DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 17 de xuño de 2009 Páx. 10.449

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2009, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2009-2010.

A Orde do 25 de xuño de 2007, pola que se regula o acceso e admisión ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, establece o proceso de admisión para quen non reúne os requisitos académicos establecidos con carácter xeral e para aquelas persoas que, reunindo os requisitos académicos, deben superar a proba específica definida na mesma orde, e autoriza a dirección xeral competente en materia de ensinanzas especiais, na súa disposición derradeira primeira, para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento do previsto nesa orde.

Na súa virtude, esta dirección xeral resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2009-2010, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeiro.-Modalidades de acceso.

1. Acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio.

Terá acceso ás ensinanzas de artes plásticas e deseño de grao medio o alumnado que cumpra calquera dos seguintes requisitos:

a) Dispor do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para efectos académicos, e superar unha proba específica.

b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para efectos académicos, deberá ter cumpridos os dezasete anos e superar a proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ademais da correspondente proba específica.

c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, pola proba de madureza a ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou pola proba de madureza de grao medio de ensinanzas deportivas.

2. Acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao superior.

Terá acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao superior o alumnado que cumpra calquera dos seguintes requisitos:

a) Dispor do título de bacharel, ou equivalente para efectos académicos, e superar unha proba específica.

b) O alumnado que non dispoña do título de bacharel, ou equivalente para efectos académicos, deberá ter cumpridos os dezanove anos e superar a proba de madureza que se establece no anexo IV desta resolución, ademais da correspondente proba específica.

c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, pola proba de madureza a ciclos formativos de grao superior de formación profesional ou pola proba de madureza de grao superior de ensinanzas deportivas.

Tanto nun como noutro caso, a idade mínima establecida deberá cumprirse dentro do ano natural de realización da proba.

3. Acceso directo.

3.1. Estarán exentos de realizar a proba específica de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño:

a) Quen estea en posesión dun título de técnico ou técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexen cursar.

b) Quen teña superados os cursos comúns de artes aplicadas e oficios artísticos dos planos de estudos establecidos polo Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, os establecidos con carácter experimental ao abeiro do Real decreto 799/1984, do 28 de marzo, sobre regulación de experiencias en centros de ensinanzas artísticas, así como polo Real decreto 942/1986, do 9 de maio, polo que se establecen normas xerais para a realización de experimentacións educativas en centros docentes.

3.2. Estarán exentos de realizar a proba específica de acceso ao grao superior de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño:

a) Quen estea en posesión dun título de técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexen cursar ou título declarado equivalente.

3.3. Estarán exentos de realizar a proba específica de acceso aos graos medio e superior das ensinanzas de artes plásticas e deseño, quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

a) Título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato experimental.

b) Título superior de artes plásticas e título superior de deseño, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

c) Título superior de conservación e restauración de bens culturais, nas súas diferentes especialidades.

d) Licenciatura en belas artes.

e) Arquitectura.

f) Enxeñería técnica en deseño industrial.

3.4. Así mesmo, estarán exentos de realizar a proba específica de acceso aos graos medio e superior de artes plásticas e deseño, quen acredite ter experiencia laboral de, polo menos, un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo ao que se queira acceder, achegando a seguinte documentación:

Certificación da empresa onde adquiriu a experiencia laboral.

Segundo.-Inscrición para as probas.

1. A inscrición farase na secretaría dos centros públicos en que se impartan as correspondentes ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o día 31 de xullo, e do día 1 ao día 8 de setembro de 2009. Para tal fin, os centros docentes deberán expor nos seus taboeiros de anuncios a seguinte información:

a) Normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) Prazas que oferten nos diferentes ciclos que teñan autorizados.

c) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións.

d) Calendario e normas para formalizar a matrícula.

2. Para a formalización das solicitudes de admisión, os centros onde se impartan estas ensinanzas facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo que se xunta como anexos I e II a esta resolución. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría da escola a que solicita acceder en primeira opción, xunto coa documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

-Fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou documento de identidade da Unión Europea.

-Título de ESO ou bacharel, ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou libro de cualificacións de ESO ou de bacharelato.

-Certificado de estudos en que figuren as cualificacións das diferentes materias cursadas e ter realizado o depósito do correspondente título.

-Certificado da proba de acceso ao ciclo formativo, se é o caso.

-Certificado da proba de madureza de ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou ensinanzas deportivas, se é o caso.

3. As persoas solicitantes da exención prevista no punto 5º do artigo 5 da Orde do 25 de xuño de 2007 xuntarán o certificado de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, onde conste a opción efectuada e a puntuación conseguida. A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador.

