DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 17 de xuño de 2009 Páx. 10.433

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

DECRETO 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Os decretos 79/2009, do 19 de abril, e 83/2009, do día 21 do mesmo mes, estableceron, respectivamente, a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos departamentos desta, estruturándoa nas secretarías xerais, direccións xerais ou órganos de igual categoría necesarios para o cumprimento dos fins que a nova estrutura comporta e adscribíndolles os organismos autónomos ou entes públicos pertinentes.

O artigo 4 do segundo decreto citado fixou a estrutura orgánica básica da Consellería de Economía e Industria. Para os efectos de establecer o marco xurídico-administrativo no que a dita consellería debe desenvolver os seus obxectivos, procede agora establecer a nova estrutura ata o nivel de xefatura de servizo distribuíndo as funcións asignadas dun modo racional para así conferirlle a máxima eficacia no seu exercicio.

A estrutura orgánica que aproba este decreto, asentada en criterios de austeridade e economía, está amparada pola competencia exclusiva que os artigos 148.1º.1 da Constitución española e 27.1º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúen á Comunidade Autónoma galega para organizar as súas institucións de goberno e atende aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, de conformidade co disposto no artigo 103.1º do texto fundamental, deben presidir a actuación administrativa.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, tras os informes da Consellería de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día xx de xuño de dous mil nove,

DISPOÑO:

Título I

Ámbito competencial e organización xeral da consellería

Artigo 1º.-Ámbito competencial.

A Consellería de Economía e Industria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións nos ámbitos da promoción e dinamización económica, investigación, desenvolvemento e innovación, industria, seguridade industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía, minas, artesanía, comercio interior e exterior, consumo, así como a planificación, en colaboración coa consellería competente en materia de vivenda e solo, das infraestruturas dos servizos empresariais do solo industrial, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.

O exercicio das competencias realizarase sen prexuízo das que teñan atribuídas outras institucións ou departamentos da Xunta de Galicia nas mesmas materias, mediante o establecemento dos mecanismos de coordinación que, para estes efectos, resulten oportunos.

Artigo 2º.-Órganos directivos.

A Consellería de Economía e Industria estrutúrase, para o desempeño das súas funcións, nos seguintes centros directivos:

1) O/A conselleiro/conselleira.

2) A Secretaría Xeral.

3) A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

4) A Dirección Xeral de Comercio.

5) A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

6) Os órganos periféricos.

Título II

Servizos centrais

Capítulo I

Do/Da conselleiro/conselleira

Artigo 3º.-O/A conselleiro/conselleira.

O/A conselleiro/conselleira é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Capítulo II

Da Secretaría Xeral

Artigo 4º.-Atribucións.

A Secretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, en relación con todas as unidades e servizos da consellería e, en particular:

a) O asesoramento e coordinación de todos os servizos da consellería.

b) A emisión dos informes e a realización dos estudos técnicos e xurídicos que se lle soliciten en relación cos asuntos dos que coñezan a consellería ou os organismos autónomos adscritos a ela.

c) A preparación de métodos de organización interna e sistemas de información para a racionalización e mellora dos sistemas de traballo dos servizos da consellería.

d) A asesoría técnica, execución, proposta, coordinación e supervisión dos plans de informatización de todos os órganos da consellería e das unidades dependentes dela co fin de automatizar, axilizar e mellorar o seu funcionamento.

e) A remisión dos asuntos que deban someterse ao Consello da Xunta de Galicia ou ás súas comisións delegadas.

f) A análise dos anteproxectos de lei e proxectos de disposicións regulamentarias elaborados por outras consellerías.

g) A expedición de certificacións dos actos de atribución específica da persoa titular da consellería.

h) O seguimento da tramitación e rexistro dos convenios, acordos, protocolos e declaracións de intencións subscritos no ámbito competencial da consellería.

i) A representación da consellería nos órganos colexiados que exerzan funcións relacionadas coas súas competencias.

j) A actuación como órgano de comunicación con outras consellerías en materias relacionadas coas súas funcións e competencias.

k) A substitución temporal das persoas titulares das direccións xerais da consellería nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade.

l) As demais que lle atribúa o ordenamento xurídico vixente e cantas outras lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación da persoa titular da consellería.

Artigo 5º.-Estrutura.

A Secretaría Xeral estrutúrase, para o exercicio das súas funcións e baixo a superior dirección do conselleiro/conselleira, nas seguintes unidades:

1) Vicesecretaría Xeral.

a) Servizo de Persoal.

b) Servizo de Contratación.

c) Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

2) Servizo Técnico-Xurídico.

3) Servizo de Informática.

4) Asesoría Xurídica da consellería.

5) Intervención Delegada.

Artigo 6º.-A Vicesecretaría Xeral.

1. A Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, terá atribuídas as seguintes funcións:

a) O estudo, preparación e informe dos asuntos que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia.

b) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral para o estudo e preparación das reunións da Comisión de Secretarios Xerais.

c) A coordinación, para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia, ou en calquera outro diario oficial, das disposicións e actos administrativos ditados polos distintos órganos da consellería.

d) O desempeño das funcións que teña encomendadas a consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as que exerza o protectorado.

e) A xestión dos asuntos relacionados co persoal da consellería, así como o seguimento e control do rexistro de persoal, sen prexuízo das atribucións que correspondan aos órganos da consellería competente en materia de Función Pública.

f) A elaboración e tramitación do anteproxecto de orzamento da consellería, o control, seguimento e coordinación da execución económica e mais a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos afectados.

g) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

h) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

i) A organización, dirección e control do arquivo da consellería.

j) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

k) A atención e coidado do réxime interno das dependencias da consellería, así como a administración e conservación dos bens mobles e inmobles que ten adscritos.

l) O control, coordinación e execución dos proxectos de obra da consellería.

m) A conservación e mantemento das dependencias e edificios adscritos a consellería.

n) A supervisión e coordinación de todos os convenios subscritos pola consellería, así como a súa remisión ao órgano encargado de realizar os trámites necesarios para o seu rexistro.

o) A substitución temporal da persoa titular da Secretaría Xeral no suposto de vacante, ausencia o enfermidade agás a asistencia as reunións da Comisión de Secretarios Xerais.

p) Aqueloutras funcións que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Da Vicesecretaría Xeral dependen as seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Persoal.

b) Servizo de Contratación.

c) Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

Artigo 7º.-O Servizo de Persoal.

O Servizo de Persoal exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión, control e coordinación de todo o persoal dos servizos centrais.

b) A tramitación dos expedientes administrativos relativos a persoal funcionario, laboral e eventual.

c) A programación das necesidades de persoal.

d) O control de asistencia e puntualidade.

e) O estudo, tramitación e elaboración das propostas de resolución de reclamacións previas á vía laboral e recursos, así como a execución de sentenzas, en materia de persoal funcionario e laboral da consellería.

f) Aqueloutras funcións que, dentro seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 8º.-O Servizo de Contratación.

O Servizo de Contratación exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da consellería, cando se trate de obras, xestión de servizos públicos, subministracións e servizos ou calquera outra figura contractual, excepto aqueles cuxa xestión estea atribuída a outros servizos da consellería.

b) O seguimento e control da execución dos contratos.

c) Aqueloutras funcións que, dentro seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 9º.-O Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

O Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria exercerá as seguintes funcións:

a) O asesoramento en materia orzamentaria aos órganos directivos da consellería.

b) A coordinación do anteproxecto de orzamentos da consellería, así como o control e seguimento da execución orzamentaria.

c) A execución da xestión orzamentaria efectuando os trámites económico- administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamentos dos servizos centrais da Secretaría Xeral.

d) A tramitación das propostas de modificación orzamentaria da consellería.

e) A habilitación de gastos de persoal da consellería e dos gastos correntes dos servizos centrais da Secretaría Xeral.

f) Aqueloutras funcións que, dentro seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 10º.-O Servizo Técnico-Xurídico.

O Servizo Técnico-Xurídico, baixo a dependencia orgánica e funcional da persoa titular da Secretaría Xeral, terá atribuídas as seguintes funcións:

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións que elaboren os centros directivos da consellería, así como a preparación das compilacións e refundicións das normas emanadas desta.

b) A elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada, de reposición e de revisión, das solicitudes de revisión de oficio, das reclamacións previas á vía civil e dos procedementos de responsabilidade patrimonial da Administración e a notificación, se é o caso, das súas resolucións.

c) A elaboración dos estudos xurídicos, resolucións, informes e demais asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral.

d) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería ou dos seus centros directivos.

e) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos nos que a consellería sexa parte interesada.

f) A coordinación dos departamentos territoriais e demais órganos periféricos da consellería en materia técnico-xurídica.

g) A tramitación dos requerimentos e peticións formulados á consellería polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, os cidadáns e outros órganos e institucións.

h) En xeral, cantas funcións lle sexan atribuídas, encomendadas, ou delegadas, por razón da súa competencia, pola Secretaría Xeral.

Artigo 11º.-O Servizo de Informática.

O Servizo de Informática, baixo a dependencia orgánica e funcional da persoa titular da Secretaría Xeral, sen prexuízo das competencias que en materia de coordinación informática teña atribuídas a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A administración dos sistemas informáticos e das redes de voz e datos, incluíndo a súa instalación, mantemento e actualización.

b) A atención aos usuarios e formación destes.

c) A proposta de novos desenvolvementos, planificación e execución deles e xestión e mantemento dos desenvolvementos en fase de explotación.

d) A definición e cumprimento das políticas de seguridade e protección de datos, velando polo cumprimento da normativa sobre tratamento de datos de carácter persoal, con especial referencia á implantación, revisión e auditoría dos documentos de seguridade exixibles no eido xeral da consellería.

e) A avaliación e coordinación das demandas de desenvolvemento informático das diversas unidades.

f) A selección dos materiais e produtos para implantar os cambios tecnolóxicos ao servizo das necesidades emerxentes.

g) A elaboración e mantemento do sitio web da consellería.

h) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola Secretaría Xeral.

Artigo 12º.-A Asesoría Xurídica da consellería.

A Asesoría Xurídica da consellería adscríbese organicamente á Secretaría Xeral con nivel de subdirección xeral e depende funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral.

As súas funcións serán as previstas no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

A Asesoría Xurídica terá adscrito o persoal que se estableza na correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 13º.-A Intervención Delegada.

