DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 16 de xuño de 2009 Páx. 10.392

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2009, da Secretaría Xeral da Consellería de Cultura e Turismo, pola que se lles dá publicidade ás bases para a convocatoria do concurso internacional para a provisión do posto de director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

O Padroado do CGAC acordou na súa reunión do 8 de xuño de 2009 propoñer a realización dun concurso internacional para a provisión do posto de director do CGAC.

En atención a esa proposta o conselleiro de Cultura e Turismo decidiu, con data do 9 de xuño de 2009, convocar o dito concurso.

Para acadar a maior difusión da información sobre a actuación do sector público autonómico procede darlle publicidade ás bases polas cales se rexerá o devandito concurso.

En consecuencia, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia as bases para a convocatoria do concurso internacional para a provisión do posto de director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) que figuran como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2009.

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo

Secretario xeral da Consellería de Cultura

e Turismo

ANEXO

Bases para a convocatoria do concurso internacional

para a provisión do posto de director do Centro Galego

de Arte Contemporánea -CGAC-

O Centro Galego de Arte Contemporánea -CGAC- é unha institución pública creada mediante o Decreto 308/1989, do 28 de decembro, co fin de fomentar a cultura en Galicia mediante a exhibición, goce e coñecemento das tendencias e correntes da creación artística contemporánea.

A configuración do CGAC como unha institución de carácter permanente, aberta ao público, foi organizada polo Decreto 326/1996, do 26 de xullo, e publicada no Diario Oficial de Galicia número 156, do 9 de agosto de 1996.

A experiencia acumulada nos dezaseis anos de funcionamento da institución e o devir do dereito universal á cultura que teñen todos os cidadáns, máis a responsabilidade das institucións públicas en asegurar e garantir a vocación de servizo á sociedade, fan necesarias as boas prácticas na xestión dos museos e centros de arte. Estas boas prácticas relaciónanse estreitamente co papel social dos museos e centros de arte contemporánea e precisan do establecemento dun proxecto cultural ben definido, sobre o que estarán baseadas todas as actuacións. Un proxecto que teña en conta a opinión, participación e o logro do máximo consenso posible entre os expertos e interlocutores do mundo da arte na súa definición e que relacione o proxecto artístico co esforzo económico exixido, tanto de construción ou rehabilitación do edificio, como de adquisicións, programas e persoal.

Por todo iso, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e por proposta do Padroado do CGAC, convoca un concurso internacional para a selección do director do CGAC, de acordo coas seguintes bases:

Funcións e réxime laboral.

1. O director do CGAC debe asumir as funcións que lle outorga o artigo 7 do Decreto 326/1996, do 26 de xullo, de regulamentación do CGAC.

2. O réxime de contratación é temporal e sen prexuízo da súa renovación, de conformidade co Real decreto 1382/1985, do 1 de novembro, e por un período inicial de cinco anos desde a sinatura do contrato.

3. O director do CGAC estará sometido ao sistema de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Requisitos e méritos dos candidatos.

1. Estar en posesión dunha titulación universitaria co nivel de licenciatura ou equivalente.

2. Acreditar experiencia na dirección ou xestión de museos ou centros de arte contemporánea.

3. Acreditar experiencia e coñecemento nas relacións co medio internacional da arte contemporánea.

4. Coñecemento falado e escrito das linguas cooficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de non acreditar o coñecemento dos idiomas cooficiais en Galicia, será necesario asegurar a súa aprendizaxe no prazo dun ano, e este requisito quedará recollido no contrato.

5. Acreditar habilidades de liderado, así como dotes de comunicación e dirección de equipos.

6. Acreditar coñecemento dos axentes económicos susceptibles de achegar recursos financeiros e culturais ao CGAC.

7. Presentar un informe-memoria sobre un proxecto referido especificamente ao CGAC e aos cinco anos de mandato, que defina especificamente os fins, valores, liñas, programas e obxectivos que se propoñan conseguir ou desenvolver, con especial mención aos fondos artísticos da colección do centro. Este documento deberá presentarse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia así como en lingua inglesa.

8. Dominio do inglés. Valorarase como mérito o coñecemento de calquera outro idioma.

9. Tamén serán valorados os traballos de creación artística, así como os científicos, publicacións, recoñecementos académicos, distincións e galardóns no ámbito da cultura e da arte contemporánea ou en áreas científicas relacionadas con estas.

Os requisitos e méritos presentados estarán debida e suficientemente acreditados para a súa valoración.

Presentación de candidaturas.

Os/as candidatos/as deberán presentar, nunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como en inglés, o seu curriculum vitae e un informe-memoria que reflicta as liñas xerais do proxecto para os próximos cinco anos acompañados de todos aqueles documentos acreditativos dos méritos expostos, en sobre pechado con nome e apelidos, enderezo, teléfono e correo electrónico, e coa lenda: «Candidatura ao concurso de director do Centro Galego de Arte Contemporánea».

Para a redacción do dito proxecto, a Consellería de Cultura e Turismo proporcionará aos interesados que o soliciten toda a información necesaria sobre o CGAC, a súa creación, a evolución histórica da súa programación artística, a colección, edificio, instalacións e publicacións.

O sobre entregarase no rexistro único da Xunta de Galicia, situado nos edificios administrativos de San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, dentro do prazo de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

Non obstante o anterior, tamén se poderá presentar a documentación a través da oficina de correos, debendo neste caso xustificar a data de imposición do envío e anunciar a remisión desta candidatura mediante fax remitido no mesmo día ao número de fax 981 54 66 25.

Proceso de selección.

Os méritos de cada candidato serán avaliados por un comité de expertos de acordo cos seguintes criterios de valoración:

Formación: doutoramento, licenciaturas o doutoramentos sucesivos. Estudos de posgrao.

Experiencia en postos similares: museos e centros de arte españois e estranxeiros. Terase en conta a especial relevancia da institución dirixida.

Coñecemento e relacións co medio internacional da arte contemporánea. Avaliado a xuízo do comité con criterios precisos e consensuados entre os seus membros.

Publicacións, recoñecementos académicos, galardóns, referidos ao ámbito da cultura e a arte contemporánea.

Coñecemento de idiomas ademais dos oficiais en Galicia e do inglés.

Coñecemento e vinculación co medio cultural e artístico galego. Avaliado a xuízo do comité con criterios precisos e consensuados entre os seus membros.

O comité de expertos que avaliará os méritos dos candidatos estará integrado polas seguintes persoas:

Presidente: director xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

Vogais: seis vogais elixidos pola Consellería de Cultura e Turismo entre directores de museos, centros e feiras de arte contemporánea, críticos de arte, profesores de universidade e artistas, todos eles profesionais de recoñecido prestixio a nivel internacional.

Exercerá como secretario o xerente do CGAC.

O comité de expertos nunha primeira fase analizará a documentación presentada polos candidatos e avaliará os seus méritos, e elaborará unha lista provisional por orde de puntuación.

Nunha segunda fase esa mesma comisión efectuará as entrevistas que crea pertinentes e elevará unha proposta ao Padroado do CGAC, que pola súa vez a trasladará ao conselleiro de Cultura e Turismo para o seu nomeamento.

A presentación da candidatura implica a aceptación destas bases e a autorización para o uso do proxecto nos aspectos previstos nelas. Unha vez acabado o proceso, e por petición do interesado, poderase devolver a documentación presentada.

Confidencialidade e información.

Os/as interesados/das poden obter máis información accedendo á páxina web do CGAC. www. cgac.org e no teléfono 981 54 66 29.

Garantirase a confidencialidade da participación dos/as candidatos/as no proceso de selección, así como calquera dos seus datos persoais o profesionais, e farase público exclusivamente o nome do candidato gañador.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2009. Roberto Varela Fariña, conselleiro de Cultura e Turismo.