DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 16 de xuño de 2009 Páx. 10.377

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2009 pola que se convocan as Xornadas sobre técnica nomativa.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2009, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse as Xornadas sobre técnica normativa conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

As xornadas preséntanse tendo como punto de partida a necesidade de promulgar normas eficaces e de alta calidade técnica que posibiliten políticas públicas que satisfagan as exixencias do interese xeral e as necesidades dos cidadáns. Preténdese achegar aos participantes nocións sobre técnica normativa, en particular sobre elaboración de textos legais, nas súas diferentes fases, previa e parlamentaria, e os problemas derivados da devandita elaboración, así como da vixencia da norma, en especial no Estado autonómico español actual. Finalmente analizaranse as especificidades do caso galego e no dereito comparado, así como os procesos de avaliación normativa.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-A avaliación normativa.

-A redacción de normas en España e nas comunidades autónomas. A normativa estatal e autonómica sobre a materia. Análise.

-A elaboración de normas na fase previa. O labor das secretarías xerais.

-O papel dos consellos consultivos na redacción normativa: control de legalidade e de oportunidade.

-A técnica normativa da elaboración das leis. A fase parlamentaria da súa tramitación.

-A redacción de normas na Comunidade Autónoma de Galicia. Análise do procedemento parlamentario. Taller práctico.

-A técnica normativa no ámbito do dereito comparado.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Administración pública galega, especialmente aqueles vinculados á tarefa da elaboración e redacción de normas, e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 25 e 26 de xuño de 2009.

Duración: 9 horas lectivas.

Horario:

-Día 25 de xuño, das 9.30 ás 14.00 horas e das 17.00 ás 19.30 horas.

-Día 26 de xuño, das 10.00 ás 14.00 horas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas; rúa de Madrid, 2-4, CP 15707, Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedar prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o martes 23 de xuño de 2009.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Seralles entregado un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa a natureza da actividade e a data de realización.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2009.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "11600D006P029.PDF"