DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 15 de xuño de 2009 Páx. 10.315

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2009, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se inicia o procedemento para o recoñecemento do grao III de desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional do Servizo Galego de Saúde.

De conformidade co acordo da mesa sectorial do 21 de xuño de 2007 sobre réxime extraordinario de carreira profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, aprobado polo Consello da Xunta o 25 de outubro de 2007, correspóndelle a este centro directivo iniciar mediante resolución o procedemento para o recoñecemento extraordinario dos sucesivos graos no momento en que proceda consonte a secuencia temporal de implantación do sistema.

O persoal estatutario fixo, das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, ao cal lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do estatuto marco (transitoriamente Real decreto lei 3/1987 e normativa complementaria), pode acceder ao grao III con efectos do 1 de xullo de 2009.

En consecuencia, tras o acordo alcanzado no seo da comisión de seguimento prevista na disposición segunda do acordo,

RESOLVO:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto iniciar o procedemento para o recoñecemento do grao III de desenvolvemento profesional a determinado colectivo de persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, con apertura do prazo para a presentación de solicitudes.

Segundo.-Ámbito de aplicación e requisitos.

Poderá solicitar o recoñecemento do grao III o persoal estatutario fixo, das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, ao cal lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do estatuto marco (transitoriamente Real decreto lei 3/1987 e normativa complementaria).

Os solicitantes deberán reunir ademais os seguintes requisitos:

a) Ter prestados polomenos 19 anos de servizos na mesma categoría no réxime estatutario. Sen prexuízo do anterior, os servizos prestados noutras categorías computaranse de acordo co establecido na norma 5.3 do citado acordo.

Para estes efectos computaranse os servizos prestados baixo outro réxime xurídico, previos á resolución de integración no réxime estatutario.

b) Estar en situación de activo ou asimilada (reserva de posto), de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco.

Para valorar o cumprimento dos requisitos a) e b) atenderase á data do 30 de xuño de 2009.

Terceiro.-Prazo de presentación e modelo de solicitude.

Cada profesional deberá cubrir unha única solicitude a través da oficina virtual do profesional (Fides), axustándose necesariamente ao modelo establecido; unha vez cuberta a solicitude segundo se indica, deberá imprimir copia dela en papel e presentala, xunto coa documentación relacionada no punto seguinte, a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, advertindo que na folla de solicitude debe figurar o selo de rexistro, quedando os orixinais en poder da Administración que expedirá copia para o interesado. A solicitude deberá dirixirse ao comité de avaliación da entidade en que preste servizos no momento da solicitude, e presentarse no prazo que se inicia o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de setembro de 2009.

Cuarto.-Documentación que debe presentarse coa solicitude.

a) Certificado acreditativo de 19 anos de servizos prestados ou tempo de servizos prestados en varias categorías equivalentes (norma 5.3.4 do acordo).

Non será preciso presentar certificado de servizos prestados no caso dos solicitantes que prestasen na institución de destino actual os 19 anos de servizos requiridos para o acceso ou tempo equivalente (promoción interna). Noutro caso, o solicitante deberá presentar o certificado ou certificados, emitidos polos centros correspondentes, que sexan precisos para completar o dito período.

b) Autoavaliación/relación de méritos.

A autoavaliación deberá axustarse necesariamente ao modelo que figura na oficina virtual do profesional (Fides) e deberá ser cuberto e presentado xunto coa solicitude, de conformidade co procedemento establecido na disposición terceira.

O nivel de desempeño da actividade profesional será autoavaliado tendo en conta o posto que se desempeña actualmente e os servizos prestados nel co límite máximo de 5 anos ata a data da convocatoria.

c) Documentación acreditativa dos méritos correspondentes a outras actividades: formación continuada; actividade docente e compromiso coa organización. Deberán xuntarse as certificacións acreditativas correspondentes.

O solicitante poderá presentar a documentación que considere oportuna á vista do baremo (téñase en conta o máximo de 5 créditos resultante destas actividades).

Non resulta preciso acreditar todas as actividades realizadas, xa que as futuras resolucións que inicien o prazo para acceder aos sucesivos graos posibilitarán novamente a presentación de documentación adicional.

Quinto.-Avaliación.

Alcanzarase a avaliación favorable coa obtención de 9 créditos (nivel de desempeño máis actividades acreditadas).

Avaliaranse os seguintes aspectos da actividade e desenvolvemento profesional:

1. Nivel de desempeño nas actividades principais, directas e/ou de colaboración, do posto de traballo, relacionadas no anexo III da Resolución do 26 de outubro de 2007, da Dirección Xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se inicia o procedemento para o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 209, do 29 de outubro).

O comité de avaliación correspondente da institución sanitaria solicitará do correspondente xefe, supervisor ou coordinador un informe de conformidade ou desconformidade sobre a autoavaliación (anexo II) realizada polo solicitante respecto ao nivel persoal de desempeño do posto (baixo, normal ou alto). En caso de desconformidade coa autoavaliación, o responsable do informe deberá pronunciarse entre un dos tres niveis referidos de cumprimento.

Os representantes da institución no comité de avaliación emitirán o informe naqueles supostos en que non resulte posible a avaliación dun xefe, supervisor ou coordinador.

O nivel de desempeño outorgará ao solicitante as seguintes puntuacións: baixo (6 créditos); normal (7 créditos); alto (8 créditos).

2. Actividades acreditadas: máximo 5 créditos.

a) Formación continuada para a actividade profesional:

Valorarase a asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento acreditados para profesións sanitarias pola Comisión de formación continuada do Sistema Nacional de Saúde, ou pola comisión autonómica. Estes cursos valoraranse sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría, e para as categorías sanitarias.

Valoraranse tamén os cursos de formación e perfeccionamento realizados ao abeiro do acordo nacional de formación continuada das administracións públicas e/ou do Plan de formación continuada do Servizo Galego de Saúde, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría.

Valoraranse igualmente os cursos finalizados con posterioridade ao 1 de xullo de 2002, relevantes para o desempeño das correspondentes funcións, convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Inem, Cruz Vermella, colexios oficiais, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde.

Os cursos valoraranse por créditos. De non figuraren créditos, a equivalencia será por cada 10 horas 1 crédito.

Para a formación universitaria posgraduada non se terá en conta a citada data de referencia (1 de xullo de 2002).

Excepcionalmente, aos profesionais que non superasen a avaliación e que non poidan acreditar a realización de cursos con posterioridade á data indicada, a comisión técnica de avaliación poderá solicitarlles e valorar outros cursos das mesmas características que os anteriores, sen límite de data.

b) Actividade docente de formación continuada: docencia en cursos realizados ao abeiro do acordo nacional de formación continua das administracións públicas ou do Plan de formación continuada do Servizo Galego de Saúde. A puntuación resultará dos créditos asignados ao curso, e á correspondente participación individual en número de horas. A equivalencia será por cada 5 horas 1 crédito.

Así mesmo, valorarase a docencia para a obtención de títulos oficiais, acreditada a través do correspondente recoñecemento. A equivalencia será de 1 crédito por curso.

c) Compromiso coa organización:

-Participación en comités internos, na elaboración de protocolos de mellora de procedementos de traballo e proxectos institucionais, debidamente acreditada pola dirección do órgano administrativo correspondente (1 crédito por cada actividade ou protocolo).

-Exercicio de funcións de dirección, xefatura, e coordinación debidamente acreditadas pola dirección do órgano administrativo correspondente (1 crédito por ano).

-Outros aspectos de formación complementaria:

*Curso básico de prevención de riscos laborais (1 crédito).

*Formación en materia de xestión e organización sanitaria (1 crédito por curso).

Sexto.-Proceso de avaliación e propostas de resolución.

a) Os comités de avaliación, unha vez realizada a avaliación do nivel de desempeño nas actividades principais do posto de traballo de conformidade co establecido na disposición quinta, e valorando a formación continuada cando e na medida que sexa procedente para superar a avaliación, dirixirán a este centro directivo proposta favorable de recoñecemento do grao III respecto aos solicitantes que alcancen os 9 créditos precisos.

Coa dita proposta remitirase certificación sobre a presentación da solicitude en prazo e sobre o cumprimento dos requisitos básicos establecidos na disposición segunda desta resolución.

b) Os comités remitirán á comisión técnica de avaliación (persoal de xestión e servizos e sanitario de formación profesional), con sede nas dependencias deste centro directivo, as solicitudes e documentación anexa nos seguintes supostos:

-Cando o resultado da avaliación do nivel de desempeño nas actividades principais do posto de traballo e da formación continuada ou méritos adicionais non sexa suficiente para alcanzar os 9 créditos e superar a avaliación.

-Cando se trate de solicitantes que se atopen en situacións que impliquen desvinculación da actividade profesional propia da súa categoría.

-Cando se trate de solicitantes que non reúnan os requisitos básicos para o recoñecemento do grao ou se aprecie calquera impedimento para ese recoñecemento.

-Calquera outro suposto en que, por causas debidamente motivadas, consideren que o solicitante non se pode someter ao sistema xeral de avaliación dos propios comités.

c) A comisión técnica de avaliación formulará as súas propostas sobre recoñecemento de grao con base en criterios de xeral aplicación previamente fixados. En todo caso, calquera proposta de desestimación do recoñecemento, baseada nunha avaliación negativa do nivel de desempeño, virá precedida dun período de alegacións habilitado para que o/a profesional presente as alegacións que considere oportunas e/ou o seu curriculum profesional.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2009.

Esperanza Fernández Lago

Directora de Recursos Humanos