4. As persoas que aleguen experiencia laboral xuntarán o documento acreditativo, emitido pola empresa correspondente.

5. A relación de persoas inscritas será exposta o día 9 de setembro de 2009 no taboeiro de anuncios da escola onde se realizara a inscrición.

Terceiro.-Desenvolvemento das probas.

1. As comisións avaliadoras, coa composición que figura no anexo V desta resolución, tomarán como criterios de avaliación os que se indican nos anexos III e IV desta resolución.

2. As probas realizaranse nos días e horas que se indican a continuación:

a) Ciclos formativos de grao medio:

Proba de madureza: 14 de setembro.

Primeira parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

Versará sobre as seguintes materias: lingua galega, lingua castelá, científico-tecnolóxico e sociocultural.

O alumnado seleccionará tres das devanditas materias e desenvolverá por escrito unha cuestión de entre dúas que se propoñan, para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para responder ás cuestións de cada materia será de sesenta minutos.

Segunda parte: das 16.30 ás 19.30 horas.

Educación plástica e visual.

Proba específica: 15 de setembro.

Primeiro exercicio: das 10.00 ás 11.00 horas.

Segundo exercicio: das 12.00 ás 14.00 horas.

Terceiro exercicio: das 17.00 ás 19.00 horas.

b) Ciclos formativos de grao superior:

Proba de madureza: día 14 de setembro.

Primeira parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

Versará sobre as seguintes materias: lingua galega, lingua e literatura españolas, lingua estranxeira (opción de inglés ou francés), historia e filosofía.

O alumnado seleccionará tres das devanditas materias e desenvolverá por escrito unha cuestión de entre dúas que se propoñan, para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para responder ás cuestións de cada materia será de sesenta minutos.

Segunda parte: das 17.00 ás 18.00 horas.

Historia da arte.

Proba específica para todas as familias profesionais: día 15 de setembro.

Primeiro exercicio: das 10.00 ás 11.00 horas.

Segundo exercicio: das 12.00 ás 14.00 horas.

Terceiro exercicio: das 17.00 ás 19.00 horas.

3. Calquera posible variación sobre este calendario requerirá autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Cuarto.-Exencións.

1. Para resolver as exencións previstas na Orde do 25 de xuño de 2007, as persoas integrantes da comisión avaliadora constituiranse en comisión de valoración da documentación presentada polos aspirantes. O resultado da valoración entregarase mediante informe ao director ou directora do centro onde se fixese a inscrición, que deberá ditar unha resolución expresa individualizada e comunicada ao aspirante antes da data de realización da proba. Unha copia desta resolución xuntarase á solicitude de inscrición do aspirante mediante a correspondente dilixencia.

2. No caso de resolución denegatoria, esta deberá ser motivada e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante a xefatura do departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá e agotará a vía administrativa.

Quinto.-Órganos competentes para resolver a admisión do alumnado.

1. A comisión avaliadora de cada escola de artes e superior de deseño é o órgano competente para resolver sobre a admisión do alumnado. Nos centros públicos, a dirección será a responsable do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado e correspóndelle ao Consello Escolar garantir o seu cumprimento. Nos centros autorizados de arte, as persoas titulares serán as responsables do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado e correspóndelle ao Consello Escolar garantir o seu cumprimento.

2. Unha vez concluído o proceso de admisión, cada comisión avaliadora publicará a listaxe de persoas admitidas e non admitidas, en orde decrecente, segundo a puntuación asignada. Contra a resolución das comisións avaliadoras, as persoas interesadas poderán presentar reclamacións segundo se establece no noveno punto desta resolución.

3. As escolas comunicaranlle o día 18 de setembro á comisión autonómica de escolarización o número de persoas admitidas e o número de prazas vacantes en cada ciclo formativo. Tamén lle remitirán a relación de todas aquelas persoas que non obtivesen praza na escola.

Sexto.-Criterios de selección de prazas.

De acordo co disposto no artigo 6.3º da Orde do 25 de xuño de 2007, establécese a seguinte orde de preferencia entre as solicitudes de reserva establecidas no punto 6.1º da mesma orde:

1. Ensinanzas profesionais de grao medio:

1.1. Para os aspirantes que accedan directamente ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, cando non existan prazas suficientes, terá prioridade o alumnado que:

a) Estea en posesión do título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato artístico experimental.

b) Estea exento de realizar a proba específica de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño por experiencia laboral de, polo menos, un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao medio e superior ao que se queira acceder.

c) Estea en posesión do título de técnico de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexe cursar ou teña superados os cursos de materias comúns de artes aplicadas e oficios artísticos.

d) Estea en posesión do título de técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexen cursar ou título declarado equivalente.

e) Estea en posesión do título superior de artes plásticas, título superior de deseño ou título superior de conservación e restauración de bens culturais, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

f) Estea en posesión do título de arquitectura ou da licenciatura en belas artes.

g) Enxeñería técnica en deseño industrial.

Dentro de cada unha das alíneas anteriores a prioridade das solicitudes virá determinada pola maior puntuación obtida como media aritmética das cualificacións acadadas nas diferentes materias dos estudos alegados para o ingreso no ciclo formativo, expresada con dous decimais. En caso de empate efectuarase por sorteo público.

1.2. Para os aspirantes que accedan mediante proba específica ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba específica.

b) En caso de empate, por sorteo público.

1.3. Para os aspirantes que accedan mediante proba de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba de acceso. Para determinar a cualificación da proba de acceso non se terá en conta a parte que sexa obxecto de exención.

b) En caso de empate, por sorteo público.

2. Ensinanzas profesionais de grao superior.

2.1. Para os aspirantes que accedan directamente ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, cando non existan prazas suficientes terá prioridade o alumnado que:

a) Estea en posesión do título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato artístico experimental.

b) Estea exento de realizar a proba específica de acceso ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño por experiencia laboral de polo menos un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao medio e superior ao que se queira acceder.

c) Estea en posesión do título de técnico superior de artes plásticas e deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexen cursar ou título declarado equivalente.

d) Estea en posesión do título superior de artes plásticas, título superior de deseño ou título superior de conservación e restauración de bens culturais, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

e) Estea en posesión do título de arquitectura ou da licenciatura en belas artes.

f) Enxeñería técnica en deseño industrial.

Dentro de cada unha das alíneas anteriores a prioridade das solicitudes virá determinada pola maior puntuación obtida como media aritmética das cualificacións acadadas nas diferentes materias dos estudos alegados para o ingreso no ciclo formativo, expresada con dous decimais. En caso de empate, efectuarase por sorteo público.

2.2. Para os aspirantes que accedan mediante proba específica ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba específica.

b) En caso de empate, por sorteo público.

2.3. Para os aspirantes que accedan mediante proba de acceso ao grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, a prioridade virá determinada por:

a) Maior puntuación na proba de acceso. Para determinar a cualificación da proba de acceso non se terá en conta a parte que sea obxecto de exención.

b) En caso de empate, por sorteo público.

3. Para os efectos do cálculo da cualificación media do expediente académico das persoas que soliciten acceder aos ciclos formativos aplicaranse as seguintes equivalencias:

-Suficiente/aprobado: 5,5.

-Ben: 6,5.

-Notable: 7,5.

-Sobresaínte/matrícula de honra: 9,0.

O resultado de aplicar a táboa de equivalencias indicada anteriormente expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudo, con dúas cifras decimais.

Para determinar a media do expediente académico non se considerarán as materias ou áreas que o alumno teña validadas ou nas que estivese exento.

4. En cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada módulo solto da oferta modular das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño. As condicións, criterios e probas de acceso serán as mesmas que as reguladas para os ciclos formativos das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, segundo o establecido nesta resolución. No caso de quedaren prazas vacantes unha vez resolto o proceso de admisión, as ditas vacantes poderán ser ofertadas ao alumnado que non curse ensinanzas regradas, a través dos cursos monográficos que oferte o centro. Neste caso as prazas cubriranse por estrita orde de chegada, e o alumnado poderá obter unha certificación de capacidades.

Sétimo.-Relación de persoas admitidas.

As escolas de artes e superiores de deseño, farán pública, o día 18 de setembro, a resolución de persoas admitidas, a adxudicación de prazas e a relación de solicitantes por cada ciclo formativo, coa totalidade de puntuación outorgada por epígrafes. Estarán ordenadas de maior a menor puntuación e remitiráselle á comisión autonómica a relación do alumnado que non obtivo praza na escola e solicitaba ademais outras escolas.

Oitavo.-Matrícula e constitución de grupos de ciclos formativos.

1. O alumnado que obteña praza, adxudicada por resolución das comisións avaliadoras, deberá formalizar a súa matrícula entre o día 21 e o día 25 de setembro. Os centros facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo que se xunta como anexo I e II a esta resolución. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito de acceder a estas ensinanzas no curso 2009-2010.

2. A comisión autonómica de escolarización ou os servizos provinciais de Inspección Educativa resolverán a adxudicación de prazas vacantes aos solicitantes que non obtiveron praza pola resolución das comisións avaliadoras. Desta resolución farase a correspondente publicación nos departamentos territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nas escolas de arte e superiores de deseño o día 21 de setembro. O alumnado admitido segundo esta resolución terá de prazo para matricularse desde a data da publicación ata o 25 de setembro.

3. Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos/as por escola. O número de alumnos/as de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas e das posibilidades das instalacións e medios de cada ciclo e escola en particular, non deben superar en ningún caso os 30 alumnos/as, non cuantificándose para estes efectos o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requirirá autorización previa e expresa do departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. A posta en marcha de cada ciclo formativo estará condicionada á existencia dun número mínimo de 10 alumnos/as, non cuantificándose para estes efectos o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requerirá autorización previa e expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Noveno.-Reclamacións e recursos.

1. Os acordos e decisións sobre a admisión do alumnado realizados polas comisións avaliadoras, así como as decisións das comisións de escolarización ou dos servizos provinciais da Inspección Educativa, de ser o caso, poderán ser obxecto de reclamación ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo de cinco días hábiles. Estes órganos deberán resolver as reclamacións no prazo de cinco días hábiles.

2. Contra as resolucións das reclamacións emitidas polos tribunais ou pola inspección educativa, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes ante a xefatura do departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no ámbito provincial correspondente en que se ditou a resolución recorrida. A resolución deste recurso porá fin á vía administrativa.

3. Contra as resolucións das reclamacións emitidas pola comisión autonómica de escolarización, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. A resolución deste recurso porá fin á vía administrativa.

4. Contra a resolución do recurso de alzada as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2009.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

Ver referencia pdf "11700D007P021.PDF"

ANEXO III

I. Proba de madureza dos ciclos formativos de grao medio das familias profesionais de artes plásticas e deseño.

A proba de acceso constará de dúas partes:

Primeira parte:

-Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua galega a partir dun texto escrito.

-Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua castelá a partir dun texto escrito.

-Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos socioculturais.

-Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos científico-tecnolóxicos (matemáticas, ciencias da natureza e tecnoloxía).

Nestes exercicios valoraranse a madureza e o nivel de coñecementos sobre estas áreas propias do currículo da educación secundaria obrigatoria. Cumprirá seleccionar tres das devanditas materias e desenvolver por escrito unha cuestión de entre dúas que se propoñan, para cada unha das tres elixidas.

Segunda parte:

-Realización, durante un tempo máximo de tres horas, dun exercicio de composición de libre interpretación e técnica, baseado nun modelo proposto.

II. Proba de madureza dos ciclos formativos de grao superior das familias profesionais de artes plásticas e deseño.

Versará sobre as materias comúns propias do currículo do bacharelato.

-Lingua galega.

-Lingua e literatura españolas.

-Lingua estranxeira (inglés ou francés).

-Historia.

-Filosofía.

Cumprirá seleccionar tres das devanditas materias e desenvolver por escrito unha cuestión entre dúas que se propoñan, para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para a súa realización será dunha hora para cada materia. Nestes exercicios valoraranse a madureza e o nivel de coñecementos sobre estas áreas propias do currículo de bacharelato, o grao de madureza da persoa aspirante en canto á correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e de síntese.

ANEXO IV

I. Proba específica para o acceso a ciclos formativos de grao medio das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

a) Primeiro exercicio: proba escrita.

Desenvolvemento, nun tempo máximo dunha hora dun tema proposto nun texto sobre artes plásticas e coñecementos histórico-artísticos. Neste exercicio valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización.

Realización, nun tempo máximo de dúas horas, de debuxos e bosquexos sobre un tema proposto para a súa aplicación posterior. Neste exercicio valoraranse as destrezas específicas e as capacidades de observación, percepción e aptitude para os estudos concretos das distintas familias profesionais.

c) Terceiro exercicio: execución.

Execución durante un tempo máximo de dúas horas, cos bosquexos e debuxos realizados no exercicio segundo. Valorarase a capacidade artística e a creatividade do aspirante, o sentido do espazo, a composición e a predisposición para os estudos concretos das distintas familias profesionais.

II. Proba específica para acceso a ciclos formativos de grado superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

a) Primeiro exercicio: proba escrita.

Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, de temas propostos nun texto ou por medio de documentación gráfica relacionados coas artes plásticas.

Valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización.

Realización, durante un tempo máximo de dúas horas, de bosquexos e debuxos sobre un tema proposto que servirán de base para a posterior realización. Valoraranse as destrezas, as habilidades, capacidades de percepción, de observación e de aptitude, así como a predisposición para os estudos concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

c) Terceiro exercicio: execución.

Execución, durante un tempo máximo de dúas horas, do xeito que determine o tribunal, cos bosquexos realizados no exercicio anterior, dun traballo relacionado co ciclo ao que o alumno ou alumna aspira a acceder. Valorarase a capacidade artística e a creatividade do/da aspirante, o sentido do espazo e a capacidade compositiva, así como a predisposición para os estudos concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

Ver referencia pdf "11700D007P021.PDF"