DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 15 de xuño de 2009 Páx. 10.282

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 323/2009, do 14 de maio, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16, en relación co 18, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia acordou, en asemblea xeral realizada o día 20 de decembro de 2008, a aprobación dos estatutos definitivos deste, adaptados ao disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro. Os ditos estatutos foron comunicados á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza con data do 4 de febreiro de 2009, para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da súa cualificación de legalidade.

Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia que ten atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do catorce de maio de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación dos estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia.

Apróbanse, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de maio de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos

de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia é unha corporación profesional de dereito público, recoñecida e amparada polo artigo 36 da Constitución, e regulada pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, así como pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia. É unha corporación de carácter social e interese público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º.-Relacións coa Administración.

1. O colexio relacionarase coa Administración autonómica de Galicia, nos aspectos institucionais e corporativos, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, e en todo o que atinxe os contidos da profesión de enxeñeiro agrónomo coa Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, ou con aquela que, de ser o caso, corresponda por razón de materia. Así mesmo, o colexio relacionarase coas demais administracións públicas a través do departamento ou organismo competente.

2. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia intégrase no Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos, como órgano representativo e coordinador a nivel do Estado español da profesión de enxeñeiro agrónomo, e desempeña a preceptiva representación nel.

Nos aspectos non recollidos pola lexislación xeral, as relacións entre o colexio e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos rexeranse mediante os acordos adoptados entre ambos.

Capítulo I

Dos colexiados

Artigo 3º.-Colexiados de número.

Terá dereito a ser admitido como colexiado de número quen resida ou teña o seu domicilio profesional, único ou principal, na Comunidade Autónoma de Galicia, estea en posesión do título de enxeñeiro agrónomo expedido de acordo coa lexislación española ou fose validado oficialmente con efectos profesionais en España, e non se atope incluído en causas de suspensión ou inhabilitación.

Para a colexiación de enxeñeiros agrónomos que non teñan a nacionalidade española haberá que aterse ao que determinen en cada caso as disposicións legais vixentes sobre o exercicio da actividade profesional no Estado español.

Artigo 4º.-Solicitude de colexiación.

1. Para ser admitido como colexiado de número, a persoa que cumpra os requisitos establecidos no artigo 3º dirixirá a solicitude ao decano, acompañada da documentación que acredite ditos requisitos.

2. O enxeñeiro agrónomo subscribirá os impresos de solicitude de ingreso, así como calquera outro documento que, por acordo da Xunta de Goberno, teña establecido o colexio.

3. Se o solicitante procede doutro Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de España, deberá achegar certificación acreditativa de ter cumprido correctamente os seus deberes profesionais, con indicación das sancións que puidesen ser impostas e non rehabilitadas, ter satisfeitas as súas cotas colexiais e levantadas as demais cargas económicas que puidesen existir. No caso de concorrer algunha destas circunstancias desfavorables, a Xunta de Goberno poderá denegar a súa colexiación ou deixar en suspenso a solicitude de colexiación ata que se resolvan os compromisos pendentes con outros colexios.

4. Os profesionais estranxeiros ou aqueles que presenten o título de enxeñeiro agrónomo expedido no estranxeiro, ao efectuaren a súa solicitude de colexiación, deberán presentar, xunto coa documentación que os habilite para exercer a profesión de enxeñeiro agrónomo en España, un certificado do país de orixe validada pola embaixada en España, que fose expedido polo seu colexio, asociación profesional ou a institución da cal dependese, acreditativo de ter cumprido correctamente os seus deberes socioprofesionais, ter satisfeitas as súas cotas de colexiación e satisfeitas as demais cargas que puidesen existir. No caso de concorrer algunha destas circunstancias desfavorables, a Xunta de Goberno poderá deixar en suspenso a solicitude de colexiación ata que se resolvan os compromisos pendentes.

Artigo 5º.-Aprobación ou denegación da solicitude de colexiación.

1. Recibida a solicitude de colexiación, o decano dará conta dela na primeira reunión da Xunta de Goberno, a cal concederá a colexiación a cantos reúnan os requisitos establecidos.

2. En casos de urxencia, o decano poderá outorgar a colexiación con carácter provisional.

3. Resolta favorablemente a solicitude, para facer efectiva a colexiación o enxeñeiro agrónomo deberá aboar a cota de incorporación colexial que, de ser o caso, sexa establecida polo Consello Xeral e pola Xunta de Goberno do colexio.

4. Cumpridos todos os trámites de colexiación, o colexio comunicará cada alta de forma inmediata ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos de España, para o seu coñecemento, para os efectos de exercer a profesión en todo o territorio nacional.

Artigo 6º.-Exercicio da profesión.

1. Os enxeñeiros agrónomos cuxa residencia ou domicilio profesional, único ou principal, radique na Comunidade Autónoma de Galicia, que desexen exercer a profesión, deberán estar colexiados no Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia. Esta colexiación faculta para exercer a profesión en todo o territorio nacional.

2. O requisito de colexiación é requisito imprescindible para o exercicio da profesión, existindo soamente dúas excepcións a esta norma:

a) O persoal ao servizo das administracións públicas en Galicia, no relativo ao exercicio con carácter exclusivo das funcións e actividades propias da súa profesión que exercesen por conta daquelas.

b) Os profesionais da Unión Europea, establecidos con carácter permanente e colexiados en calquera outro país da Unión Europea, que desexen exercer a profesión con carácter ocasional en Galicia. Nestes casos, aplicarase a normativa comunitaria correspondente.

3. O exercicio da profesión está suxeito ao réxime de incompatibilidades que, en cada caso, estableza a lei. En especial, os enxeñeiros agrónomos terán o deber de abstención nos casos de conflito entre os seus propios intereses e os dos destinatarios dos seus servizos. Así mesmo, os enxeñeiros agrónomos ao servizo das administracións públicas, xa sexa a través dunha relación de carácter funcionarial ou laboral, deberán absterse en casos de incompatibilidade entre a dita condición e o exercicio libre da profesión.

4. Os enxeñeiros agrónomos poderán exercer a súa profesión conxuntamente con outros colexiados, baixo calquera das formas lícitas recoñecidas en dereito. Tamén poderán, de ser o caso, exercer conxuntamente a súa profesión con profesionais doutras disciplinas. Se a actividade profesional se desenvolve baixo forma societaria, estará suxeita aos termos previstos na vixente Lei de sociedades profesionais. As sociedades profesionais inscribiranse no Rexistro de Sociedades Profesionais do colexio oficial de enxeñeiros agrónomos onde teñan o seu domicilio social e sen este requisito non poderán realizar actividade profesional ningunha baixo a razón ou denominación social. A inscrición supón a incorporación da sociedade ao colexio e a súa suxeición ás competencias que a Lei de colexios profesionais e estes estatutos xerais lles atribúen aos colexios sobre os profesionais incorporados a eles.

Artigo 7º.-Dereitos dos colexiados.

Os colexiados terán os seguintes dereitos:

1. Exercer a profesión, a que os habilita o seu título, en todo o territorio nacional, en réxime de libre competencia de acordo coa lexislación e estes estatutos.

2. Participar no uso e desfrute dos bens do colexio e dos servizos e prestacións que este teña establecidos na forma e condicións fixadas para o efecto.

3. Tomar parte nas deliberacións e votacións previstas nestes estatutos; en particular o dereito de sufraxio para a elección dos cargos e membros dos órganos de goberno, de acordo con estes estatutos.

4. Formar parte dos órganos de goberno.

5. Remover os titulares dos órganos de goberno, mediante voto de censura, de acordo con estes estatutos.

6. Acadar o amparo da Xunta de Goberno, cando consideren lesionados ou menoscabados os seus dereitos ou intereses profesionais, colexiais ou da corporación.

7. Levar a cabo os traballos profesionais que sexan solicitados ao colexio por entidades ou particulares e que lle correspondan de acordo coas quendas previamente establecidas.

8. Promover actuacións dos órganos de goberno.

9. Crear agrupacións representativas de intereses específicos no seo do colexio, con sometemento en todo caso aos órganos de goberno.

10. Interpor os recursos legalmente procedentes.

11. Ser representados e axudados pola Xunta de Goberno e a asesoría xurídica cando necesiten presentar reclamacións ás autoridades, á Administración, tribunais e particulares, en relación co exercicio da profesión; deberán ser por conta do colexiado interesado os gastos e custas que estes procedementos ocasionen.

12. Cantos se lles recoñecen nestes estatutos.

Artigo 8º.-Deberes dos colexiados.

Os colexiados terán as seguintes obrigas:

1. Cumprir estritamente cantas prescricións conteñen estes estatutos, así como os acordos adoptados pola Xunta de Goberno ou Xunta Xeral.

2. Observar, nos traballos profesionais, cantos preceptos e normas establezan as disposicións legais correspondentes e aqueloutras encamiñadas a manter e elevar a dignidade, prestixio, decoro e ética profesional, dentro do espírito que dimana destes estatutos e do código deontolóxico vixente.

3. Satisfacer puntualmente as cotas colexiais ordinarias, extraordinarias, derramas ou de calquera outra orde, de pagamento obrigado, na forma, tempo e contía que se establecese.

4. Notificar ao colexio o cambio de residencia ou domicilio profesional único ou principal.

5. Denunciar ante o colexio a quen exerza a profesión de enxeñeiro agrónomo sen posuír o título que para iso os autoriza, así como a aqueles que, aínda que o teñan, non cumpran a legalidade vixente e aos que, sendo colexiados, falten ás obrigas que como tales contraian.

6. Someterse, nas cuestións de carácter profesional que se susciten entre os enxeñeiros agrónomos, á arbitraxe e conciliación do colexio.

7. Cumprir, en relación cos órganos directivos do colexio, os deberes de disciplina e respecto, e en relación cos colexiados, os de harmonía profesional.

8. Presentar para o seu visado, ante o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, os documentos ou traballos profesionais que teñan a sinatura como enxeñeiro agrónomo e cuxo obxecto estea localizado no ámbito territorial do colexio.

A presentación de documentos e traballos profesionais en colexios de enxeñeiros agrónomos diferentes ao da Comunidade Autónoma de Galicia terá que se ater ás normas que no réxime de reciprocidade se establezan.

Cando un colexiado exerza a profesión nun colexio distinto ao da súa adscrición, ficará suxeito ás disposicións do réxime interno do dito colexio, e non poderá invocar nin ampararse nas específicas en vigor no seu colexio ou en calquera outro distinto.

9. Cumprir o deber de segredo profesional.

10. Estar cubertos, mediante un seguro, dos riscos de responsabilidade en que poidan incorrer durante o exercicio da profesión. O colexio adoptará as medidas necesarias para promover e facilitar o cumprimento do deber de aseguramento dos seus colexiados.

Artigo 9º.-Perda da calidade de colexiado.

A calidade de colexiado pérdese:

1. Por petición propia, solicitada por escrito ao decano do Colexio, sempre que non se teñan obrigas profesionais ou corporativas pendentes de cumprimento.

2. A causa de sanción disciplinaria, por incumprimento dos deberes colexiais, a teor do disposto nestes estatutos.

3. Cando, transcorridos máis de dous anos consecutivos ou alternos, e logo de notificación, non se aboasen as cotas periódicas de colexiado e demais cargas colexiais ás cales estivese obrigado. Se posteriormente solicitase a alta, o colexio terá dereito a percibir o importe das cotas citadas e os gastos xerados por falta de pagamento.

4. Por falecemento.

5. Por incapacidade legal.

6. Por traslado a outro Colexio.

Artigo 10º.-Atribucións.

As competencias e atribucións profesionais dos colexiados de número no exercicio libre da profesión serán as que correspondan de acordo coas disposicións legais vixentes e coas que se diten no sucesivo.

Capítulo III

Ámbito e funcións do colexio

Artigo 11º.-Ámbito territorial.

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia desenvolve a súa actuación dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a súa sede radica na cidade da Coruña, na rúa Santa Gema, nº 5, baixo (CP 15009) e poderá ser modificada por acordo da Xunta Xeral por proposta da Xunta de Goberno, a través da correspondente modificación estatutaria.

Artigo 12º.-Alteración do ámbito territorial do Colexio.

1. O ámbito territorial do colexio poderá ser alterado por escisión. A fusión ou absorción con un ou máis colexios non é posible, porque iso implicaría superar o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, o que consta prohibido na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia.

2. A escisión territorial do colexio ten, segundo lei, carácter excepcional e soamente se permitirá por razóns, debidamente xustificadas, de mellor cumprimento das funcións públicas que ten encomendadas. O acordo de escisión ten que ser adoptado pola Xunta Xeral do colexio, tanto se se produce por división como por segregación, e require o voto favorable dos dous terzos dos colexiados presentes que conformen polo menos a maioría absoluta dos colexiados de pleno dereito. O acordo ten que ser aprobado, logo de informe do Consello Xeral, mediante decreto da Xunta, que valorará a súa oportunidade e conveniencia, atendendo ao impacto na organización colexial.

No caso de escisión por segregación, será necesaria unha petición previa escrita, razoada, dirixida á Xunta de Goberno e subscrita pola metade máis un dos colexiados de pleno dereito residentes na porción de territorio que se vai segregar. Estableceranse, se é o caso, os termos nos cales se efectuará a segregación aprobada, coa denominación do novo colexio, texto dos novos estatutos dun colexio e do outro, denominación do colexio matriz a partir dese momento e previsión do nomeamento dunha xestora ata que non sexa convocada unha xunta xeral e sexan elixidos os novos cargos.

Artigo 13º.-Fusión ou segregación con colexios de diferentes profesións.

A fusión do colexio cun colexio doutra profesión e a segregación do colexio que comporte a creación dun colexio novo para o exercicio dunha profesión que requira unha titulación diferente á do colexio, requirirán lei da Comunidade Autónoma de Galicia, cos requisitos e efectos previstos na lei, logo de informe do correspondente consello ou consellos de colexios profesionais.

O acordo desta fusión ou segregación deberá ser adoptado pola Xunta Xeral extraordinaria do Colexio, por maioría absoluta dos colexiados asistentes.

Artigo 14º.-Fins e funcións.

Son fins esenciais do colexio a ordenación do exercicio da profesión, a súa representación exclusiva e a defensa dos intereses profesionais.

Como funcións xerais do colexio ao servizo destes fins enuméranse, a título enunciativo e non limitativo, as seguintes:

1. De ordenación do exercicio profesional.

a) O rexistro dos datos referentes aos seus colexiados nunha relación en que constarán, como mínimo, o testemuño auténtico do título, a data de ingreso, o domicilio profesional e de residencia e cantas circunstancias afecten a súa habilitación para o exercicio profesional.

O colexio facilitará aos órganos xurisdicionais e ás administracións públicas, de conformidade coas leis, a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para intervir como peritos ou designalos directamente.

Por solicitude de calquera dos seus colexiados, o colexio poderá autenticar a súa sinatura, certificar que esta concorda coa rexistrada e, en consecuencia, que o asinante está legalmente habilitado para o exercicio profesional.

b) O rexistro das sociedades profesionais con domicilio social no ámbito territorial do colexio, de acordo co disposto na Lei de sociedades profesionais.

c) A vixilancia da actividade profesional para que esta se someta, en todo caso, á ética e dignidade da profesión e ao debido respecto aos dereitos dos cidadáns.

d) O exercicio, na orde profesional e colexial, da potestade disciplinaria en caso de incumprimento das prescricións legais ou deontolóxicas.

e) O visado dos traballos profesionais, de acordo co disposto neste estatuto.

f) A vixilancia do cumprimento das normas que regulan o exercicio profesional, as normas estatutarias e corporativas, e demais resolucións dos órganos colexiais.

g) A adopción das medidas conducentes a evitar a intrusión profesional e a competencia desleal, así como o exercicio irregular da profesión.

h) A persecución dos actos de competencia desleal.

i) A mediación en vía de conciliación ou arbitraxe, por petición das partes, en cuestións que por motivos profesionais se susciten entre profesionais.

2. De representación e defensa da profesión e dos seus colexiados.

a) Exercer, no seu ámbito, a representación e defensa da profesión ante as administracións públicas, os tribunais e demais poderes públicos, así como ante calquera institución, entidade e particulares.

b) Actuar ante os xulgados e tribunais en cantos litixios afecten os intereses profesionais, coa lexitimación que a lei lles outorga, e facelo ben en representación, ben en substitución procesual dos seus membros.

c) Emitir informe nos procedementos, administrativos ou xudiciais en que se discuta calquera cuestión profesional, cando sexan requiridos para iso ou cando se prevexa a súa intervención de acordo coa lexislación vixente.

d) Emitir informe, de acordo coas normas reguladoras, sobre os proxectos de disposicións normativas que regulen ou afecten directamente as condicións xerais das funcións profesionais.

e) Cooperar á mellora do ensino e investigación da profesión, para o cal poderá crear institucións científicas, educativas ou culturais, ou colaborar con elas.

f) Participar na elaboración dos plans de estudo, emitir informe sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión e manter permanente contacto con estes, nos termos que determinen as disposicións reguladoras de tales materias.

g) Participar nos consellos, organismos consultivos, comisións e órganos análogos das administracións públicas e das organizacións, nacionais ou internacionais, cando sexa requirido para iso.

h) Establecer e manter relacións e intercambios con organismos de carácter técnico, científico ou profesional, nacionais ou estranxeiros, dedicados a actividades que teñan afinidade cos fins e as funcións do colexio.

i) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas polas administracións públicas, de conformidade coa lexislación sobre procedemento administrativo, e colaborar con elas mediante a realización de estudos, a emisión de informes, a elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que poden serlles solicitadas ou que acorde formular por iniciativa propia.

j) Realizar peritaxes, ben por conta propia, ben por petición dos colexiados, das administracións, dos xulgados e tribunais ou doutras entidades públicas e privadas.

k) Desenvolver outras funcións que redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados.

3. De servizo.

Os colexios poderán ofrecer, entre outros, os servizos seguintes:

a) A resolución mediante laudo, de acordo coa lexislación vixente sobre arbitraxes, dos conflitos e discrepancias que lle fosen sometidos.

b) A organización de actividades e servizos de interese para os colexiados de índole profesional, formativa, cultural, médico-profesional, asistencial, de previsión e outros análogos, ou colaborar, de ser o caso, con institucións deste carácter.

c) O asesoramento e a organización de cursos de formación continuada e especialización.

d) A colaboración e participación na creación dun sistema de cobertura de responsabilidades civís contraídas polos profesionais no desempeño da súa actividade.

4. De autoorganización.

Os colexios, no exercicio da súa potestade de autoorganización interna, exercerán as seguintes funcións:

a) Aprobar os seus propios estatutos, logo de informe do Consello Xeral.

b) Aprobar o regulamento de réxime interior en desenvolvemento e aplicación dos seus estatutos.

c) Aprobar e executar os seus orzamentos.

Artigo 15º.-Visado dos traballos.

1. O visado dos traballos garante a identidade e competencia profesional do autor, a adecuación ás normas de visado vixentes no Colexio e a integridade documental deles.

2. Todos os traballos realizados polos enxeñeiros agrónomos en exercicio libre da profesión, mesmo os efectuados por enxeñeiros agrónomos ao servizo de empresas, deberán ser visados no colexio que corresponda.

3. Non están suxeitos a visado os traballos que realicen como contido da súa relación de servizo os enxeñeiros agrónomos adscritos ás administracións públicas baixo réxime funcionarial ou laboral.

4. No caso de traballos profesionais que realice un enxeñeiro agrónomo en colaboración con outros titulados, o Colexio de Enxeñeiros Agrónomos deberá realizar o visado do traballo correspondente ao enxeñeiro agrónomo.

5. Os documentos resultantes da actividade profesional do enxeñeiro agrónomo, localizada na Comunidade Autónoma de Galicia, deberán ser visados no Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia.

Capítulo IV

Dos recursos económicos do colexio

Artigo 16º.-Recursos ordinarios.

1º. Fundamentalmente, os recursos ordinarios do colexio para a debida atención dos seus fins e funcións corporativas son os seguintes:

1. As cotas de incorporación colexial, así como as cotas periódicas ordinarias e extraordinarias, incluídas as derramas. As cotas de percepción periódica e as de incorporación colexial serán fixadas pola Xunta de Goberno. As derramas e cotas de carácter extraordinario serán aprobadas pola Xunta Xeral.

2. Os dereitos de visado de traballos, que serán percibidos por todos os traballos visados, de acordo cos criterios establecidos pola Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno.

3. Os produtos, rendas e xuros dos bens ou dereitos que integran o patrimonio do colexio.

4. Os dereitos que corresponda percibir ao colexio por expedición de certificacións, ditames, informes, asesoramento e a prestación doutros servizos, os cales serán fixados pola Xunta de Goberno.

5. Os que se obteñan pola venda de publicacións e impresos.

2º. O colexio elabora e aproba o seu propio orzamento, que será aprobado pola Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno. A corrección das súas contas e a realidade dos seus ingresos e gastos deberá ser auditada, mediante informe emitido por unha persoa externa ao colexio, habilitada legalmente, cando menos ao producirse a renovación ordinaria, total ou parcial, dos membros da Xunta de Goberno. O informe do auditor deberase xuntar á presentación do balance económico da xunta xeral e deberá estar á disposición dos colexiados, para o seu exame, polo menos vinte días antes da celebración da xunta xeral.

Artigo 17º.-Recursos extraordinarios.

Os recursos extraordinarios do colexio estarán constituídos por:

1. As subvencións, donativos, herdanzas ou legados outorgados polo Estado, comunidades autónomas, corporacións oficiais, entidades públicas ou privadas e particulares.

2. O produto do alleamento dous seus bens, acordado en xunta xeral.

3. Os que, por calquera outro concepto, procedan legalmente.

Capítulo V

Organización do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia

Artigo 18º.-Organización.

O colexio estará rexido e administrado pola Xunta Xeral e pola Xunta de Goberno, formadas por colexiados de número.

Artigo 19º.-Xunta Xeral.

1. A Xunta Xeral é o órgano superior de expresión da vontade do Colexio; forman parte dela a totalidade dous colexiados non suspendidos non exercicio dous seus dereitos corporativos.

2. Os acordos da Xunta Xeral obrigan a todos os colexiados.

Artigo 20º.-Funcións da Xunta Xeral.

Corresponden á Xunta Xeral as seguintes funcións:

1ª. O coñecemento e aprobación da memoria ou informe anual que a Xunta de Goberno lle someterá resumindo a súa actuación e a dos demais órganos e comisións do colexio, así como a información sobre os acontecementos profesionais de maior relevo.

2ª. A aprobación de orzamentos, balances e gastos extraorzamentarios, así como as cotas extraordinarias.

3ª. A aprobación ou modificación dos estatutos do colexio e o regulamento de réxime interior, se procede, elaborado pola Xunta de Goberno.

4ª. A promoción e organización de servizos colexiais e de previsión.