A Intervención Delegada adscríbese organicamente á Secretaría Xeral con nivel de subdirección xeral e depende funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

As súas funcións e estrutura serán as especificamente previstas no decreto polo que se estableza a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

Capítulo III

Das direccións xerais

Sección primeira

Dos/Das directores/directoras xerais

Artigo 14º.-Os/as directores/as xerais.

Os/as directores/as xerais son os titulares dos órganos directivos encargados da xestión dunha ou varias áreas funcionalmente homoxéneas da consellería.

Para tal efecto, terán atribuídas as seguintes funcións:

a) A proposta dos proxectos da súa dirección xeral para acadar os obxectivos establecidos pola persoa titular da consellería, a dirección da súa execución e o control do seu cumprimento.

b) O exercicio das competencias atribuídas á dirección xeral e das que lle sexan desconcentradas ou delegadas.

c) A proposta á persoa titular da consellería, nos restantes casos, da resolución que consideren procedente sobre os asuntos que afecten ao órgano directivo.

d) O impulso e supervisión das actividades que forman parte da xestión ordinaria do órgano directivo e o control do bo funcionamento dos órganos e unidades dependentes e do persoal integrado neles.

e) A coordinación das actuacións dos departamentos territoriais no ámbito da súa competencia para homoxeneizar o seu funcionamento e mais a interpretación e aplicación da normativa.

f) A xestión dos programas da Unión Europea, estatais e autonómicos residenciados na Dirección Xeral.

g) As demais atribucións que lle confiran as leis e regulamentos.

Sección segunda

Da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento

e Innovación

Artigo 15º.-Atribucións.

Á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación correspóndelle a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei estatal 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica e na Lei galega 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia; a elaboración, xestión, coordinación e control do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (en adiante, PGIDIT); a presidencia do Consello de Administración da sociedade anónima Centro de Supercomputación de Galicia; a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da consellería nas materias de innovación tecnolóxica e innovación na xestión dos sectores produtivos, de

infraestruturas tecnolóxicas e de propiedade industrial e mais a xestión e utilización da rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia (Recetga).

Artigo 16º.-Estrutura.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1) Subdirección Xeral de Xestión do PGIDIT.

a) Servizo de Xestión Administrativa e Económica do PGIDIT.

b) Servizo de Formación e Consolidación de Investigadores e Tecnólogos.

2) Subdirección Xeral de Innovación Empresarial.

a) Servizo de Xestión Técnica.

b) Servizo Galego de Propiedade Industrial e Innovación Empresarial.

Artigo 17º.-A Subdirección Xeral de Xestión do PGIDIT.

A Subdirección Xeral de Xestión do PGIDIT exercerá a Secretaría Xeral do devandito plan e terá atribuídas as seguintes funcións:

a) A planificación estratéxica da consellería en materia de innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

b) A coordinación dos recursos de investigación, a planificación dos asuntos relacionados coa consecución da calidade total no sistema ciencia-tecnoloxía- sociedade e mais o desenvolvemento dos servizos comúns de apoio á comunidade científica.

c) Con carácter xeral, a xestión administrativa e económica da dirección xeral e a correspondente aos programas do PGIDIT no seu ámbito competencial.

d) O apoio aos órganos previstos na Lei de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

e) O apoio á creación dos centros tecnolóxicos.

f) A realización do seguimento do actual PGIDIT e dos traballos previos necesarios para elaborar o seguinte plan.

g) O coñecemento da situación das investigacións e programas e dos proxectos nos que participan os centros e institucións de Galicia.

h) A elaboración dos anteproxectos derivados do contido da Lei de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia e do PGIDIT, así como a proposta de financiamento e a valoración económica do plan.

i) O rexistro de centros e institucións de investigación e investigadores.

j) A elaboración de propostas e, se é o caso, a execución de plans específicos de apoio á formación, actualización e consolidación de investigadores e tecnólogos, especialmente aqueles que dirixan os seus resultados ao ámbito empresarial.

k) O fomento e a coordinación das actuacións destinadas á dotación de infraestruturas científico-técnicas e de material bibliográfico de apoio á investigación de Galicia.

l) As relacións cos órganos nacionais e internacionais de investigación e desenvolvemento tecnolóxico no seu ámbito competencial.

m) O desempeño das accións precisas para a difusión de coñecementos, sensibilización social, información e promoción da ciencia e a tecnoloxía.

n) A elaboración e tramitación de convocatorias de axudas no seu ámbito competencial en coordinación coas que, no ámbito universitario, sexan competencia da Secretaría Xeral de Universidades.

o) A elaboración das propostas de iniciativas lexislativas e regulamentarias no seu ámbito competencial.

p) A elaboración de informes, estudos e estatísticas no seu ámbito competencial.

q) A elaboración e tramitación de convenios de cooperación e colaboración no seu ámbito competencial.

r) A elaboración da proposta de anteproxecto de orzamentos da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

s) A xestión e o control orzamentario e a tramitación de propostas de modificación de crédito.

t) A colaboración cos órganos de control interno e externo.

u) Aqueloutras funcións que, dentro seu ámbito, lle sexan asignadas.

2. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Xestión Administrativa e Económica do PGIDIT.

b) Servizo de Formación e Consolidación de Investigadores e Tecnólogos.

Artigo 18º.-O Servizo de Xestión Administrativa e Económica do PGIDIT.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, este servizo exercerá as previstas nas alíneas a), c), h), i), n), o), p), q), r), s) e t) do artigo 17.

Artigo 19º.-O Servizo de Formación e Consolidación de Investigadores e Tecnólogos.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, este servizo exercerá as previstas nas alíneas c), j), n) e o) do artigo 17.

Artigo 20º.-A Subdirección Xeral de Innovación Empresarial.

A Subdirección Xeral de Innovación Empresarial terá atribuídas as seguintes funcións:

a) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control dos programas destinados a fomentar tanto a investigación aplicada como o desenvolvemento das actividades de investigación e innovación tecnolóxica realizadas polos distintos axentes do sistema galego de I+D+i, dos programas de actuación en materia de propiedade industrial e dos orientados ao desenvolvemento do deseño industrial.

b) A xestión das funcións derivadas de acordos coa Oficina Española de Patentes e Marcas.

c) A xestión administrativa correspondente aos programas do PGIDIT no seu ámbito competencial.

d) A creación e consolidación dunha eficiente infraestrutura tecnolóxica, planificando e coordinando o funcionamento dos centros tecnolóxicos e institucións de innovación dependentes da dirección xeral.

e) O fomento dos vínculos de relación entre as empresas e os restantes axentes do sistema galego de I+D+i.

f) A actuación como órgano de relación e participación cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole dentro do seu ámbito competencial.

g) A elaboración, programación, realización, seguimento e difusión de estudos e estatísticas dentro do seu ámbito competencial.

h) A elaboración dos anteproxectos derivados do contido da Lei de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia e do PGIDIT, en materia de innovación e da normativa relativa á propiedade industrial.

i) A planificación para a creación e potenciación da actividade dos centros tecnolóxicos.

j) O apoio á creación de novas empresas de base tecnolóxica.

k) A xestión de iniciativas e recursos comunitarios de I+D+i.

l) A elaboración de propostas e, se é o caso, a execución de plans específicos de apoio á formación e actualización dos xestores da innovación.

m) As relacións cos órganos nacionais e internacionais de investigación e desenvolvemento tecnolóxico dentro do seu ámbito competencial.

n) A elaboración e tramitación das convocatorias correspondentes aos distintos programas.

o) A xestión e seguimento dos diferentes proxectos.

p) A elaboración das propostas de iniciativas lexislativas e regulamentarias dentro do seu ámbito competencial.

q) A actuación como oficina de recepción de solicitudes e outros documentos relacionados coa concesión de títulos de propiedade industrial (patentes, modelos de utilidade, marcas, nomes comerciais e deseños industriais).

r) A prestación de servizos de información sobre propiedade industrial.

s) A realización de accións de sensibilización sobre a propiedade industrial como factores de impulso da innovación, en coordinación coa Oficina Española de Patentes e Marcas.

t) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control dos plans de sensibilización, divulgación e formación en materia de deseño industrial.

u) A creación e consolidación de infraestruturas públicas para o desenvolvemento do deseño industrial.

v) Aqueloutras funcións que, dentro seu ámbito, lle sexan asignadas.

2. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Xestión Técnica.

b) Servizo Galego de Propiedade Industrial e Innovación Empresarial.

Artigo 21º.-O Servizo de Xestión Técnica.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, este servizo exercerá as previstas nos alínea a), c), g), n), o) e p) do artigo 20º.

Artigo 22º.-O Servizo Galego de Propiedade Industrial e Innovación Empresarial.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, este servizo exercerá as previstas nos alínea b), n), p), q), r) e s) do artigo 20º.

Sección terceira

Da Dirección Xeral de Comercio

Artigo 23º.-Atribucións.

Á Dirección Xeral de Comercio correspóndelle a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior e exterior, artesanía e consumo; a planificación e desenvolvemento das estruturas comerciais, feiras, mercados e lonxas, agás as pesqueiras en primeira venda; a tutela e coordinación das actividades das cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación e mais a intervención en materia de prezos sobre os que deba pronunciarse a Comisión de Prezos de Galicia.

Artigo 24º.-Estrutura.

A Dirección Xeral de Comercio estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1) Subdirección Xeral de Comercio.

a) Servizo de Ordenación.

b) Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Artigo 25º.-A Subdirección Xeral de Comercio.

1. A Subdirección Xeral de Comercio terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de comercio:

a) A proposta da normativa relativa ao comercio interior e ás cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación.

b) A comprobación e vixilancia do cumprimento da normativa vixente en materia de comercio.

c) A promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.

d) A reforma, coordinación e mellora das estruturas e dos procesos de distribución comercial.

e) A formación e asistencia técnica aos suxeitos da actividade comercial.

f) A asistencia aos concellos en materia de establecementos e espazos comerciais.

g) A planificación, programación e execución de actuacións destinadas a un maior coñecemento dos produtos galegos no mercado interior. No mercado exterior exercerá esta función en coordinación co Instituto Galego de Promoción Económica.

h) A planificación, programación e dirección das actuacións orientadas á promoción comercial de determinados sectores da economía galega que se consideren especialmente importantes para a comunidade autónoma.

i) O fomento de proxectos de cooperación económica entre empresas do sector, o impulso do asociacionismo comercial e a asistencia técnica comercial en colaboración con outras institucións e entidades.

j) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de grandes establecementos comerciais.

k) A coordinación, tutela, promoción e impulso da actividade das cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación da Comunidade Autónoma de Galicia. As resolucións que a Dirección Xeral de Comercio adopte no exercicio da tutela sobre as devanditas corporacións esgotarán a vía administrativa.

l) O exercicio das facultades que corresponden á Xunta de Galicia como titular das marcas de garantía Galicia calidade e Comercio rural galego, directamente ou a través da sociedade anónima Galicia Calidade, S.A.

B. En materia de prezos:

a) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas de actuación encamiñados á execución da política autonómica en materia de intervención de prezos.

b) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de prezos que deban someterse á Comisión de Prezos de Galicia.

C. En materia de actividades feirais:

a) A proposta da normativa en materia de actividades feirais.

b) A dirección, coordinación, execución e control dos programas de actuación en materia de actividades feirais.

c) A execución da normativa relativa ás feiras internacionais.

d) A coordinación e apoio técnico da participación institucional da comunidade autónoma en feiras, exposicións e certames.

D. En materia de artesanía:

a) A proposta da normativa relativa á artesanía.

b) A elaboración, execución e seguimento de estudos e programas de actuación dirixidos á ordenación, promoción e desenvolvemento do sector artesán.

c) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudos e estatísticas en materia de artesanía.

d) A xestión do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

e) O impulso para a mellora e modernización das estruturas e dos procesos de produción e distribución artesanal.

f) A actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, en materia de artesanía e, en particular, da Comisión Galega de Artesanía.

2. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Ordenación.

b) Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Artigo 26º.-O Servizo de Ordenación.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Ordenación exercerá as previstas no punto A, alíneas a), b), d), e), i), j) e k); punto C; e punto D, alíneas a), c), d) e e) do artigo 25º.

Artigo 27º.-O Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía exercerá as previstas no punto A, alíneas c), f), g), h) e l); punto B; e punto D, alínea b) do artigo 25º.

Sección cuarta

Da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas

Artigo 28º.-Atribucións.

Á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas correspóndelle a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, seguridade industrial, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas.

Así mesmo, exercerá a dirección estratéxica, a avaliación e o control dos resultados da actividade do Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 29º.-Estrutura.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas estrutúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:

1) Subdirección Xeral de Administración Industrial.

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Seguridade Industrial.

c) Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.

2) Subdirección Xeral de Enerxía.

a) Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

b) Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

3) Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

a) Servizo de Xestión Mineira.

Artigo 30º.-A Subdirección Xeral de Administración Industrial.

1. A Subdirección Xeral de Administración Industrial exercerá as competencias relacionadas coa planificación, ordenación, fomento e inspección da seguridade industrial, metroloxía legal e metais preciosos. Asemade, en xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2. En concreto, terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de ordenación e planificación:

a) A elaboración de iniciativas normativas referidas ao sector industrial e, en especial, a relativa á ordenación da inspección técnica.

b) A dirección e o seguimento de todas as actuacións relativas á inspección técnica de vehículos.

c) A dirección e o seguimento de todas as actuacións relativas aos rexistros específicos de empresas, entidades de formación e carnés profesionais, en materia de seguridade industrial.

d) O exercicio das competencias administrativas en relación co Rexistro Industrial.

e) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

f) O desenvolvemento da normativa para a ordenación da seguridade industrial.

g) A planificación, a coordinación e o control das actuacións relativas á instalación, a ampliación e o traslado das industrias, e as instalacións industriais.

h) A autorización das entidades de inspección e control regulamentario e a coordinación e o seguimento das súas actuacións na aplicación das regulamentacións técnicas e as normas de seguridade industrial.

i) A planificación, coordinación e control das actuacións relativas á metrololoxía legal, desenvolvemento de actividades de vixilancia e inspección e xestión do rexistro de control metrolóxico.

j) A planificación, a coordinación e o control das actuacións relativas ao contraste dos metais preciosos.

k) A coordinación e o control das actuacións relativas á verificación de contadores de consumo de enerxía de auga, dentro do seu ámbito de competencias.

B. En materia de fomento:

a) A promoción do desenvolvemento e a execución de actuacións de modernización e a dotación de servizos avanzados no solo empresarial.

b) A elaboración, programación, seguimento e difusión de estudos e estatísticas en materia de industria.

c) A promoción e difusión das campañas informativas dirixidas aos usuarios e titulares das instalacións industriais sobre os aspectos normativos e técnicos destas.

d) A proposta de programas de formación especializados dirixidos aos técnicos da propia Administración que desenvolvan funcións de inspección en materia de seguridade industrial.

e) O desenvolvemento de programas de formación e difusión no eido da administración electrónica, dentro do seu ámbito de competencias.

f) A realización de estudos para o análise da competencia no sector da distribución de carburantes.

C. En materia de inspección e seguridade:

a) O exercicio das competencias administrativas en relación ás instalacións radiactivas de segunda e terceira categorías e raios X con fins de diagnóstico médico, así como a xestión dos rexistros das devanditas instalacións.

b) As actuacións para a mellora da seguridade das instalacións industriais no ámbito empresarial e dos particulares.

c) O control da xestión dos rexistros de establecementos industriais, de instalacións de venda polo miúdo de gasolinas e gasóleos de automoción, de instalacións de riscos especiais e outros rexistros especiais, dentro do seu ámbito de competencias.

d) A coordinación, a execución, se é o caso, e o control das actuacións relativas á subministración e distribución de produtos petrolíferos, dentro do seu ámbito de competencias.

e) A elaboración e a aprobación dos plans de inspección en materia de seguridade industrial.

3. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Seguridade Industrial.

c) Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.

Artigo 31º.-O Servizo de Administración Industrial.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Administración Industrial exercerá as funcións indicadas nos puntos A, alíneas a), b), c), d) e e); B, alíneas a), b) e c) e C, alíneas a) e b) do artigo 30º.

Artigo 32º.-O Servizo de Seguridade Industrial.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Administración Industrial exercerá as funcións indicadas nos puntos A, alíneas e), f), g) e h); B, alíneas d), e) e f) e C, alíneas c), d) e e) do artigo 30º.

Artigo 33º.-O Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas e), i), j) e k) do artigo 30º.

O Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos, adscrito á Consellería de Economía e Industria a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial, dependerá funcionalmente do Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.

Artigo 34º.-A Subdirección Xeral de Enerxía.

1. A Subdirección Xeral de Enerxía terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de planificación e ordenación:

a) A proposta da normativa relativa ao réxime enerxético, á produción, transporte, distribución e comercialización de electricidade e gas natural, ás enerxías renovables e ao aforro e eficiencia enerxética.

b) A proposta do réxime de dereitos de acometida eléctrica e das actuacións necesarias para atender os requirimentos de subministración dos usuarios.

c) A emisión de instrucións para a ampliación, mellora e adaptación das redes e instalacións eléctricas e gasistas de transporte e distribución, e a supervisión do seu cumprimento.

d) A determinación de en que casos a extensión das redes eléctricas e gasistas de transporte e distribución se considera unha extensión natural da rede de distribución ou se trata dunha liña directa ou dunha acometida.

e) A proposta da planificación do sector gasista.

f) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de transporte e distribución de electricidade e de gas da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se é o caso, o rexistro de instalacións.

g) A tramitación e proposta de autorización aos comercializadores de gas natural cando o seu ámbito de actuación se cincunscriba á Comunidade Autónoma de Galicia.

h) A tramitación e proposta de autorización das instalacións de xeración eléctrica da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, se é o caso, o rexistro de instalacións.

i) A cooperación e coordinación de actuacións co Instituto Enerxético de Galicia.

j) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

k) A xestión do Rexistro de Certificación Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.

B. En materia de fomento:

a) A elaboración, proposta e execución de programas para a mellora das infraestruturas e da calidade da subministración de enerxía eléctrica e de gas natural.

b) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar a investigación en materia de infraestruturas enerxéticas.

c) A elaboración, proposta e execución de plans e proxectos nas áreas de aforro e eficiencia enerxética, así como na das enerxías renovables.

d) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar a investigación en materia de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética.

e) A proposta de actuacións que contribúan a difundir o coñecemento das medidas de aforro e eficiencia enerxética.

C. En materia de inspección:

a) A inspección no ámbito das instalacións de distribución de electricidade e de gas, das condicións técnicas e, se é o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas.

b) A supervisión do cumprimento das funcións dos xestores das redes de distribución eléctrica no seu respectivo territorio.

c) A supervisión do cumprimento das funcións das empresas distribuidoras de gas no seu ámbito territorial.

d) A inspección, no ámbito das enerxías renovables, das condicións técnicas e, se é o caso, económicas das empresas titulares das instalacións e do cumprimento das condicións establecidas nas autorizacións outorgadas.

2. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

b) Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

Artigo 35º.-O Servizo de Infraestruturas Enerxéticas.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Infraestruturas Enerxéticas exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas a), b), c), d), e), f), g), i) e j); no punto B, alíneas a) e b); e no punto C, alíneas a), b) e c) do artigo 34.

Artigo 36º.-O Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética exercerá as funcións indicadas no punto A, alíneas a), h), i), j) e K); no punto B, alíneas c), d) e e); e no punto C, alínea d) do artigo 34.

Artigo 37º.-A Subdirección Xeral de Recursos Minerais.

1. A Subdirección Xeral de Recursos Minerais exercerá as competencias relacionadas co impulso, seguimento e control das actuacións que lle competen á dirección xeral en materia de planificación, ordenación, fomento e disciplina mineira. Así mesmo, en xeral, correspóndenlle cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2. En concreto, terá atribuídas as seguintes funcións:

A. En materia de planificación e ordenación mineira:

a) A elaboración do Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia, consonte os criterios e contido previsto na Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.

b) A elaboración de propostas relativas á planificación de incentivos económicos que contribúan á modernización e incremento da competitividade do tecido empresarial mineiro así como en materia de seguridade mineira.

c) A programación, realización e seguimento de estudos técnicos e estatísticos en materia de minaría.

d) A elaboración e/ou xestión de propostas, plans e programas conducentes ao apoio do sector mineiro, á racionalización e mellora do aproveitamento dos recursos minerais, á minimización e valorización, de ser o caso, dos residuos producidos polas actividades extractivas e ao desenvolvemento tecnolóxico-mineiro.

e) A planificación e o desenvolvemento de ferramentas informáticas que permitan a tramitación telemática de expedientes administrativos, no seu ámbito de competencias.

f) A coordinación da xestión administrativa no ámbito mineiro en relación cos servizos administrativos adscritos e, en especial, cos servizos periféricos en materia de ordenación dos recursos minerais.

g) O estudo, análise e proposición de elaboración de normativa reguladora en materia de recursos minerais ou modificación da existente, e de instrucións técnicas e administrativas no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) A coordinación e xestión dos rexistros mineiros, consonte determine a normativa mineira.

i) O estudo e elaboración da proposta de resolución nos procedementos de outorgamento dos dereitos mineiros, autorización das súas modificacións, transmisións, renovacións ou prórrogas e declaración da súa caducidade.

j) O estudo e proposición da aprobación ao órgano competente dos expedientes relativos á declaración de concellos mineiros.

k) A programación e proposición da realización de concursos mineiros sobre aqueles terreos non rexistrables por concorreren sobre eles dereitos mineiros caducados.

l) As funcións comprendidas no ámbito de aplicación da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia atribuídas á dirección xeral competente en materia de minas.

m) A xestión do rexistro de establecementos balnearios e fomento dos aproveitamentos de augas nestes establecementos. Para tal efecto impulsará e coordinará os expedientes relativos a autorizacións industriais e sanitarias e de outorgamento de axudas dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, asumindo as funcións do portelo único para establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial.

n) A tutela, promoción e impulso da Cámara Oficial Mineira de Galicia. As resolucións que a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas adopte no exercicio da tutela sobre a devandita corporación esgotarán a vía administrativa.

B. En materia de fomento mineiro:

a) A xestión de expedientes en materia de subvencións que sexan competencia da dirección xeral, agás que fosen obxecto de delegación ou desconcentración nos departamentos territoriais.

b) A elaboración e tramitación de convenios de cooperación con organismos públicos así como convenios de colaboración con particulares no marco das competencias atribuídas a este centro directivo.

c) A elaboración, xestión e seguimento de actuacións dirixidas a mellorar a competitividade e eficiencia do sector mineiro galego.

d) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomentar tanto a investigación científico-técnica coma a investigación mineira aplicada, impulsando, de ser o caso, a creación dos instrumentos axeitados para mellorar o coñecemento dos nosos recursos minerais.

e) A elaboración de medidas que contribúan a mellorar o coñecemento dos dereitos e obrigas que afectan empresas e traballadores/ traballadoras do sector mineiro.

f) A análise, estudo e proposta de actuacións que contribúan a difundir socialmente a importancia da actividade mineira así como a poñer en valor o patrimonio industrial e xeomineiro existente.

C. En materia de inspección e seguridade mineira:

a) A planificación, programación, control e avaliación da actuación da inspección sobre a vixilancia do cumprimento da normativa relativa ao réxime mineiro e utilización de explosivos, das declaracións ambientais que afecten explotacións mineiras así como de prevención de riscos laborais, cando se trate de traballos en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira.

b) A coordinación da xestión administrativa no ámbito mineiro en relación cos servizos administrativos adscritos e, en especial, cos servizos periféricos en materia de inspección e sanción das condutas contrarias ao ordenamento mineiro.

c) A resolución de expedientes sancionadores en materia de recursos minerais derivados de infraccións graves.

3. Á marxe das funcións de coordinación, planificación, programación e supervisión que no correspondente ámbito sectorial asuma directamente a subdirección, para a tramitación administrativa e a xestión directa destas competencias, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Xestión Mineira.

Artigo 38º.-O Servizo de Xestión Mineira.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Xestión Mineira exercerá as funcións indicadas no artigo 37º.

Título III

Da organización periférica

Artigo 39º.-Atribucións.

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Economía e Industria organízase nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial provincial respectivo, sen prerxuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte dos departamentos territoriais estarán os xefes territoriais que exercerán as seguintes funcións:

a) A dirección, despacho e resolución dos asuntos ordinarios.

b) A coordinación dos servizos e unidades que o integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamentos do departamento territorial.

d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais do departamento territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto, o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia do departamento territorial.

g) A xefatura inmediata do persoal respecto de todos os órganos e servizos que integran o departamento, sen prexuízo das competencias que nesta materia correspondan aos delegados territoriais e aos correspondentes órganos da consellería.

h) A resolución dos recursos administrativos que correspondan.

i) A imposición das sancións que, de acordo coas disposicións vixentes en materia sancionadora, lles correspondan.

j) Cantas outras funcións lles sexan expresamente atribuídas ou delegadas.

3. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade os xefes/xefas territoriais serán substituídos polos xefes de servizo, seguindo a orde de prelación establecida neste decreto.

4. As restantes unidades orgánicas distintas dos departamentos territoriais en que se estrutura a organización periférica da consellería exercerán as competencias que especificamente se lles asignen.

Artigo 40º.-Estrutura.

1. Para o exercicio das súas funcións, os departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contarán coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Administración Industrial.

b) Servizo de Enerxía e Minas.

2. Os Servizos de Administración Industrial, de Enerxía e Minas e de Coordinación Industrial terán as funcións especificadas nos artigos sucesivos.

3. As xefaturas de servizo dependerán funcionalmente das direccións xerais da Consellería de Economía e Industria dentro do ámbito das atribucións que correspondan a cada centro directivo, sen prexuízo da coordinación xeral que exerza o xefe/xefa territorial, do cal, se é o caso, dependan organicamente.

A Secretaría Xeral poderá ditar instrucións sobre as materias de ámbito horizontal da consellería, para a debida coordinación dos distintos servizos dos departamentos e un axeitado seguimento na execución orzamentaria, sen prexuízo das funcións que neste ámbito poidan corresponder aos delegados/delegadas territoriais.

Artigo 41º.-Servizo de Administración Industrial.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Administración Industrial exercerá as competencias relacionadas co rexistro, autorización e inspección de actividades e instalacións industriais e coa capacitación profesional dos instaladores e das empresas instaladoras.

Artigo 42º.-Servizo de Enerxía e Minas.

Ademais das restantes funcións que lle poidan ser asignadas, o Servizo de Enerxía e Minas exercerá as competencias relacionadas coas autorizacións de execución e posta en funcionamento das instalacións de produción e distribución de enerxía, coa seguridade e hixiene no traballo nas explotacións mineiras e co aproveitamento dos recursos minerais no seu ámbito territorial.

Artigo 43º.-Servizo Territorial de Vigo.

A Consellería de Economía e Industria en Vigo contará, para o exercicio das súas competencias en todo o ámbito provincial, co Servizo de Coordinación Industrial.

Título IV

Dos órganos adscritos e do protectorado das fundacións

Artigo 44º.-Organismos autónomos, entes de dereito público e demais órganos adscritos á Consellería de Economía e Industria.

1. Quedan adscritos á Consellería de Economía e Industria, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia:

a) O Instituto Galego de Consumo, como organismo autónomo de carácter administrativo, creado pola Lei 8/1994, do 30 de decembro.

b) O Instituto Galego de Promoción Económica, como ente de dereito público, creado pola Lei 5/1992, do 10 de xuño.

c) O Instituto Enerxético de Galicia, como ente de dereito público, creado pola Lei 3/1999, do 11 de marzo.

2. Así mesmo, quedan adscritos a esta consellería:

a) O Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos, a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

b) A Comisión de Prezos de Galicia e a Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais, a través da Subdirección Xeral de Comercio da Dirección Xeral de Comercio.

c) O Consello Galego de Consumidores e Usuarios e o Laboratorio de Consumo de Galicia, a través do Instituto Galego de Consumo.

d) A Comisión Galega de Artesanía, a través da Subdirección Xeral de Comercio da Dirección Xeral de Comercio.

e) A Real Academia Galega de Ciencias, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

Artigo 45º.-Protectorado de fundacións.

A Consellería de Economía e Industria exercerá o protectorado das fundacions cuxo obxecto principal estea relacionado coa economía, a investigación, a innovación, a industria, a enerxía, as minas, o consumo e o comercio, coa excepción daquelas cuxa actividade estea maiormente relacionada co ámbito competencial doutras consellerías.

Disposicións adicionais

Primeira.-Suprímese o punto 5 da alínea a) do artigo 4 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia referido á Dirección Xeral de Promoción do Sector Audiovisual e Contidos Dixitais, co obxectivo de garantir e mellorar os criterios de eficacia e racionalidade no deseño da nova estrutura organizativa.

Segunda.-As sociedades públicas e fundacións do sector público adscritas á Consellería de Economía e Industria que, en atención ao seu obxeto ou actividade, deban ter a condición de medio propio da Administración autonómica, procederán á modificación dos seus estatutos ou normas de creación para incluír nestes a dita condición, podendo asumir encomendas de xestión por parte desta consellería. Ademais da referencia á condición de medio propio da Administración nos estatutos ou normas de creación deberase establecer tamén o réxime aplicable ás encomendas de xestión, nos termos establecidos na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Terceira.-As funcións e competencias atribuídas por outras normas ás extintas delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria e non previstas neste decreto, enténdense atribuídas aos xefes territoriais desta consellería.

Cuarta.-O exercicio das competencias que este decreto lles outorga aos distintos órganos da Consellería de Economía e Industria nas materias de estatística entenderanse sen prexuízo das atribuídas ao Instituto Galego de Estatística.

Quinta.

1. As referencias que a normativa vixente en materia de investigación e desenvolvemento realiza á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento entenderanse efectuadas á Consellería de Economía e Industria e á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, respectivamente.

2. As referencias que a normativa vixente nas demais materias recollidas no artigo 1 deste decreto realiza aos órganos competentes nelas entenderanse efectuadas aos correspondentes da Consellería de Economía e Industria.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifiquen a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase o conselleiro de Economía e Industria, por proposta da Secretaría Xeral da consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto. No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Segunda.-As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, mediante resolución do conselleiro por proposta da Secretaría Xeral, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Terceira.-Ata o 31 de decembro de 2009 as competencias correspondentes á extinta Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, relativas ás materias de promoción industrial, estruturación sectorial, excelencia, calidade empresarial, internacionalización e comercio exterior e executadas con cargo ao programa 741A, serán exercidas pola Secretaría Xeral desta consellería. En consecuencia, os créditos e o persoal adscrito ao antedito centro directivo nas devanditas áreas adscribiranse á Secretaría Xeral.

Disposicións derrogatorias

Única.-Queda derrogado o Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Consellería de Economía e Industria para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xuño de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE CULTURA

E TURISMO