DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 16 de xuño de 2009 Páx. 10.379

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2009 pola que se fai pública a modificación do programa de préstamos do Instituto Galego de Promoción Económica para financiar proxectos de investimento na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI).

Mediante Resolución do 16 de marzo de 2009 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou o programa de préstamos do Igape para financiar proxectos de investimento na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) (DOG nº 58, do 25 de marzo de 2009).

Con base na experiencia do funcionamento desta liña, e por razóns de índole operativa e organizativa, proponse a modificación de determinados aspectos que afectarán a avaliación e resolución das solicitudes. En consecuencia, o Consello de Dirección do Igape acordou na súa xuntanza do 2 de xuño de 2009 a modificación do dito programa de préstamos.

Por todo o anterior, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar a seguinte modificación do programa de préstamos do Igape para financiar proxectos de investimento na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), feito público mediante Resolución do 16 de marzo de 2009 (DOG nº 58, do 25 de marzo de 2009), nos seguintes extremos:

Modifícase o artigo 3, puntos 2º e 3º, que quedan redactados do seguinte xeito:

«3.2. Avaliación. Comité de Investimentos.

Logo de informe dos servizos técnicos do Igape, as solicitudes serán avaliadas por un Comité de Investimentos designado polo director xeral do Igape. O dito comité estará formado por tres técnicos do Igape, dous técnicos de Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Capital Riesgo, S.A., e un da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, por proposta do seu director xeral.

3.3. Resolución.

Unha vez avaliada a solicitude, será competente para resolver o Consello de Dirección do Igape.

Non poderán ter a condición de prestameiros as empresas que non estean ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública e a Seguridade Social ou sexan debedoras por calquera concepto á Comunidade Autónoma de Galicia.

Na resolución ou acordo de concesión de préstamo farase constar o importe do investimento financiable, o importe do préstamo, o seu prazo de vixencia e carencia e a descrición das garantías que se constituirán a favor do Igape.

Na resolución ou acordo denegatorio do préstamo farase constar o motivo da denegación e as vías de recurso ante os xulgados de Santiago de Compostela da xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses desde o seguinte ao da notificación da resolución e potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes desde a dita data.

As solicitudes de préstamo resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape e ata que os fondos do préstamo global do BEI sexan totalmente afectados a proxectos, tendo en conta as restricións establecidas nas cláusulas 2.1 e 2.3.b, o cal será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia».

Segundo.-Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2009.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica