DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 17 de xuño de 2009 Páx. 10.447

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 26 de maio de 2009 pola que se modifica a adscrición de determinadas fundacións de interese galego, e se ordena a súa adscrición ás consellerías competentes para o exercicio das funcións de protectorado.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, modifican a distribución de competencias entre centros directivos, o que ocasiona a necesidade de readscribir determinadas fundacións de interese galego a aquelas consellerías ás que polas competencias atribuídas lles corresponda o exercicio das funcións de protectorado por razón dos fins fundacionais, con base nos seguintes

Feitos:

1. Con data do 13 de maio de 2009, recibiuse escrito do secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, polo que se solicita a readscricion das fundacións de interese galego que se relacionan que figuran adscritas ao protectorado da anterior Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e que por razón do seu obxecto fundacional estímase que deben ser adscritas ao protectorado da Consellería do Medio Rural, ao integrarse nesta a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, as seguintes fundacións:

-Fundación Xermán Estévez.

-Fundación Adolfo Sobrino.

-Fundación Refuxio de Animais.

-Fundación María Antonia de Velasco González.

-Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia.

-Fundación Amigos de Doñana.

-Fundación Laboratorio de Anatomía Animal.

2. A Fundación Karpin Vivienda foi clasificada de interese social por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 10 de decembro de 2008, e adscrita ao protectorado da anterior Consellería de Vivenda e Solo, estando pendente a súa declaración de interese galego e inscrición no rexistro, pola consellería competente na materia que constitúe o obxecto fundacional.

Unha vez que as competencias en materia de vivenda foron atribuídas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, procede a readscrición da Fundación Karpin Vivienda á citada consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

3. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías, na súa reunión de data vinte e cinco de maio de 2009, emite informe favorable de readscrición das fundacións relacionadas nos feitos primeiro e segundo ás consellerías competentes para o exercicio das funcións de protectorado.

Consideracións xurídicas:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outorgalle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Segundo o disposto no artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a súa adscrición á consellería competente para o exercicio das funcións de protectorado.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Adscribir ao protectorado da Consellería do Medio Rural as seguintes fudancións: Fundación Xermán Estévez, Fundación Adolfo Sobrino, Fundación Refuxio de Animais, Fundación María Antonia de Velasco González, Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, Fundación Amigos de Doñana e Fundación Laboratorio de Anatomía Animal.

Artigo 2º.-Adscribir ao protectorado da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a Fundación Karpin Vivienda.

Disposicións adicionais

Primeira.-A instrumentalización do disposto nesta orde efectuarase mediante o traslado material da documentación e datos inscritos na sección do rexistro do protectorado de orixe, e recepción polo órgano competente da consellería á que se readscribe.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza