DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 15 de xuño de 2009 Páx. 10.320

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2009, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se inicia o procedemento para o recoñecemento do grao III de desenvolvemento profesional do persoal estatutario fixo do grupo A, que actualmente desempeñe unha praza de facultativo especialista de área por diversas resolucións do Servizo Galego de Saúde como consecuencia da presentación dun título de especialista en ciencias da saúde.

De conformidade co acordo da mesa sectorial do 21 de xuño de 2007 sobre réxime extraordinario de carreira profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, aprobado polo Consello da Xunta con data do 25 de outubro de 2007, corresponde a este centro directivo iniciar mediante resolución o procedemento para o recoñecemento extraordinario dos sucesivos graos no momento en que proceda consonte a secuencia temporal de implantación do sistema.

O persoal estatutario fixo do grupo A con nomeamento orixinario de persoal técnico superior (non sanitario) ou licenciado sanitario, que actualmente veña desempeñando unha praza de facultativo especialista de área (psicólogo/a clínico/a especialista de área, médico/a xeral en praza de especialista) por diversas resolucións do Servizo Galego de Saúde como consecuencia da presentación dun título de especialista en ciencias da saúde, pode acceder ao grao III con efectos do 1 de xullo de 2009, segundo se recolle na cláusula adicional terceira do citado acordo.

A mesma disposición recolle que a contía do seu complemento de carreira, e o procedemento para obter avaliación favorable, serán os establecidos no Decreto 155/2005, do 9 de xuño, sobre un réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios do Servizo Galego de Saúde. Os servizos prestados acreditados que lle serviron para obter a praza de especialista computan para os efectos deste acceso.

En consecuencia, tras o acordo acadado no seo da comisión de seguimento prevista na disposición segunda do acordo,

RESOLVO:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto iniciar o procedemento para o recoñecemento do grao III de desenvolvemento profesional ao persoal estatutario fixo do grupo A con nomeamento orixinario de persoal técnico superior (non sanitario) ou licenciado sanitario, que actualmente veña desempeñando unha praza de facultativo especialista de área (psicólogo/a clínico/a especialista de área, médico/a xeral en praza de especialista) por diversas resolucións do Servizo Galego de Saúde como consecuencia da presentación dun título de especialista en ciencias da saúde, con apertura do prazo para a presentación de solicitudes.

Segundo.-Ámbito de aplicación e requisitos.

Poderá solicitar o recoñecemento do grao III persoal estatutario fixo do grupo A con nomeamento orixinario de persoal técnico superior (non sanitario) ou licenciado sanitario, que actualmente veña desempeñando unha praza de facultativo especialista de área (psicólogo/a clínico/a especialista de área, médico/a xeral en praza de especialista) por diversas resolucións do Servizo Galego de Saúde como consecuencia da presentación dun título de especialista en ciencias da saúde, ao cal lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do estatuto marco (transitoriamente Real decreto lei 3/1987 e normativa complementaria).

O solicitante deberá acreditar, ademais do establecido no parágrafo anterior, o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ter prestados polo menos 19 anos de servizos na mesma especialidade no réxime estatutario, o que se acreditará mediante a certificación de servizos prestados emitida polo centro correspondente. Os servizos prestados como persoal estatutario utilizados para obter a condición de especialista computarán para estes efectos.

b) Estar en situación de activo ou asimilada (reserva de posto), de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco.

c) Ter participado nos resultados da actividade do centro. Este requisito acreditarase mediante informe detallado, asinado polo xerente do centro correspondente, e referido aos cinco anos anteriores á data da convocatoria.

Para valorar o cumprimento destes requisitos atenderase á data do 30 de xuño de 2009.

Terceiro.-Excepcións en situacións especiais.

Quedan exceptuados da acreditación do requisito a que se refire a alínea c) da disposición segunda os períodos de tempo en que o persoal permanecese nalgunha das seguintes situacións:

a) Situación de servizos especiais a que se refire o artigo 64 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

b) Permisos sindicais.

c) Excedencia por coidado de familiares.

d) Licenza por maternidade, incapacidade temporal e comisión de servizos.

Cuarto.-Prazo de presentación e modelo de solicitude.

Cada profesional deberá cubrir unha única solicitude a través da oficina virtual do profesional (Fides), axustándose necesariamente ao modelo establecido; unha vez cuberta a solicitude segundo se indica, deberá imprimir copia dela en papel e presentala, xunto coa documentación relacionada no punto anterior, a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, advertindo que na folla de solicitude debe figurar o selo de rexistro, quedando os orixinais en poder da Administración, que expedirá copia para o interesado. A solicitude deberá dirixirse á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, e presentarse no prazo que se inicia ao día seguinte da publicación desta resolución no DOG e que remata o 30 de setembro de 2009.

Quinto.-Avaliación.

A dirección-xerencia do centro onde se atope en activo o profesional solicitante realizará un informe detallado sobre a participación nos resultados da actividade do centro, co resultado de favorable ou desfavorable. O informe referirase aos cinco anos anteriores á data da convocatoria ou tempo de servizos prestados no último destino.

As solicitudes serán avaliadas pola comisión técnica de avaliación de licenciados sanitarios, que realizará proposta de resolución favorable ou desfavorable.

O órgano de avaliación -comisión técnica de avaliación de licenciados sanitarios- emitirá proposta de resolución, dirixida á Dirección de Recursos Humanos, sobre a estimación ou desestimación do recoñecemento do grao III de desenvolvemento profesional.

No suposto de proposta de desestimación, a comisión técnica de avaliación dará traslado ao interesado para que realice alegacións ou presente o seu curriculum profesional.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2009.

Esperanza Fernández Lago

Directora de Recursos Humanos