtivesen praza na escola.

Quinto.-Proceso de matrícula.

1. O alumnado que obteña praza, adxudicada por resolución dos tribunais, deberá formalizar a súa matrícula entre o día 21 e o día 25 de setembro. Os centros facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo que se xunta como anexo I a esta resolución. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, que se xuntará á documentación presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2009-2010.

2. A comisión autonómica de escolarización resolverá a adxudicación das prazas vacantes aos solicitantes que non obtiveron praza. Da resolución definitiva das prazas farase a correspondente publicación nas escolas de arte e superiores de deseño o día 21 de setembro. Os admitidos segundo esta resolución terán de prazo para matricularse desde a data da publicación ata o 25 de setembro.

3. Para cada especialidade constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos por escola. O número de prazas por cada grupo será de 30 alumnos. Calquera modificación deste número requirirá autorización previa e expresa da xefatura do departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sexto.-Reclamacións e recursos.

1. Contra as resolucións dos tribunais, da comisión autonómica de escolarización ou da inspección educativa, se é o caso, as persoas interesadas poderán presentar reclamación no prazo de cinco días hábiles, contados a partir da data da súa publicación, ante o órgano que as ditou, que deberá resolver no prazo máximo de cinco días hábiles.

2. Contra as resolucións das reclamacións emitidas polos tribunais ou pola inspección educativa, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes ante a xefatura do departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no ámbito provincial correspondente en que se ditou a resolución recorrida. A resolución deste recurso porá fin á vía administrativa.

3. Contra as resolucións das reclamacións emitidas pola comisión autonómica de escolarización, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou, no caso previsto no artigo 8.4º da Orde do 6 de marzo de 2008, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. A resolución deste recurso porá fin á vía administrativa.

4. Contra a resolución do recurso de alzada as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2009.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

Ver referencia pdf "11700D008P030.PDF"

ANEXO II

I. Proba de madureza.

O aspirante deberá demostrar que posúe os coñecementos propios da etapa educativa precedente. A avaliación de cada un dos exercicios expresarase en termos de cualificacións, utilizando para iso a escala numérica do un ao dez, sen decimais. A superación desta proba, que terá carácter eliminatorio para os efectos de participación na proba específica, requirirá que a nota media da totalidade dos exercicios sexa, polo menos, de cinco.

A cualificación global da proba de acceso para maiores de dezanove anos resultará da media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas partes de que se compón: proba de madureza e proba específica. Sen prexuízo da observancia do procedemento para o cálculo da cualificación da proba específica que se establece no anexo III desta resolución.

A proba de madureza constará de dous exercicios:

a) Primeiro exercicio.

Desenvolvemento por escrito, durante o tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen a partir dun texto escrito.

Neste exercicio valorarase tanto a madureza e o nivel de coñecementos referidos aos coñecementos propios da etapa educativa precedente canto a comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

b) Segundo exercicio.

Desenvolvemento por escrito, durante o tempo máximo de dúas horas, das cuestións que se formulen a partir dunha conferencia impartida por un membro do tribunal.

Neste exercicio valorarase tanto a madureza e o nivel de coñecementos referidos aos coñecementos propios da etapa educativa precedente como a compresión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

ANEXO III

II. Proba específica.

A proba específica constará de dúas partes. A cualificación da primeira parte expresarase en termos numéricos, utilizando para iso a escala do un ao dez con dous decimais. Cumprirá obter unha cualificación igual ou superior a cinco para a súa superación.

Así mesmo, a cualificación da segunda parte, que será única, expresarase en termos numéricos, utilizando para iso a escala do un ao dez con dous decimais. Cumprirá obter unha cualificación igual ou superior a cinco para a súa superación.

A cualificación final da proba de acceso, que se calculará só se superou cada unha das dúas partes, resultará da media ponderada das cualificacións obtidas nos dous exercicios superados, valorándose o primeiro exercicio nun 40 por cento e o segundo nun 60 por cento. A dita cualificación final expresarase en termos numéricos, utilizando para iso a escala do un ao dez con dous decimais.

a) Primeira parte.

Versará sobre as seguintes materias: lingua e literatura galegas, lingua e literatura españolas, lingua estranxeira (opción de inglés ou francés), matemáticas, física e química e historia. Os contidos e os niveis das probas referiranse ás materias de bacharelato sinaladas anteriormente. Cada aspirante seleccionará tres das devanditas materias e desenvolverá por escrito unha cuestión entre catro que se propoñan, para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para contestar cada unha das materias será de sesenta minutos. Valoraranse tanto os coñecementos do nivel educativo precedente como o grao de madureza en canto á comprensión dos conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

b) Segunda parte.

A segunda parte constará de dous exercicios:

-Primeiro exercicio: terá unha duración de catro horas e consistirá na realización dun exercicio de representación dun modelo tridimensional mediante a aplicación de técnicas e de linguaxes propias do debuxo artístico, e a representación do mesmo modelo nun sistema de representación técnica.

Neste exercicio, valorarase a fidelidade, tanto artística como técnica, da representación, así como as aptitudes creativas, as habilidades, as destrezas, a sensibilidade artística demostrada na realización do exercicio, os coñecementos, a comprensión técnica, a capacidade para crear e resolver problemas, a calidade e precisión no acabado do traballo e a correcta utilización das técnicas empregadas.

-Segundo exercicio: terá unha duración dunha hora e consistirá na realización dun exercicio compositivo en cor realizado con técnica libre, baseado na libre interpretación do modelo proposto.

A segunda parte, cunha duración dunha hora, consistirá na realización dun exercicio compositivo en cor realizado con técnica libre, baseado na libre interpretación do modelo proposto.

Neste exercicio valoraranse as aptitudes creativas, as habilidades, as destrezas, a imaxinación e a sensibilidade artística demostrada na realización do exercicio, os coñecementos, a capacidade para crear e resolver problemas compositivos, a calidade estética e a precisión no acabado do traballo, así como a correcta selección e utilización das técnicas e os procedementos artísticos empregados.

Ver referencia pdf "11700D008P030.PDF"