DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 15 de xuño de 2009 Páx. 10.317

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2009, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se inicia o procedemento para que determinado colectivo de persoal estatutario das categorías de diplomados sanitarios do Servizo Galego de Saúde solicite o recoñecemento do grao III de desenvolvemento profesional.

De conformidade co acordo da mesa sectorial do 4 de xullo de 2006 sobre carreira profesional do persoal das categorías de diplomados sanitarios do Servizo Galego de Saúde, o persoal estatutario fixo con praza en propiedade obtida con ocasión do proceso de consolidación de emprego poderá acceder ao grao III con efectos do 1 de xullo de 2009 sempre que cumpra os requisitos establecidos no propio acordo. Por outra parte, corresponde a este centro directivo iniciar mediante resolución o procedemento para o recoñecemento dos sucesivos graos no momento en que proceda consonte a secuencia temporal de implantación do sistema.

A comisión de seguimento do acordo acordou, en reunión do 20 de marzo de 2007, manter na súa totalidade o baremo e procedemento de avaliación establecido para o persoal que tiña a condición de fixo antes do proceso de consolidación de emprego, coa finalidade de garantir o mesmo tratamento ao colectivo que agora solicita o acceso ao grao III da carreira profesional.

En consecuencia, coa aprobación da comisión de seguimento do acordo,

RESOLVO:

Primeiro.-Obxecto.

De conformidade coa secuencia temporal establecida na cláusula 10 do Acordo de 4 de xullo de 2006, esta resolución ten por obxecto publicar o baremo e iniciar o procedemento para o recoñecemento do grao III de carreira profesional a determinado colectivo de persoal estatutario das categorías de diplomados sanitarios, establecendo o prazo para a presentación de solicitudes.

Segundo.-Ámbito de aplicación e requisitos.

Poderá solicitar o recoñecemento do grao III o persoal estatutario fixo, das categorías de diplomados sanitarios, con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde obtida con ocasión do remate dos procesos executados ao abeiro da Lei 16/2001, que teña acreditados os requisitos para acceder ao grao II establecidos na resolución do 13 de maio de 2008 (DOG nº 98, do 22 de maio) e cumpra ou estea en condicións de cumprir, no 30 de xuño de 2009, os seguintes requisitos xerais:

a) Ter prestado cando menos 19 anos de servizos, no réxime estatutario, na correspondente categoría. Para estes efectos computaranse igualmente os servizos, previos á resolución de integración no réxime estatutario, prestados baixo outro réxime xurídico; serán igualmente computados os servizos prestados en categorías para cuxo exercicio se requira a mesma diplomatura.

b) Estar en situación de activo ou asimilada (reserva de posto), de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco.

Terceiro.-Prazo de presentación e modelo de solicitude.

O profesional deberá cubrir unha única solicitude a través da oficina virtual do profesional (Fides), axustándose necesariamente ao modelo establecido; unha vez cuberta a solicitude segundo se indica, deberá imprimir copia en papel e presentala, xunto coa documentación relacionada na epígrafe seguinte, a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, advertindo que na folla de solicitude debe figurar o selo de rexistro, quedando os orixinais en poder da Administración e expedindo copia para o interesado. A solicitude deberá dirixirse ao comité de avaliación (Diplomados Sanitarios) da institución sanitaria en que preste servizos, e presentarse no prazo que se inicia ao día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza no 30 de setembro de 2009.

Cuarto.-Documentación que debe presentarse coa solicitude.

a) Certificado acreditativo dos 19 anos de servizos prestados.

Non será preciso presentar certificado de servizos prestados no caso do solicitante que prestase na institución de destino actual os 19 anos de servizos requiridos para o acceso. Noutro caso, o solicitante deberá presentar o certificado ou certificados, emitidos polo centros correspondentes, que sexan precisos para completar o dito período.

b) Autoavaliación/relación de méritos.

A autoavaliación/relación de méritos deberá axustarse necesariamente ao modelo habilitado para estes efectos na oficina virtual do profesional (Fides) e deberá ser cuberto e presentado xunto coa solicitude, de conformidade co procedemento establecido na disposición terceira.

O nivel de desempeño da actividade profesional será autoavaliado tendo en conta o posto que se desempeña actualmente e os servizos prestados no mesmo co límite máximo de 5 anos ata a data da convocatoria.

c) Documentación acreditativa dos méritos correspondentes ás actividades acreditadas: formación continuada; actividade docente; compromiso coa organización. Deberanse xuntar os diplomas ou certificacións acreditativas correspondentes.

O solicitante poderá presentar a documentación que considere oportuna á vista do baremo (téñase en conta que con 9 créditos se acada a avaliación favorable).

Non é preciso acreditar todas as actividades realizadas, xa que as futuras resolucións que inicien o prazo para acceder aos sucesivos graos posibilitarán, novamente, a presentación de documentación adicional.

Quinto.-Baremo.

Avaliaranse os seguintes aspectos da actividade e desenvolvemento profesional:

-Cumprimento dos requirimentos básicos profesionais.

-Actividades acreditadas: formación continuada, actividade docente, compromiso coa organización.

A avaliación superarase coa obtención de 9 créditos.

1. Nivel de cumprimento dos requirimentos básicos profesionais.

Para superar a avaliación atenderase en primeiro lugar ao nivel de cumprimento dos requirimentos básicos da actividade dos profesionais (ata 8 créditos).

Con base na facultade prevista no punto 3 da cláusula 6 do Acordo do 4 de xullo de 2006, e na procura de que os requirimentos sexan parangonables en todas as institucións sanitarias, o Servizo Galego de Saúde determinou os requirimentos xerais da actividade profesional que, xunto á continuidade no cumprimento dos establecidos para o grao II, serán especialmente considerados e con maior incidencia na avaliación para o acceso ao grao III. Estes requirimentos figuran publicados como anexo III na resolución do 13 de maio de 2008, de acceso ao grao II de carreira profesional.

A avaliación será realizada e asinada no espazo correspondente do anexo II -sempre con posterioridade á presentación da solicitude- polo/a correspondente xefe/a, supervisor/a ou coordinador/a, que cualificará o nivel de cumprimento como baixo, normal ou alto; se isto non resulta posible, a avaliación será asinada por un representante da institución no comité de avaliación.

No proceso de avaliación destes requirimentos atenderase ás peculiaridades do centro de destino e/ou do posto desempeñado.

O nivel avaliado de cumprimento outorgará ao solicitante as seguintes puntuacións: nivel baixo (6 créditos); nivel normal (7 créditos); nivel alto (8 créditos).

2. Actividades acreditadas (valoraranse ata 5 créditos).

a) Formación continuada para a actividade profesional: valorarase en todo caso a asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento acreditados pola Comisión de formación continuada do Sistema Nacional de Saúde, ou pola comisión autonómica, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría.

Valoraranse tamén os cursos finalizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2000, relevantes para o desempeño das correspondentes funcións, que se inclúan nalgún dos seguintes grupos:

-Cursos convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Inem, Cruz Vermella, colexios oficiais de diplomados sanitarios, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde.

-Cursos realizados ao abeiro do acordo de formación continua das administracións públicas ou do Plan de formación continua do Servizo Galego de Saúde.

Para a formación universitaria posgraduada non se terá en conta a citada data de referencia (1 de xaneiro de 2000).

Os cursos valoraranse por créditos. De non figuraren créditos, a equivalencia será por cada 10 horas 1 crédito.

b) Actividade docente acreditada:

-Docencia en cursos acreditados para diplomados sanitarios polo sistema acreditador de formación continuada dos profesionais sanitarios: a puntuación resultará dos créditos asignados ao curso e á correspondente participación individual en número de horas. A equivalencia será por cada 10 horas 1 crédito.

-Docencia de pregrao, posgrao e formación de residentes de especialidades de enfermaría (1 curso = 3 créditos).

c) Compromiso coa organización:

Valoraranse as actividades realizadas desde 1 de xullo de 1995.

-Asistencia e participación en comisións oficiais ou grupos de traballo con funcións que redunden na mellora da prestación do servizo:

-Comisións oficiais: 1 crédito por ano de pertenza.

-Grupo de traballo: 1 crédito por cada 20 horas, máximo 1 crédito por ano.

-Elaboración de protocolos e proxectos de mellora (1 crédito por cada actividade ou protocolo).

-Exercicio de funcións de dirección, xefatura, coordinación e supervisión (1 crédito por ano).

-Participación en actividades científicas, comunicacións, relatorios, redes de investigación, publicacións e proxectos de investigación:

-Póster, comunicación e/ou mesa redonda (0,50 créditos).

-Relatorios e/ou publicacións (1 crédito por cada unha).

-Proxecto de investigación (financiado) (5 créditos por cada un).

-Publicar un libro (5 créditos).

Sexto.-Proceso de avaliación e propostas de resolución.

a) Os comités de avaliación, unha vez realizada a avaliación do nivel de cumprimento dos requirimentos básicos profesionais de conformidade co establecido na disposición quinta, e valorando as actividades acreditadas cando e na medida que sexa procedente para superar a avaliación, dirixirán a este centro directivo proposta favorable de recoñecemento do grao III respecto aos solicitantes que acaden os 9 créditos precisos.

Coa dita proposta remitirase certificación sobre a presentación da solicitude en prazo e sobre o cumprimento dos requisitos básicos establecidos na disposición segunda desta resolución.

b) Os comités remitirán á Comisión técnica de avaliación (Diplomados Sanitarios), con sede nas dependencias deste centro directivo, as solicitudes e documentación anexa nos seguintes supostos:

-Cando se trate de solicitantes que, tendo recoñecido o grao II, permanecesen desde xullo de 2008 en situacións que impliquen desvinculación da actividade asistencial.

-Cando se trate de solicitantes que non superen a avaliación, non reúnan os requisitos básicos para o recoñecemento do grao ou se aprecie calquera impedimento para o dito recoñecemento.

-Calquera outro suposto en que, por causas debidamente motivadas, consideren que o solicitante non se pode someter ao sistema xeral de avaliación dos propios comités.

c) A Comisión técnica de avaliación formulará as súas propostas sobre recoñecemento de grao con base en criterios de xeral aplicación previamente fixados. En todo caso, calquera proposta de desestimación do recoñecemento baseada nunha avaliación negativa do nivel de desempeño, virá precedida dun período de alegacións habilitado para que o/a profesional presente as alegacións que considere oportunas e/ou o seu curriculum profesional.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2009.

Esperanza Fernández Lago

Directora de Recursos Humanos