5ª. A decisión e discusión de cantos asuntos se lle sometan por proposta da Xunta de Goberno ou dun grupo de colexiados de número, non inferior ao 10% dos colexiados e sempre que este número non sexa inferior aos 10 colexiados.

6ª. A aprobación da moción de censura, se procede, sobre a actuación de calquera membro da Xunta de Goberno.

7ª. O acordo sobre a disposición ou alleamento de bens.

8ª. O nomeamento de colexiados de honra, así como a proposta ao organismo competente doutro tipo de distincións.

9ª. Acordar a expulsión de colexiados que fosen sancionados por faltas moi graves.

10ª. Ratificar os membros electos da Xunta de Goberno, de conformidade co previsto non capítulo VI destes estatutos.

11ª. Acordar a segregación e disolución do colexio profesional.

12ª. Todas as demais atribucións que non fosen conferidas a outros órganos.

Artigo 21º.-Reunións da Xunta Xeral.

1. A Xunta Xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces ao ano: a) Unha no primeiro semestre e na súa orde do día incluirase tanto a aprobación de balances do exercicio anterior como a información en xeral sobre a marcha do colexio, na cal se incluirá a relación de altas e baixas; b) Outra reunión realizarase no último trimestre do ano, na cal con carácter obrigatorio se procederá ao exame e aprobación, se procede, do orzamento para o exercicio seguinte, así como a proclamación, de ser o caso, de candidatos electos á Xunta de Goberno.

2. A Xunta Xeral reunirase con carácter extraordinario:

a) Por proposta do decano.

b) Por proposta da maioría simple dos membros da Xunta de Goberno.

c) Cando se pretendan modificar os estatutos ou o regulamento de réxime interior.

d) Cando o solicite coa súa sinatura un número de colexiados non inferior ao 10% do total de colexiados, ou ao 25% se se solicita co obxecto de promover unha moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros. Esta reunión da Xunta Xeral terá lugar no prazo máximo de trinta días contados desde a data de entrada da petición no rexistro do colexio.

3. Todas as reunións da Xunta Xeral deberán ser anunciadas por escrito mediante notificación individual, cun prazo mínimo de dez días hábiles.

Naqueles casos en que, ao xuízo da Xunta de Goberno, a urxencia dos temas que se van tratar o requira, esta poderá convocar a Xunta Xeral nun prazo mínimo de cinco días hábiles.

4. A Xunta Xeral constituirase de acordo co especificado nos estatutos e ou regulamento de réxime interior do colexio.

5. A Xunta Xeral celebrará as súas sesións presididas polo decano e, na súa ausencia, polo decano accidental previsto no artigo 26º destes estatutos. En caso de ausencia de ambos, será presidida polo membro da Xunta de Goberno de máis antiga colexiación, de entre os presentes.

6. Os acordos da Xunta Xeral adoptaranse por maioría de votos dos colexiados presentes ou representados. Será necesaria a maioría cualificada de dous terzos para adoptar acordos sobre o contido do punto 2 do artigo 16º e dos puntos 3, 6 e 7 do artigo 20º. Será, así mesmo, necesaria unha maioría cualificada dos dous terzos dos colexiados presentes, para adoptar o acordo de escisión do colexio, sen prexuízo de requirir, así mesmo, a maioría absoluta dos colexiados de pleno dereito e de disolución do colexio.

7. Cando se presente unha moción de censura contra a Xunta de Goberno en Pleno ou contra algún dos seus membros, esta deberá ser instada polo menos por un 25% dos colexiados, que deberán, ademais, presentarlle á Xunta Xeral extraordinaria a proposta de composición para a nova Xunta de Goberno en Pleno ou, de ser o caso, para substituír os membros contra os cales se presenta a moción. A Xunta Xeral convocada por este procedemento terá lugar nun prazo máximo de trinta (30) días hábiles a partir da data de rexistro de entrada da petición dos colexiados na secretaría da sede central do colexio. A moción de censura poderá tratarse nunha xunta xeral extraordinaria convocada con ese único asunto na orde do día e que só quedará validamente constituída cando asista un 25% do censo de colexiados en primeira convocatoria ou un 10% deste en segunda convocatoria.

A moción entenderase aprobada co voto favorable de dous terzos dos votos emitidos polos colexiados presentes na xunta xeral extraordinaria validamente constituída. A duración do mandato da nova Xunta de Goberno será, en calquera caso, polo mesmo período de tempo que lle restaba de lexislatura á anterior Xunta de Goberno ata a convocatoria de novas eleccións. No caso de non se reunir o quórum necesario ou non resultar aprobada, darase por desestimada a moción e non poderán os mesmos avalistas promover unha nova moción de censura durante o resto da lexislatura.

8. Os acordos da Xunta Xeral serán adoptados en votación á man alzada; realizarase votación secreta sempre que afecte persoas, cando así o determine o decano ou cando o solicite o 10% dos colexiados presentes ou representados.

9. En ningún caso se poderán adoptar acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día.

10. Desde a data en que se realice a convocatoria e durante o horario de oficina estarán á disposición dos colexiados, na secretaría do colexio, os antecedentes dos asuntos que se van deliberar na Xunta Xeral convocada, así como o documento de acta da reunión anterior.

Artigo 22º.-Xunta de Goberno.

1. A Xunta de Goberno é o órgano encargado da execución dos acordos da Xunta Xeral e asume a dirección e administración do colexio, con suxeición ao establecido nestes estatutos.

2. A Xunta de Goberno estará integrada polo decano, o secretario, o interventor, un delegado por cada provincia e dous vogais. Un dos cargos de vogal poderá reservarse a colexiados que non se atopen en activo no exercicio da profesión.

3. Os membros da Xunta de Goberno, Comisión Permanente e outras comisións serano a título gratuíto, aínda que non oneroso.

Artigo 23º.-Funcións da Xunta de Goberno.

Corresponden á Xunta de Goberno as seguintes funcións:

1. A dirección e vixilancia do cumprimento dos cometidos colexiais, destes estatutos e do regulamento de réxime interior.

2. A representación xudicial e extraxudicial do colexio, con facultades para delegar e apoderar.

3. A emisión de informes nos casos establecidos na normativa vixente ou cando sexa requirido o colexio para que exprese a súa opinión.

4. A designación das comisións ou relatorios encargadas de preparar ditames, informes e estudos, laudos ou arbitraxes, así como o establecemento das correspondentes quendas e a designación de representantes do colexio en tribunais, xurados e outros.

5. A proposta á Xunta Xeral da memoria ou informe anual de actividades, os orzamentos e canto concirne á xestión económica do colexio.

6. Vixiar o desenvolvemento da xestión económica e orzamentaria do colexio.

7. Nomear os representantes da Xunta de Goberno ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos de España.

8. Nomear e separar o persoal administrativo do colexio.

9. Aprobar as altas e baixas de colexiados de número e as propostas de colexiados de honra, e notificarllo ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos de España.

10. Acordar das reunións da Xunta Xeral, tanto ordinarias como extraordinarias.

11. Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno e designar provisionalmente, de ser o caso, os colexiados que cubran as vacantes que se produzan na súa composición. Designar os compoñentes da Mesa Electoral.

12. Adoptar as medidas pertinentes para o cumprimento dos acordos da Xunta Xeral.

13. Velar pola boa conduta profesional e incoar e resolver os oportunos expedientes disciplinarios.

14. A proposta da moción de censura a calquera membro da Xunta de Goberno, que implicará, en caso de prosperar, a elevación desta á Xunta Xeral.

15. Elaborar a proposta de estatutos e do regulamento de réxime interior do colexio.

16. Manter actualizada a lista de colexiados e o Rexistro de Sociedades Profesionais.

17. Todas as demais atribucións que se lle asignen nestes estatutos e no Regulamento de réxime interior.

Artigo 24º.-Reunións da Xunta de Goberno.

1. A Xunta de Goberno reunirase polo menos unha vez ao trimestre, cantas veces xulgue necesario o decano e cando o solicite polo menos unha terceira parte dos seus compoñentes, que expresarán as razóns de solicitude da reunión en escrito dirixido ao decano.

2. Os compoñentes da Xunta de Goberno poderán delegar o seu voto noutro membro dela, pero cada membro non poderá ter máis dunha delegación de voto. Os delegados provinciais poderán nomear un suplente, sempre que exista causa xustificada.

3. Todas as reunións da Xunta de Goberno deberán ser convocadas por escrito con cinco días de anticipación, como mínimo, e achegarase o proxecto de acta da reunión anterior. No caso en que soliciten a reunión unha terceira parte dos compoñentes da Xunta de Goberno, a reunión terá lugar dentro dos quince días seguintes desde a data de entrada da petición no rexistro do colexio.

4. As decisións da Xunta de Goberno serán aprobadas por maioría simple. En caso de empate na votación, o decano disporá de voto de calidade.

5. Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día, excepto nos casos previstos na lei.

6. A Xunta de Goberno realizará as súas sesións presididas polo decano e, na súa ausencia, polo decano accidental previsto non artigo 26 destes estatutos. No caso de ausencia de ambos, será presidida polo membro da Xunta de Goberno de máis antiga colexiación, de entre os presentes.

7. A Xunta de Goberno pode delegar o exercicio das funcións públicas de conformidade coas normas de procedemento administrativo. Para o resto das funcións, pode delegar nun ou máis dous seus membros, ou nomear apoderados xerais ou especiais. Non son delegables os actos que deban ser autorizados ou aprobados pola Xunta Xeral.

Artigo 25º.-Comisións delegadas.

1. Por acordo da Xunta Xeral ou da Xunta de Goberno poderán constituírse comisións que actúen sobre áreas específicas de traballo. Estas comisións teñen como función desenvolver as actividades que se lles encomenden, asesorar e informar da súa actividade o órgano que as creou.

2. Para conseguir a maior continuidade e eficacia nas súas funcións, a Xunta de Goberno estará asistida pola Comisión Permanente, constituída polo decano, o secretario, que o será da comisión, o interventor e un membro da Xunta de Goberno designado pola propia Xunta.

3. A Comisión Permanente reunirase cantas veces sexa convocada polo decano, o soliciten polo menos dous dos seus compoñentes, ou cando, estando presentes todos os seus membros, así o acorden.

4. A Comisión Permanente entenderá dos asuntos que lle sexan encomendados pola Xunta de Goberno, así como daqueles que sexan de notoria urxencia, dando conta do actuado a esta, na reunión inmediata posterior.

5. Os acordos adoptaranse por maioría dos asistentes e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade do decano.

Artigo 26º.-Decano.

1. Corresponde ao decano a presidencia e representación oficial do colexio en todas as súas relacións coas autoridades, administracións públicas, tribunais de xustiza, entidades e persoas físicas, sen prexuízo de que en casos concretos poida tamén a Xunta de Goberno, en nome do colexio, encomendar as ditas funcións a determinados colexiados ou comisións constituídas para o efecto.

2. O decano presidirá as reunións da Xunta Xeral, Xunta de Goberno, Comisión Permanente e todas as comisións ás cales asista, en que dirixirá as deliberacións. Así mesmo, correspóndelle a execución e o cumprimento dos acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno, así como a execución dos acordos co Consello Xeral.

3. Considerarase investido de facultades para requirir dos que sexan denunciados que cesen na súa actuación, e instruír o oportuno expediente de comprobación, acabado o cal e comprobada a denuncia, a Xunta de Goberno, en nome do colexio, emprenderá as actuacións legais que correspondan.

4. En caso de ausencia ou enfermidade será substituído polo decano accidental, designado polo propio decano, entre os compoñentes da Xunta de Goberno e, en defecto de ambos, polo membro da Xunta de Goberno de máis antigüidade no cargo.

5. O decano poderá propor á Xunta de Goberno a designación provisional de membros para cubriren as vacantes producidas, ata que se realice a elección correspondente.

6. O decano poderá autorizar as contas correntes bancarias, e ordenar as imposicións que se realicen e os talóns ou cheques para retirar cantidades, así como outras formas de pagamento das cantidades que corresponda satisfacer polo colexio.

7. Exercerá cantas outras funcións non estean especialmente atribuídas aos demais compoñentes da Xunta de Goberno.

Artigo 27º.-Secretario.

1. Correspóndelle ao secretario do colexio:

1ª. Preparar a relación de asuntos que lle servirá ao decano para determinar a orde do día de cada convocatoria.

2ª. Redactar as actas das reunións das xuntas, Xeral e de Goberno, así como da Comisión Permanente.

3ª. Expedir as certificacións de oficio ou por instancia de parte interesada.

4ª. Expedir e tramitar comunicacións e documentos, e dar conta deles ao decano.

5ª. Exercer a xefatura do persoal necesario para a realización das tarefas colexiais.

6ª. Velar polo cumprimento das decisións do decano, os acordos das xuntas, Xeral e de Goberno, e da Comisión Permanente.

7ª. Visar os traballos profesionais, de acordo co estipulado na lexislación vixente.

8ª. Levar os libros de actas das reunións e o control dos visados.

9ª. Convocar, por orde do decano, as reunións das xuntas Xeral e de Goberno, así como da Comisión Permanente.

10ª. Redactar e organizar todo tipo de comunicacións das xuntas, Xeral e de Goberno, así como da Comisión Permanente.

11ª. Manter actualizada a relación de colexiados.

12ª. Ordenar, en ausencia do decano, os pagamentos previamente autorizados.

2. Nos casos de ausencia ou enfermidade ou impedimento de calquera clase, será substituído polo vogal da Xunta de Goberno de máis recente colexiación.

3. No desenvolvemento das súas funcións poderá estar auxiliado polo secretario técnico e, de ser o caso, polo persoal adscrito aos servizos administrativos do colexio.

Artigo 28º.-Interventor.

Corresponde ao interventor do colexio:

1. Preparar os proxectos de orzamentos, estado de contas e balances.

2. Intervir as actividades económicas do colexio.

3. Fiscalizar a xestión económica, inspección e control regular da contabilidade do colexio.

4. Autorizar os talóns ou cheques e outras formas de pagamento das cantidades que corresponda satisfacer ao colexio e, en caso de ausencia do decano, ordenar os ditos pagamentos.

5. No desenvolvemento das súas funcións poderá estar auxiliado polo secretario técnico e, de ser o caso, polo persoal adscrito aos servizos administrativos do colexio.

Artigo 29º.-Vogais e delegados provinciais.

a) Os vogais que forman parte da Xunta de Goberno teñen as seguintes funcións:

1. A xestión dos asuntos que lle sexan encomendados polo decano ou pola Xunta de Goberno.

2. Formar parte das comisións que se constitúan segundo establecido non artigo 25.

3. Substituír o decano ou o secretario, segundo se dispón nos artigos 26 e 27 destes estatutos.

b) Pola súa parte, aos delegados provinciais correspóndenlles as seguintes funcións:

1. Representar o decano por expresa delegación deste.

2. A xestión daqueles asuntos que no ámbito provincial lles sexan encomendados pola Xunta de Goberno.

3. Velar polo cumprimento dos cometidos corporativos e destes estatutos.

4. Como membro da Xunta de Goberno, servirá de enlace entre esta e os colexiados da súa provincia e informará a dita Xunta da problemática profesional e colexial da súa demarcación.

Artigo 30º.-Secretario técnico.

1. O secretario técnico do colexio é un cargo profesional e de xestión que deberá ser desempeñado obrigatoriamente por un enxeñeiro agrónomo colexiado no Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia; será seleccionado e nomeado pola Xunta de Goberno.

2. Corresponden ao secretario técnico as seguintes funcións:

1ª. Substituír o secretario nas funcións que lle sexan encomendadas, en caso de ausencia ou enfermidade, e asumir as funcións que, por delegación e por escrito, lle asigne o secretario.

2ª. Exercer a organización material dos servizos administrativos e técnicos do colexio.

3ª. Realizar todas aquelas funcións que lle sexan encomendadas polo decano ou o secretario.

4ª. Asistir ás reunións da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto, sempre que sexa convocado.

5ª. Propor os gastos que se efectuarán na execución do orzamento, así como autorizar os gastos de escasa transcendencia.

Capítulo VI

Réxime electoral

Artigo 31º.-Duración dos cargos e sistema electivo.

1. A duración de todos os cargos será de catro anos.

2. Cada dous anos convocaranse eleccións para cubrir, alternativamente, por unha parte os cargos de decano, interventor, dous delegados provinciais e un vogal e, por outra, o cargo de secretario, así como os dous delegados provinciais e o vogal restantes.

3. Os cargos de decano, secretario, interventor e vogais serán de libre elección por votación da totalidade dos colexiados de número. Na elección dos delegados correspondentes a cada provincia intervirán exclusivamente os colexiados residentes no seu ámbito territorial.

4. As vacantes que se produzan na Xunta de Goberno serán cubertas en forma regulamentaria, no prazo máximo de dous meses, e poderán ser cubertas de forma provisional pola Xunta de Goberno, que designará os colexiados que deban substituír temporalmente os cesantes por proposta do decano.

Ao cubrirse calquera destes cargos por elección, a duración no cargo chegará ata as próximas eleccións, nas cales, de acordo co calendario de eleccións, tivese que renovarse o cargo.

5. Cando se produzan as vacantes de máis da metade dos cargos da Xunta de Goberno, esta xunta deberá convocar inmediatamente eleccións para os cargos vacantes, o cal se fará seguindo os trámites e procedementos establecidos nestes estatutos para o caso de renovación dos cargos da Xunta.

Artigo 32º.-Condicións para ser elixible.

1. Para todos os cargos, o colexiado debe estar ao día das súas obrigas co colexio e non estar incurso en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria.

2. Para ser candidato ao cargo de decano é necesario ter estado colexiado como exercente de forma ininterrompida, como mínimo, durante os últimos cinco anos.

3. Para ser candidato aos cargos de secretario e interventor, é necesario ter estado colexiado como exercente de forma ininterrompida, como mínimo, durante os últimos tres anos. Para delegados provinciais e vogais terán que levar pertencendo ao colexio un prazo, como mínimo, de dous anos.

Artigo 33º.-Convocatoria.

1. A convocatoria de eleccións realizarase por acordo da Xunta de Goberno; o secretario dirixirá unha circular a todos os colexiados informando dos cargos para os cales se convoca o proceso electoral, e establecendo un prazo mínimo de vinte días naturais para a presentación de candidaturas, contados desde o día seguinte ao da notificación. Na mesma circular informarase sobre as condicións para o desenvolvemento das eleccións e incluirase o calendario electoral.

2. Ao formular a convocatoria de eleccións, a Xunta de Goberno designará a mesa electoral.

Artigo 34º.-Mesa electoral.

1. Designada pola Xunta de Goberno, a mesa electoral terá como misión levar a termo todo o proceso electoral, vixiando o exacto cumprimento dos prazos previstos, resolver os recursos que se presenten e subscribir as actas.

2. Estará constituída, como mínimo, por tres colexiados, que non serán candidatos á elección, dos cales polo menos un deberá ser membro da Xunta de Goberno, salvo que todos os seus compoñentes sexan candidatos. Presidirá a mesa o membro da Xunta de Goberno, noutro caso, o colexiado máis antigo entre os designados. De cada un dos compoñentes da mesa electoral designarase o correspondente suplente.

3. A mesa electoral constituirase non prazo de sete días naturais, desde a data de designación pola Xunta de Goberno.

Artigo 35º.-Admisión de candidaturas.

Calquera colexiado que reúna as condicións de elixibilidade establecidas no artigo 32 poderá presentar por escrito a súa candidatura aos cargos de decano, secretario, interventor, delegado provincial e vogal, con indicación do cargo concreto. A candidatura será admitida pola mesa electoral, sempre que o colexiado sexa proposto polo número de colexiados que despois se indica, facendo manifestación expresa da súa aceptación do cargo para o caso de resultar elixido.

a) Para a admisión da candidatura de decano requírese ter sido proposto por un número non inferior a vinte colexiados ou o 20% cando o colexio non chegue á cifra de cen colexiados.

b) Para a admisión da candidatura de secretario e interventor requírese ter sido proposto polo menos por dez colexiados ou o 10% cando o colexio non chegue á cifra de cen colexiados.

c) Para a admisión da candidatura de vogal e delegado provincial requírese ter sido proposto polo menos por cinco colexiados, sempre que, en relación a este último cargo, os colexiados propoñentes residan na provincia correspondente.

Artigo 36º.-Proclamación de candidatos.

1. No día e hora establecidos como prazo límite para a presentación das candidaturas, a mesa electoral, despois de comprobar as solicitudes presentadas, aprobará a relación de candidatos que reúnen as condicións de elixibilidade, e redactará a acta na cal se farán constar motivadamente, se proceder, os fundamentos de exclusión das candidaturas non admitidas.

2. No momento en que sexa adoptada a resolución de admisión de candidaturas pola mesa electoral, exporase no taboleiro de anuncios do colexio e comunicarase a cada un dos solicitantes, que disporán dun prazo de corenta e oito horas para a presentación de alegacións ante a mesa electoral. Se se presentasen alegacións, a mesa electoral resolverá nun prazo máximo de corenta e oito horas.

3. A lista definitiva coa relación de candidatos será remitida a todos os colexiados, confirmando as condicións do seu desenvolvemento, a data e o horario en que terá lugar a votación, que non será antes de transcorridos quince días naturais desde a proclamación de candidatos. A propaganda electoral, que se poderá iniciar unha vez proclamados os candidatos, cesará vinte e catro horas antes do día sinalado para a votación.

4. Cada candidato poderá designar un colexiado, como representante ante a mesa electoral, que terá dereito a asistir aos actos electorais e a formular, de ser o caso, as observacións e reclamacións que procedan.

Artigo 37º.-Desenvolvemento da votación.

1. A elección dos membros da Xunta de Goberno efectuarase por votación libre, directa, igual e secreta, na cal poderán participar todos os colexiados, no día e o horario sinalado no calendario electoral e en presenza da mesa electoral. Para a votación utilizaranse as papeletas e os sobres facilitados polo colexio.

2. Os colexiados poderán votar persoalmente, logo de identificación, entregando as papeletas á mesa electoral, para que na súa presenza sexan introducidas na urna prevista para o efecto.

3. Aqueles colexiados que non depositen o voto persoalmente o día da votación, poderán facelo chegar por calquera medio á secretaría do colexio. O procedemento para garantir a fiabilidade e o segredo dos votos emitidos por este sistema será regulado pola mesa electoral. Todos os sobres remitidos para a votación deberán ter entrada no colexio antes de se iniciar o acto electoral e serán custodiados, garantindo o segredo, pola propia mesa electoral.

4. Cando o colexio teña os medios necesarios, a votación poderase facer por voto telemático.

Artigo 38º.-Escrutinio.

1. Levarase a cabo ao finalizar o período de votación. Serán nulos todos os votos recaídos en persoas que non figuren nas candidaturas aprobadas; as papeletas que conteñan frases ou expresións distintas do nome e cargo do candidato proposto, ou as que ao xuízo da mesa electoral resulten ilexibles ou infundan dúbidas xustificadas verbo do nome do candidato votado.

2. O desenvolvemento da votación e o resultado do escrutinio ficarán reflectidos na acta correspondente que, despois da sinatura polos membros da mesa electoral, se fará pública de forma inmediata á finalización do escrutinio.

3. Os candidatos disporán dun prazo de sete días para a presentación de alegacións ante a mesa electoral, sobre o desenvolvemento das eleccións. De se presentaren alegacións, a mesa electoral resolverá nun prazo máximo de corenta e oito horas.

Artigo 39º.-Toma de posesión.

1. Os colexiados que fosen escollidos tomarán posesión do cargo na primeira reunión da Xunta de Goberno posterior á Xunta Xeral do último semestre, e seguirán en funcións os cesantes ata ese día.

2. Os nomeamentos serán comunicados ao Rexistro de Colexios Profesionais de Galicia e ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos de España.

Capítulo VII

Réxime de honras, premios e distincións

Artigo 40º.-Colexiados de honra.

O título de colexiado de honra poderá outorgarse á persoa que rendese servizos destacados ao colexio ou á profesión, sexa ou non enxeñeiro agrónomo, mediante proposta razoada da Xunta de Goberno elevada á Xunta Xeral que, de ser o caso, deberá aprobala por maioría.

O título de colexiado de honra confírelles ás persoas que o obtivesen o dereito de pertencer ao colexio sen estaren obrigadas a pagar os dereitos de incorporación nin as cotas periódicas.

Artigo 41º.-Premios e distincións.

A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, poderá regular a concesión de premios e distincións, tanto entre os enxeñeiros agrónomos colexiados como a outras persoas que reúnan os méritos ou calidades regulamentadas.

Capítulo VIII

Réxime xurídico dos actos corporativos

Artigo 42º.-Actas.

1. De cada sesión das xuntas, Xeral e de Goberno, redactarase a acta en que se fará constar lugar, data e horas en que comeza e acaba, nome e apelidos dos asistentes, os puntos principais de deliberación, forma e resultado das votacións e o contido dos acordos adoptados.

2. As actas poderanse aprobar: ao finalizar cada sesión, na reunión seguinte do mesmo órgano ou mediante a designación de dous interventores en cada sesión, con facultades para levar a cabo a aprobación destas nun prazo non superior a quince días hábiles seguintes ao da súa realización.

3. As actas serán asinadas, en todas as súas follas, polo secretario, co visto e prace do decano; posteriormente serán debidamente arquivadas, con rexistro no libro correspondente, custodiado polo secretario.

4. Os acordos de execución urxente deberán redactarse ao final da reunión en que se tomen, ser sometidos á Xunta para que unha vez aprobada a redacción sexa certificada polo secretario, co visto e prace do decano, para que a resolución poida ser executada. A redacción aprobada será trasladada á acta.

Artigo 43º.-Réxime xurídico.

1. O réxime xurídico dos actos e resolucións do colexio, prazos, e recursos contra eles será o previsto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia; será, así mesmo, supletoria na súa aplicación a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Contra os actos e resolucións ditados polos órganos do colexio e actos de trámite que determinen a imposibilidade de continuar o procedemento ou que produzan indefensión, suxeitos a dereito administrativo, caberá interpoñer recurso de alzada ante o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos.

3. O réxime xurídico dos actos presuntos do colexio rexerase polo que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. No exercicio das súas funcións privadas e no relativo ao patrimonio, o colexio queda sometido ao dereito privado. Tamén quedan incluídos neste ámbito os aspectos relativos á contratación e relacións co seu persoal, que se rexerá pola lexislación laboral.

Capítulo IX

Réxime disciplinario

Artigo 44º.-Cualificación das faltas.

1. Os colexiados están suxeitos á xurisdición disciplinaria que exerce o súa Xunta de Goberno, no caso de infracción dos seus deberes.

2. As faltas que poden comportar sanción disciplinaria cualifícanse en leves, graves e moi graves.

3. Son faltas leves:

1ª. Neglixencia no cumprimento dos deberes colexiais e profesionais regulados nos estatutos, no rRegulamento de réxime interior e nas normas deontolóxicas.

2ª. As incorreccións de escasa transcendencia na realización dos traballos profesionais.

3ª. O incumprimento polos socios profesionais da obriga legal de instar a inscrición da sociedade profesional no Rexistro de Sociedades Profesionais.

4ª. A vulneración de calquera norma que regule a actividade profesional, sempre e cando non sexa unha infracción grave ou moi grave.

4. Son faltas graves:

1ª. A reiteración de sancións leves, sen que teña transcorrido entre ambas máis dun ano.

2ª. O incumprimento doloso dos deberes colexiais e profesionais regulados nos estatutos, no regulamento de réxime interior e nas normas deontolóxicas.

3ª. O incumprimento inxustificado das obrigas económicas co colexio, especialmente a obriga de visado dos traballos.

4ª. Os actos de desconsideración ofensiva aos compoñentes de órganos reitores e aos colexiados.

5ª. O encubrimento de intrusión de persoas que non teñan o título de enxeñeiro agrónomo, así como da actuación profesional dun enxeñeiro agrónomo non colexiado ou en situación de incompatibilidade.

6ª. O emprego ilegal de medios ou prerrogativas inherentes ao cargo ou situación nunha entidade pública ou privada, tanto en proveito propio como de terceiros.

7ª. A realización de actividades profesionais incompatibles por razón do cargo ou función desempeñada, ou en asociación ou colaboración con quen estea afectado pola situación de incompatibilidade.

8ª. A realización de actos de competencia desleal no exercicio da profesión.

9ª. A realización de traballos profesionais que pola súa índole atenten contra o prestixio do colectivo.

5. Son faltas moi graves:

1ª. A reiteración de faltas graves durante o ano seguinte á súa sanción.

2ª. O incumprimento grave e reiterado dos deberes colexiais e profesionais regulados nos estatutos, no Regulamento de réxime interior e nas normas deontolóxicas.

3ª. Os feitos constitutivos de delito que afecten o decoro profesional.

4ª. A emisión de facturas ou minutas por conceptos inexistentes ou por actuacións profesionais non realizadas.

5ª. Os actos que atenten de forma transcendente contra a dignidade ou a ética profesional.

Artigo 45º.-Procedemento sancionador.

A imposición de calquera sanción disciplinaria exixe a previa formación e tramitación do correspondente expediente sancionador, que terá que se axustar ás seguintes regras:

1ª. O procedemento iniciarase por acordo da Xunta de Goberno, ben por propia iniciativa ou como consecuencia de denuncia formulada por calquera órgano corporativo, colexiado, persoa ou entidade pública ou privada.

A Xunta de Goberno, ao recibir unha denuncia ou ter coñecemento dunha suposta infracción, poderá acordar a instrución de información reservada antes de decidir a incoación do expediente ou, de ser o caso, o arquivo das actuacións sen ulterior recurso.

Todas as actuacións relativas á tramitación do expediente serán por conta do instrutor e do secretario, os cales serán nomeados pola Xunta de Goberno entre os seus colexiados.

A aceptación do cargo polo instrutor e o secretario farase constar no expediente.

A incoación do expediente, así como o nomeamento do instrutor e do secretario, notificaránselle ao colexiado suxeito a expediente. Igualmente deberá notificarse o dito nomeamento ás persoas designadas para eses cargos.

O colexiado afectado pode formular incidente de recusación do instrutor e do secretario, cuxa decisión corresponde á Xunta de Goberno sen ulterior recurso, sen prexuízo de que ao interpor recurso poida alegar de novo a recusación.

2ª. Corresponde ao instrutor, auxiliado polo secretario, practicar cantas probas e actuacións conduzan ao esclarecemento dos feitos e a determinar as responsabilidades susceptibles de sanción. Á vista das actuacións practicadas, formularase un prego de cargos no cal se exporán os feitos imputados ou ben proposta de sobresemento e arquivo do expediente.

3ª. O prego de cargos notificaráselle ao interesado e concederáselle un prazo de quince días hábiles para que poida contestalo. No trámite de descargo, o colexiado interesado ten que presentar e, de ser o caso, propor, toda proba de que tente valerse, e o instrutor procederá á súa práctica sempre que a considere pertinente.

4ª. Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para o facer, e practicada a proba correspondente, o instrutor formulará proposta de resolución que se lle notificará ao interesado para que no prazo de quince días hábiles poida alegar canto considere conveniente para a súa defensa. Durante este mesmo prazo notificaránselle as actuacións practicadas.

5ª. A proposta de resolución, con todo o actuado, elevarase á Xunta de Goberno, e esta, logo de informe de letrado sobre a regularidade do procedemento seguido, ditará a resolución que proceda.

6ª. As resolucións sancionadoras deberán conter a relación de feitos probados, a determinación das faltas apreciadas e a cualificación da súa gravidade. A relación de feitos ten que ser congruente co prego de cargos formulados ao expedientado. As sancións disciplinarias non serán executivas ata que teñan gañado firmeza en vía administrativa.

Artigo 46º.-Aplicación de sancións.

Para a cualificación da gravidade das faltas valoraranse, en todo caso, as seguintes circunstancias:

1ª. A importancia da lesión causada ao interese xeral afectado, en relación co grao de protección social que este mereza.

2ª. A voluntariedade da conduta en relación coa dilixencia profesional inescusable e o incumprimento das formalidades regulamentarias exixibles.

3ª. A repercusión externa dos feitos con menoscabo do debido prestixio para a profesión ou a autoridade da corporación colexial.

4ª. O dano ou prexuízo causado a outros colexiados ou a terceiras persoas.

5ª. A existencia dun lucro ilexítimo posibilitado pola actuación do enxeñeiro agrónomo colexiado.

6ª. Acharse no exercicio de cargo público ou colexial ao cometer a infracción, cando prevaleza esta condición.

7ª. Desobediencia reiterada a acordos ou requisitos colexiais.

8ª. A reincidencia ou a reiteración.

Artigo 47º.-Sancións.

1. As sancións que poden ser impostas, segundo a gravidade da falta ou faltas, son as seguintes:

1ª. Amoestación verbal.

2ª. Apercibimento por oficio.

3ª. A reprensión pública.

4ª. Suspensión no exercicio libre da profesión por un prazo que non exceda os seis meses.

5ª. Multa económica, para o caso de incumprimento da obriga de visado, por unha cantidade igual ao dobre dos dereitos de visado non aboados.

6ª. Suspensión no exercicio libre da profesión por un prazo superior a seis meses e inferior a dous anos.

7ª. Expulsión do colexio.

2. Cando as infraccións sexan cometidas por unha sociedade profesional, aplicaranse as mesmas sancións descritas no punto anterior coas seguintes especialidades:

a) As sancións 4ª e 6ª levarán consigo a baixa da sociedade no Rexistro de Sociedades Profesionais polo mesmo período da súa duración.

b) A sétima das sancións consistirá na baixa definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais con prohibición indefinida de exercicio profesional.

c) Non resultará de aplicación a sanción accesoria descrita non artigo 48º.2 destes estatutos.

3. As sancións previstas no punto primeiro impóñense ás seguintes faltas:

a) As sancións 1ª e 2ª, pola comisión de faltas leves.

b) As sancións 3ª, 4ª e 5ª, pola comisión de faltas graves.

c) A sanción 6ª, pola comisión de faltas moi graves.

d) A sanción de expulsión, prevista no punto 7º, imporase en caso de reiteración na comisión das infraccións moi graves referidas ao incumprimento de obrigas establecidas nas leis, estatutos ou normas colexiais. A persoa sancionada coa expulsión poderá solicitar a rehabilitación no termo de tres anos contados desde a efectividade da sanción.

Artigo 48º.-Eficacia e execución das sancións.

1. As sancións non se executarán nin se farán públicas no boletín ou circular colexial ata que non acaden firmeza. As sancións 1ª e 2ª non serán publicadas en ningún caso.

2. As sancións 4ª e 6ª implican a suspensión dos dereitos electorais polo mesmo período da súa duración, así como, de ser o caso, o cesamento nos cargos colexiais que se exercesen.

3. De todas as sancións, excepto da 1ª, así como da súa cancelación, deixarase constancia no expediente colexial do interesado e darase conta ao Consello Xeral.

Artigo 49º.-Prazos de prescrición e cancelación de sancións.

1. As faltas e sancións prescriben:

a) As sancións 1ª e 2ª do artigo 47º e as faltas que dean lugar á súa imposición, aos dous meses.

b) As sancións 3ª, 4ª e 5ª e as faltas que dean lugar á súa imposición, aos dous anos.

c) As demais sancións ou faltas, aos seis anos.

2. As sancións cancélanse:

a) As sancións 1ª e 2ª, aos seis meses.

b) As sancións 3ª, 4ª e 5ª, aos dous anos.

c) A sanción 6ª, aos cinco anos.

Os prazos de cancelación cóntanse a partir da data en que a sanción correspondente se teña executado ou acabado de cumprir.

3. A prescrición das infraccións queda interrompida polo inicio, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador. O prazo de prescrición vólvese iniciar se o expediente sancionador queda interrompido durante un mes por causa non imputable ao presunto infractor.

4. Os prazos de prescrición das sancións compútanse a partir do día seguinte a aquel en que sexa firme a resolución que lles sexa imposta.

Capítulo X

Disolución do Colexio

Artigo 50º.-Causas de disolución.

Son causas de disolución:

a) A perda dos requisitos legais necesarios para que a profesión teña carácter colexial.

b) A baixa das persoas colexiadas, se o número dos colexiados queda reducido a un número inferior ao das persoas necesarias para prover todos os cargos da Xunta de Goberno.

c) A fusión mediante a constitución dun novo colexio profesional ou a absorción por outro colexio.

d) A escisión por división.

e) O acordo da Xunta Xeral, que deberá ser expresamente convocada para esta finalidade.

Artigo 51º.-Procedemento de disolución e réxime de liquidación.

1. No caso de se acordar a disolución, designarase unha comisión liquidadora, composta por un número impar de membros, que actuará con plenos poderes. Os liquidadores terán as funcións seguintes:

a) Velar pola integridade do patrimonio do colexio e levar as contas.

b) Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas operacións que sexan necesarias para a liquidación.

c) Cobrar os créditos do colexio.

d) Liquidar o patrimonio e pagar as débedas.

e) Aplicar os bens sobrantes da liquidación ás finalidades establecidas.

f) Solicitar a cancelación dos asentos no Rexistro de Colexios Profesionais.

2. Unha vez realizada a liquidación, a cantidade sobrante que resulte será destinada á realización de actividades análogas en interese doutras entidades sen ánimo de lucro, con finalidades similares ás do colexio. O que se dispuxo anteriormente non será aplicable ás achegas condicionais, que se rexerán polo seu réxime propio.

3. A disolución do colexio requirirá dun decreto da Xunta de Galicia, o cal deberá establecer, segundo o previsto neste artigo, o procedemento para a liquidación do patrimonio, o nomeamento da comisión liquidadora e o destino do remanente, todo de acordo con estes estatutos e coa lei.

Disposición adicional

Única.-O colexio terá un rexistro de sociedades profesionais onde se inscribirán as sociedades profesionais en cuxo obxecto social figure a enxeñaría agronómica e que reúnan os requisitos establecidos na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, co fin de que estas sociedades poidan exercer as facultades que o ordenamento xurídico lles conferiu.

O colexio regulará, por regulamento interno, a constitución deste rexistro, así como o réxime aplicable ás sociedades profesionais inscritas, sempre de acordo coa citada lei.