DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 17 de xuño de 2009 Páx. 10.446

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 18 de maio de 2009 pola que se clasifica de interese laboral a Fundación Ourensana Hosteser.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Ourensana Hosteser, con domicilio,

Supostos de feito:

1. Ovidio Fernández Ojea, na súa condición de presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense, o nove de febreiro de dous mil nove, ante o notario Fernando Martínez-Gil Fluxa, co número de protocolo douscentos corenta e sete, por José Pérez Seara, Ovidio Fernández Ojea e Hilario Airas Besteiro que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

Sensibilizar, promover, difundir e executar toda clase de actividades relacionadas coa formación, así como a súa relación coa contorna ambiental en que se desenvolve.

Investigar sobre as pautas de comportamento dos empresarios para a mellora da cualificación profesional.

Elevar o nivel de profesionalización do sector de hostalaría e outros servizos a través da investigación, innovación, divulgación e implantación de novos sistemas metodolóxicos para a preparación dos profesionais do sector.

Estudar, establecer e definir todas aquelas innovacións encamiñadas a mellorar a calidade dos procedementos en calquera materia dentro dos sectores de hostalaría e outros servizos.

Promoción, fomento e difusión da lingua e cultura galegas e defensa do medio natural de Galicia

4. O padroado da fundación estará integrado por Ovidio Fernández Ojea como presidente, Hilario Arias Besteiro como secretario, e José Pérez Seara como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación Ourensana Hosteser, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, de 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese laboral e a súa adscrición á Consellería de Traballo e Benestar.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día once de maio de dous mil nove.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese laboral a Fundación Ourensana Hosteser, adscribíndoa á Consellería de Traballo e Benestar, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza