DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 12 de xuño de 2009 Páx. 10.113

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril (Diario Oficial de Galicia nº 77, do 22 de abril), fixou a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Atendendo principalmente ás modificacións practicadas nesa estrutura, procede ao mesmo tempo determinar a estrutura orgánica e funcional necesaria para o cumprimento das funcións que se lle atribúen á Consellería do Medio Rural, respectando os principios de eficacia e economía que sempre deben presidir a actuación e a organización administrativa, así como os compromisos de austeridade e eficiencia asumidos polo Goberno galego, sendo especialmente destacable o feito de que non exista duplicidade de unidades que compoñen a organización territorial e que se manteña a estrutura periférica desta consellería.

En particular, polo que se refire á estrutura da Administración periférica, este decreto recolle o modelo organizativo plasmado no Decreto 245/2009, de tal maneira que en aplicación dos principios de racionalidade, eficiencia e austeridade, o Departamento Territorial de Pontevedra estende a súa competencia a todo o ámbito provincial, sen prexuízo das funcións de coordinación que corresponden aos delegados/as territoriais de Pontevedra e Vigo no seu respectivo ámbito territorial, de acordo co artigo 2 da norma citada.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro do Medio Rural, co informe previo das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e de Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de xuño de dous mil nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Da Consellería

Artigo 1º.-Competencias.

A Consellería do Medio Rural, baixo a superior dirección da persoa titular do departamento, é o órgano da Administración galega encargado de propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais e conservación da natureza, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, na forma establecida neste decreto.

Artigo 2º.-Órganos.

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos:

I. O conselleiro/a.

II. A Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

IV. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

V. Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais.

VI. Dirección Xeral de Montes.

VII. Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

VIII. Departamentos territoriais.

IX. Órganos colexiados.

Artigo 3º.-Entidades adscritas.

Adscríbense á Consellería do Medio Rural as seguintes entidades:

-O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

-O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

-O ente público Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

I. O conselleiro/a.

Artigo 4º.-O conselleiro/a.

O conselleiro/a é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

II. A Secretaría Xeral.

Artigo 5º.-A Secretaría Xeral.

A Secretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, e todas aquelas que lle sexan encomendadas pola persoa titular da consellería, contando, para o exercicio das súas funcións, coas seguintes unidades baixo a súa dependencia orgánica e funcional:

1. Subdirección Xeral de Persoal e Coordinación Administrativa, á cal lle corresponden as funcións de control, xestión, habilitación e tramitación dos asuntos do persoal funcionario e laboral, a organización da documentación procedente do rexistro e, en xeral, a asistencia técnica e a coordinación administrativa dos servizos da consellería en materia de persoal e réxime interno. Ademais, encargarase de todos aqueles asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral, suplindo esta, nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

1.1 Servizo de Persoal e Réxime Interno. Correspóndenlle o exercicio das funcións de xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais da consellería e das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos; a análise da planificación, estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos do capítulo I, incluída a elaboración de propostas de modificación de créditos; a ordenación e control da xestión de todo o persoal da consellería e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais; a programación das necesidades de persoal e a formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo; o mantemento e actualización da base de datos de persoal e a organización, custodia e arquivo dos seus expedientes; o control da asistencia e puntualidade do persoal dos servizos centrais, así como todas as cuestións relativas ao réxime interno de funcionamento, incluída a

xestión e coordinación do parque móbil da consellería.

1.2 Servizo de Recursos e Reclamacións. Correspóndenlle o exercicio das funcións relativas ao persoal da consellería, de estudo, tramitación e formulación das propostas de resolucións das reclamacións e recursos que se formulen; a elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación na materia; o estudo, coordinación e tramitación dos expedientes disciplinarios e de responsabilidade e a tramitación da execución das sentenzas.

2. Subdirección Xeral de Contratación e Coordinación Orzamentaria, á cal lle competerá o asesoramento en materia orzamentaria aos órganos directivos da consellería, elaborando as instrucións necesarias para que os ditos órganos efectúen unha correcta execución orzamentaria; a confección do anteproxecto de orzamentos da consellería; o informe e tramitación das propostas de modificacións orzamentarias; o control e seguimento da xestión económica e a execución do gasto da consellería, así como a coordinación de todas as unidades da consellería e organismos e entes dependentes, na aplicación correcta e uniforme dos fondos comunitarios e dos programas coordinados co Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño. Así mesmo, efectuará o seguimento, tramitación e control dos expedientes de contratación da consellería. Tamén se encargará daqueloutros asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados polo/a secretario/a xeral.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Contratación, que efectuará o seguimento, tramitación e control de toda a contratación administrativa da consellería e das encomendas de traballos e actividades precisas para o exercicio das competencias e funcións dela, así como a preparación, elaboración e tramitación administrativa dos convenios de colaboración e de todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

2.2. Servizo de Xestión Orzamentaria, que exercerá, en coordinación cos órganos afectados, as funcións relativas á elaboración do anteproxecto dos orzamentos da consellería, así como a xestión dos orzamentos, incluída a tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e aqueloutras funcións que se lle encomenden en materia orzamentaria. Ademais, levará a habilitación de material e as relativas ao mantemento, inventariado, xestión e control dos bens inmobles e mobles adscritos á consellería.

2.3. Servizo de Programación, que exercerá as funcións de apoio técnico, seguimento e consolidación da información técnica e financeira dos distintos centros directivos da consellería e dos organismos e entes dependentes, xestores de fondos comunitarios e de programas coordinados co Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, impulsando a coordinación de todos eles; así como a análise e avaliación dos programas de gasto da consellería en coordinación cos seus centros directivos.

3. Subdirección Xeral de Informática: corresponderanlle con carácter xeral, sen prexuízo das competencias que en materia informática teña atribuídas o centro directivo competente en tecnoloxías e sistemas de información xeral para toda a Xunta de Galicia, as seguintes funcións: as de estratexia e soporte á Secretaría Xeral, incluíndo o asesoramento estratéxico en materia de tecnoloxías da información e comunicacións (en diante TIC) ao resto de unidades da consellería, e a xestión do cambio en materia TIC; a relación da consellería na definición das directrices tecnolóxicas comúns no ámbito das TIC, sen prexuízo da representación da consellería nesta cuestión, que lle corresponderá á persoa titular da Secretaría Xeral; a adquisición de bens e servizos e soporte administrativo asociadas á área TIC; e en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia á persoa titular da Secretaría Xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Informática contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Proxectos Informáticos de Sistemas de Información: corresponderalle a xestión dos proxectos informáticos e de sistemas de información, de acordo coas necesidades da consellería, tanto os desenvolvidos internamente coma os contratados a provedores externos, controlando todo o ciclo de vida daqueles, e asegurando uns niveis de servizo TIC adecuados; a coordinación e supervisión dos sistemas de información xeográfica da consellería; as funcións de calidade, seguridade e protección de datos, definindo as normas e desenvolvendo iniciativas para a integración, interoperabilidade e estandarización dos sistemas de información da consellería; a realización de auditorías para velar polo cumprimento dos estándares, metodoloxías e marcos de actuación definidos desde a consellería; a execución da política de seguridade da consellería; a implantación de procedementos e revisión da seguridade nos SI e protección de datos, dando cumprimento tanto á normativa interna da Xunta de

Galicia, á LOPD, como aos estándares de seguridade da información exixidos pola xestión e pagamento de fondos comunitarios.

3.2. Servizo de Tecnoloxías e Infraestruturas TIC: corresponderanlle a xestión e administración das infraestruturas e recursos materiais que dean soporte aos sistemas e tecnoloxías da información da consellería e a evolución delas; así como as funcións de soporte ás persoas usuarias en materia de sistemas de información, tanto de carácter xeral (ofimática, equipamento informático do posto de traballo, etc.) coma específicos da consellería (aplicacións informáticas propias).

4. Subdirección Xeral de Apoio Xurídico, que terá ao seu cargo o estudo e seguimento das propostas de disposicións que elaboren os distintos centros directivos da consellería; a preparación e tramitación dos expedientes que se eleven ao Consello da Xunta de Galicia e ás súas comisións delegadas, e o traslado de acordos destas; as actuacións relativas ao exercicio do protectorado das fundacións de interese galego dependentes desta consellería; a coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería e organismos e entes adscritos que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia; a tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polos xulgados e tribunais así como do Valedor do Pobo e outras institucións; a proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial nos casos en que proceda, dos procedementos de reintegros de subvencións, da revisión de actos administrativos e de

expedientes sancionadores da consellería cuxa resolución corresponda aos directores/as xerais, ao conselleiro/a ou ao Consello da Xunta nas materias competencia da consellería, e a elaboración de informes relacionados coas funcións que se lle asignen, así como aqueloutros asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral.

Para o exercicio das súas funcións contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

4.1. Servizo Técnico Xurídico, ao cal lle corresponderá a tramitación e a proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial nos casos en que proceda, dos requirimentos entre administracións públicas, dos reintegros de subvencións, da revisión dos actos en vía administrativa e dos expedientes sancionadores especificados no punto anterior; así como a realización de cantas actuacións sexan necesarias respecto das fundacións de interese galego sobre as cales a consellería exerza o protectorado, levando para ese efecto os libros de rexistro correspondentes, e todos aqueles asuntos que pola súa natureza técnico-xurídica lle sexan encomendados.

5. Servizo de Coordinación e Seguimento do PDR, que asumirá as tarefas relacionadas coa xestión, coordinación, seguimento e implementación do Programa de Desenvolvemento Rural co fin de garantir a xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta do programa e a calidade na súa aplicación por todas as unidades xestoras das medidas nel recollidas, a través das actuacións descritas nos artigos 75 e 76 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, relativo á axuda ao desenvolmento rural a través do Feader. En particular, prestaralles apoio directo á persoa titular da Secretaría Xeral e aos distintos centros directivos en todas aquelas materias relacionadas co PDR.

6. Dependendo organicamente da Secretaría Xeral e con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

A) Asesoría Xurídica, con nivel orgánico de subdirección xeral, rexerase polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. Dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

B) Intervención Delegada.

III. Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

Artigo 6º.-Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria a elaboración, a proposta e o desenvolvemento das directrices de política agraria da consellería en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, incluíndo a resolución dos procedementos relativos á xestión da cota láctea; de protección e control da sanidade animal e vexetal; de formación, promoción e fomento do asociacionismo agrogandeiro, e a elaboración, a proposta e o desenvolvemento das directrices da política agraria en materia de mellora da estrutura das explotacións agrarias.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Gandaría, á cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) A análise da planificación, execución e seguimento dos programas de prevención, loita, erradicación, seguimento e control de enfermidades animais, epizootias e zoonoses e outras medidas para o establecemento de garantías sanitarias e da rastrexabilidade das producións gandeiras.

b) O estudo da planificación e o desenvolvemento de actividades relacionadas coa ordenación básica da produción gandeira en xeral.

c) A proposta de ordenación, fomento e control das condicións hixiénico-sanitarias dos medios de produción gandeiros e do benestar animal.

d) O control da calidade e unicidade de criterio do exercicio da función inspectora dos servizos veterinarios oficiais.

Para o desenvolvemento das súas funcións estrutúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Sanidade Animal, que se encargará da execución e o seguimento dos programas de prevención, loita, erradicación, seguimento e control de enfermidades animais, epizootias e zoonoses; así como da identificación e rexistro dos animais, do benestar animal e o control sanitario e inspección dos medios de produción gandeiros e outras medidas sanitarias semellantes.

1.2. Servizo de Producións Gandeiras, ao cal lle corresponderá o desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación, fomento e control da produción gandeira, a xestión dos rexistros e sistemas de control así como a elaboración e execución dos programas de mellora xenética do gando.

1.3. Servizo de Dotación de Medios, encargado da elaboración, programación e avaliación dos plans e programas de actuación en materia de sanidade animal e produción gandeira; encargarase da proposta da adquisición e loxística dos medios necesarios para a realización dos ditos plans e programas, tanto no referente a traballos de campo como ao diagnóstico laboratorial. Así mesmo, xestionará as axudas para levar a cabo os programas sanitarios.

1.4. Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras, que executará as actuacións necesarias para o establecemento e control das condicións sanitarias aplicables ás empresas e operadores no sector da alimentación animal, así como o control do emprego neste sector de determinadas substancias e os seus residuos, o control dos medicamentos veterinarios e dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano xerados nas explotacións gandeiras, e o control, así como a proposta de autorización das plantas de transformación destes subprodutos, e a execución dos programas de control e mellora da calidade do leite nas explotacións.

1.5. Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, con categoría de servizo, que exercerá as funcións de elaboración dos estudos, análises e ditames en relación coa sanidade e hixiene dos animais así como das producións gandeiras e dos medios de produción gandeiros nas materias relativas á sanidade animal. Así mesmo, corresponderalle o control daqueles laboratorios privados recoñecidos pola consellería, dedicados ás materias antes sinaladas.

1.6. Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, con categoría de servizo, ao cal lle corresponde a elaboración e o desenvolvemento dos programas de conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción.

2. Subdirección Xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias, coas funcións de execución das accións tendentes á mellora das explotacións agrarias e das accións referentes aos sistemas de produción agraria sustentable e de conservación do medio rural, así como a xestión das cantidades de referencia e os rexistros de explotacións. Ademais, realizará a programación e o desenvolvemento de actividades de prevención e loita contra axentes nocivos para os vexetais, das actividades para o control da produción e comercialización de sementes, plantas de viveiro e material vexetal en xeral e das actividades relacionadas coa ordenación, fomento e control dos medios de produción agrícolas.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Explotacións Agrarias, ao cal lle corresponderán as funcións relativas á mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias, a xestión das cantidades de referencia para a produción do leite, o mantemento e actualización do Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias e a xestión doutros programas de mellora específicos e o asesoramento ás explotacións e o rexistro das entidades de aconsellamento. Ademais, levará a xestión dos programas de restruturación e reconversión do viñedo así como do rexistro vitícola.

2.2. Servizo de Sanidade e Produción Vexetal, coas funcións de desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación produtiva de cultivos e aproveitamentos; a xestión, control e inspección dos medios de produción agrícolas e os seus rexistros; as actividades necesarias para o control e inspección da produción e comercialización de sementes e plantas de viveiro de calidade; o fomento, a programación e o desenvolvemento de sistemas produtivos agrícolas respectuosos co ambiente e das producións ecocompatibles. Tamén lle corresponde a análise da planificación, organización, dirección, inspección e execución das accións relacionadas coa prevención e loita contra os axentes nocivos para os vexetais, a xestión e control dos medios de defensa sanitarios dos vexetais e o mantemento dos rexistros da consellería en materia de sanidade vexetal e a supervisión e coordinación das agrupacións de defensa en materia fitosanitaria.

3. Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Programas, á cal lle compete a adecuada planificación e optimización do financiamento das actuacións, plans e programas da dirección xeral, así como o seguimento da execución, coordinación e controis da cadea alimentaria. Ademais, compételle a mellora da competitividade das producións e, particularmente, o redimensionamento do tecido cooperativo agrario.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Coordinación e Seguimento, que exercerá a coordinación e o seguimento dos distintos plans e programas de actuación da dirección xeral.

3.2. Servizo de Controis na Cadea Alimentaria, que exercerá as funcións de control establecidas pola normativa vixente no referente á hixiene da produción primaria e ao resto dos programas que deban ser sometidos a control. Tamén se responsabilizará da calidade e unicidade de criterio no exercicio da función inspectora de competencia da dirección xeral. Asumirá todas as funcións que por razón de competencia lle correspondan á consellería no Plan nacional de controis na cadea alimentaria.

4. Servizo de Mellora da Competitividade das Producións, depende directamente da dirección xeral e ten como funcións a promoción do fomento, o redimensionamento e a xestión de programas relativos ao cooperativismo agrario, a tramitación e rexistro das sociedades agrarias de transformación, a xestión dos programas de formación e promoción das asociacións e agrupacións agrogandeiras. Ademais, levará a xestión de actuacións agrogandeiras en montes veciñais en man común, velando pola optimización destas superficies como colaboradoras da renda das persoas gandeiras, sen prexuízo do previsto no artigo 9º, punto 1.3.

IV. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Artigo 7º.-Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

Á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural correspóndelle a elaboración, proposta e desenvolvemento das actuacións de fomento do desenvolvemento socioeconómico do territorio rural galego, da dinamización das áreas rurais de Galicia, da formulación de iniciativas e programas de desenvolvemento das zonas rurais e da execución das accións que contribúan á diversificación económica no medio rural, sen prexuízo das funcións atribuídas pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Así mesmo, realizará as funcións de coordinación e xestión do Plan de Desenvolvemento Comarcal e a proposta de configuración das distintas comarcas nas cales se divide o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Correspóndelle, ademais, a elaboración, a proposta e o desenvolvemento das directrices da política agraria en materia de mellora e modernización das infraestruturas rurais e do medio rural, mobilidade de terras agrarias e xestión de zonas regables.

Para o exercicio das súas funcións contará coa seguinte unidade:

1. Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, que se responsabilizará de cantas accións teñan como obxectivo directo a mellora da calidade de vida das zonas rurais, desenvolvendo as dotacións de equipamentos públicos básicos e de infraestrutura, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta de Galicia, así como das actuacións en materia de modernización e creación de regadíos, e todos os asuntos referentes á reforma das estruturas agrarias e á preparación, execución e vixilancia dos seus correspondentes plans e programas de reforma das estruturas.

Para o desenvolvemento desas funcións contará coas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Seguimento e Supervisión de Proxectos, que exercerá o estudo da planificación, supervisión, coordinación, control da execución e seguimento das obras de todos os proxectos de obras e servizos técnicos da dirección xeral e doutros centros directivos e departamentos cando así llo encomende a persoa titular da Secretaría Xeral, así como as súas modificacións e a vixilancia do cumprimento das normas reguladoras na materia. Poderá tamén redactar ou colaborar na redacción dos proxectos das obras que correspondan.

1.2. Servizo de Reforma das Estruturas, que desenvolverá as funcións relativas á concentración e agrupación parcelaria, arrendamentos rústicos e as demais actuacións para reorganizar a base territorial das explotacións agrarias, e todas as accións materiais relacionadas coa modificación das estruturas, así como as medidas técnicas encamiñadas á mobilización de terras e xestión dos fondos e bancos de terras.

1.3. Servizo de Apoio, que desenvolverá as funcións de apoio administrativo en todas as cuestións relativas á reforma das estruturas, infraestruturas, mobilidade de terras e xestión dos fondos e bancos de terras e aquelas que, ligadas a esta subdirección xeral, se lle encomenden.

V. Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais.

Artigo 8º.-Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais.

Á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais correspóndenlle a elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices de política agraria da consellería en materia de industrias agroalimentarias; de promoción e defensa da calidade dos produtos agroalimentarios galegos e recoñecemento e vixilancia das denominacións de calidade. Así mesmo, correspóndenlle as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de industrialización e comercialización de produtos forestais.

Igualmente, correspóndenlle as funcións de programación, coordinación e impulso da investigación, a innovación tecnolóxica e a formación no sector agrícola, gandeiro, forestal e agroalimentario galego; propiciar e facilitar a transferencia e a adopción dos resultados da investigación sen prexuízo das competencias atribuídas neste decreto ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán; elevar o nivel tecnolóxico dos sectores produtivos a través de programas de formación e transferencia de tecnoloxía; a realización de programas formativos dirixidos ao persoal dependente da consellería que melloren o seu coñecemento técnico no eido agroforestal, sen prexuízo das competencias que en materia de formación teñen atribuídos outros departamentos desta Administración; e proporcionarlle ao complexo agroindustrial galego o soporte científico e tecnolóxico necesario para o seu desenvolvemento sustentable, con especial atención aos aspectos de seguridade e calidade das producións, así como ao

fomento dos procesos de produción ecolóxica e integrada. Todo iso realizado en estreita colaboración cos representantes dos sectores interesados, impulsando a colaboración con empresas do sector agrario e alimentario na xeración de proxectos de I+D, e coordinado coa Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, da Consellería de Economía e Industria, e no que atinxe á formación do persoal dependente da consellería en cooperación con outros departamentos ou entidades de formación de persoal. Correspóndelle igualmente, a coordinación dos centros de formación e experimentación agroforestal no desenvolvemento das súas actividades.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Innovación e Experimentación Agroforestal, á cal lle corresponderá a programación e a coordinación da investigación nos distintos centros da consellería en materia agroalimentaria e forestal, tendo en conta os obxectivos, programas e instrumentos dos plans galegos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación vixentes en cada momento en Galicia. Impulsará e executará os traballos de investigación nas materias asignadas, tanto nos aspectos da produción e transformación como no que atinxe ao cumprimento das boas prácticas agrarias e do conxunto dos requisitos da condicionalidade nos procesos produtivos primarios nas explotacións galegas. Así mesmo, a través dos seus laboratorios de servizo e en coordinación coa Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, atenderá a demanda de análises conducentes a determinar a seguridade alimentaria vexetal, así como as determinacións que acrediten o bo estado das augas e solos de cultivo.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades con categoría de servizo:

1.1. Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña), do cal dependen a Estación Experimental de Gandaría de Montaña Marco da Curra (Monfero-A Coruña), a Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón (Lugo) e a Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño en Salceda de Caselas (Pontevedra).

1.2. Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense), da cal depende a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra).

1.3. Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Mabegondo-A Coruña).

2. Subdirección Xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica, que exercerá as funcións de programación e coordinación da formación agroforestal e a divulgación dos resultados da investigación agraria e alimentaria para atinxir a incorporación das innovacións tecnolóxicas aos sistemas produtivos primarios e de transformación, así como a realización de estudos, publicacións e estatísticas agrarias nas materias de competencia asignadas á Consellería do Medio Rural.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades con categoría de servizo:

2.1. Servizo de Formación Agroforestal, que desenvolverá as funcións de formación das persoas agricultoras, gandeiras, así como das súas asociacións e agrupacións, empresas de servizos agrarios e industrias agropecuarias, agroalimentarias e de silvicultura, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, do persoal dependente da consellería en materias técnicas en colaboración con outros departamentos ou entidades da Administración con competencias en materia de formación de persoal e sen menoscabo das competencias atribuídas a estas entidades; así como a coordinación dos centros de formación e experimentación agroforestal. Correspóndenlle, así mesmo, a coordinación e o seguimento dos cursos de formación realizados no ámbito de actuación dos servizos centrais e periféricos da Consellería do Medio Rural.

2.2. Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatísticas e Publicacións, que desenvolverá as funcións de coordinación entre os centros de investigación e experimentación agraria e forestal e o sector agrario e agroindustrial, co fin de realizar a divulgación dos resultados experimentais e a adopción das innovacións tecnolóxicas na materia, para o cal contará co apoio e colaboración das oficinas agrarias comarcais e dos distritos forestais, co fin de estudar e indagar nas necesidades e inquedanzas do sector co obxecto de promover a investigación nas materias que este demande, asumindo as funcións de asesoramento ao sector agrario e forestal nas cuestións de innovación e uso das novas tecnoloxías. Correspóndelle tamén, en colaboración cos centros de investigación e experimentación, publicar e divulgar os resultados dos ensaios e proxectos de experimentación e demostración no ámbito agroforestal, así como a realización dos estudos relativos ao sector agrario que se lle encomenden.

Adicionalmente, responsabilizarase da dirección e elaboración das estatísticas nas materias competencia da consellería, en coordinación co Instituto Galego de Estatística, así como da coordinación das publicacións e edicións audiovisuais que se realicen. Levará a termo, así mesmo, as funcións que se lle encomenden en relación cos observatorios de prezos de produtos agrarios.

3. Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria, á cal lle compete a ordenación, fomento, coordinación, asesoramento e vixilancia das industrias agroalimentarias e forestais, a promoción e o fomento da comercialización dos produtos agroalimentarios, as propostas de recoñecemento das denominacións de orixe e de calidade, así como a vixilancia do prestixio das recoñecidas e a inspección e defensa contra as fraudes á calidade alimentaria.

Para o desenvolvemento das devanditas funcións estrutúrase nas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Industrialización e Comercialización, que exercerá as accións de ordenación, inspección, asistencia e fomento das industrias agroalimentarias e de produtos forestais.

3.2. Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria, ao cal lle compete a xestión e a elaboración dos programas de promoción e fomento dos produtos agroalimentarios galegos así como as propostas de recoñecemento das denominacións de calidade.

3.3. Servizo de Control da Calidade Alimentaria, que desenvolverá todas as actuacións en materia de defensa contra as fraudes á calidade alimentaria, así como as relativas á coordinación dos traballos do persoal que realiza funcións de inspección nesa materia.

VI. Dirección Xeral de Montes.

Artigo 9º.-Dirección Xeral de Montes.

A Dirección Xeral de Montes exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia da ordenación, fomento e mellora da produción forestal, así como as medidas de prevención e loita contra os incendios forestais.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais e sen prexuízo das funcións atribuídas á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural desta consellería no artigo 7, supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Montes estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Recursos Forestais, que exercerá as funcións relativas á conservación e fomento dos recursos forestais; a regulación e ordenación dos seus aproveitamentos; o asesoramento técnico e administrativo das comunidades propietarias de montes en man común; a xestión do rexistro xeral dos montes veciñais en man común; as accións tendentes ao deslindamento dos devanditos montes e calquera outra función legalmente establecida en relación coa defensa e protección deles; así mesmo, exercerá funcións relativas ao fomento e mellora da produción forestal.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Xestión de Montes, que se encargará da administración e da xestión dos montes da Comunidade Autónoma de Galicia; exercerá as funcións que legalmente procedan en relación cos de utilidade pública, os de entidades locais e os das persoas particulares que sexan obxecto de consorcio ou de convenio; xestionará o catálogo de montes de utilidade pública; realizará a planificación e execución das accións para o control da calidade do material forestal de reprodución e o control e seguimento do aproveitamento dos recursos forestais.

1.2. Servizo de Produción Forestal, que realizará o asesoramento técnico e administrativo das persoas propietarias forestais; as accións de mellora e fomento das estruturas de produción forestal; o fomento do asociacionismo forestal; o control e seguimento da saúde e vitalidade das masas forestais así como a mellora da xestión e competitividade das empresas de aproveitamento forestal.

1.3. Servizo de Montes Veciñais en Man Común, que levará o rexistro xeral de montes veciñais en man común (MVMC), o asesoramento técnico e administrativo das comunidades de MVMC; a xestión e trámite dos actos de disposición que afecten terreos de MVMC; así como velar pola conservación e integridade dos MVMC e o cumprimento da lexislación de aplicación.

2. Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, que levará a termo as actuacións encamiñadas á defensa contra os incendios forestais, exercendo as funcións de programación, execución, avaliación e seguimento das medidas e accións contra os incendios forestais; e a elaboración de estudos e análise de causalidade e a coordinación de medios na loita contra os incendios forestais.

Para iso contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Programación, que se encargará das análises e do estudo da causalidade; elaboración de plans, dotación de infraestruturas e medios de defensa contra os incendios forestais, así como a execución de programas de loita contra estes.

2.2. Servizo de Organización e Control de Medios, que se encargará da organización dos sistemas de vixilancia e detección de incendios forestais e da execución de plans e programas de loita contra estes.

3. Servizo de Coordinación e Planificación, que actuará baixo a dependencia orgánica e funcional da persoa titular da dirección xeral, e terá as funcións de control, xestión e seguimento dos programas da dirección xeral.

4. Centro de Investigación Forestal de Lourizán, con nivel orgánico de servizo, actuará baixo a dependencia funcional da persoa titular da dirección xeral e exercerá todas as funcións que en materia de experimentación lle sexan encomendadas, especialmente as relativas á ecoloxía de especies autóctonas, á mellora xenética forestal, fitopatoloxía das especies forestais e aos incendios forestais.

VII. Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Artigo 10º.-Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e dos seus elementos etnográficos e a súa preservación para as xeracións futuras; o fomento de medidas de desenvolvemento socioeconómico dos espazos naturais protexidos; a ordenación, conservación, protección, fomento e o aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas nas augas continentais; a divulgación dos valores do patrimonio natural; a xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestres, das paisaxes naturais e dos elementos singulares da xea da Comunidade Autónoma galega, así como o desenvolvemento e dinamización do uso público e recreativo do medio natural; a promoción da defensa integral da natureza e dos elementos que a compoñen; a conservación específica dos espazos que compoñen a Rede Galega de Espazos

Protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia ou doutras zonas de alto valor ambiental, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos desta consellería.

Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, que exercerá as funcións relativas ao desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación dos hábitats naturais e das especies silvestres, dos elementos singulares da xea e das paisaxes naturais e rurais, que conforman no seu conxunto o patrimonio natural; a conservación, protección e promoción da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos e a Rede Natura 2000, así como doutras zonas de alto valor ambiental; a elaboración e implementación dos instrumentos de planificación, desenvolvemento e xestión dos espazos naturais protexidos e das especies; o desenvolvemento da normativa de benestar animal sen prexuízo das competencias que ao respecto teña atribuídas o órgano competente en materia de produción animal.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Conservación de Espazos Naturais, ao cal lle corresponde o exercicio das funcións relativas á protección, conservación, xestión, restauración, mellora, recuperación, divulgación e promoción dos espazos protexidos e o fomento, consolidación e promoción da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos e a Rede Natura 2000 e doutras zonas de alto valor ambiental, así como a elaboración dos instrumentos de planificación e xestión.

1.2. Servizo de Conservación da Biodiversidade, ao cal lle corresponde o desenvolvemento das actuacións relativas á conservación das especies da fauna e da flora silvestre, a elaboración das propostas de catalogación de especies ameazadas e a dos plans para a súa xestión, así como a execución destes; o desenvolvemento de medidas e instrumentos de seguimento, protección, control e conservación dos elementos que compoñen a biodiversidade, prestando atención particular ás especies introducidas de carácter invasor, e aplicación de medidas de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, e a coordinación dos centros de recuperación de fauna silvestre.

1.3. Servizo de Análise de Proxectos, Plans e Programas, ao cal lle corresponde a elaboración de informes, directrices e criterios técnicos sectoriais en relación cos procedementos de avaliación dos proxectos, plans e programas que afecten o medio natural e valores do patrimonio natural, así como a emisión de informes ou autorizacións relativos a obras, instalacións e actividades que se precisen, e en particular no referido a accións que afecten a Rede Galega de Espazos Naturais ou Rede Natura 2000; correspóndelle pola súa vez a coordinación de procedementos de queixas e denuncias.

2. Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, que exercerá as funcións de ordenación, conservación, protección, fomento e o aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas nas augas continentais; a elaboración de normativa afecta o exercicio da caza e da pesca fluvial, a tramitación dos expedientes administrativos para a declaración de terreos sometidos a réxime cinexético especial, así como das distintas figuras das augas continentais; o control e policía da riqueza cinexética e piscícola nas augas continentais; a inspección e o control dos centros de acuicultura continental e outros establecementos cinexéticos, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos desta consellería en materia de sanidade animal, e a súa xestión cando dependan da Administración autonómica.

Para o exercicio das súas funcións contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Caza e Pesca Fluvial, ao cal lle corresponden especialmente a divulgación, formación e promoción específica dos recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais; a inspección e control dos centros de acuicultura continental e granxas cinexéticas, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos desta consellería en materia de sanidade animal, e a súa xestión cando dependan da Administración autonómica, e aquelas que por razón da súa competencia se lle encomenden.

3. Baixo a dependencia orgánica e funcional da persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza existe a seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

3.1 Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que exercerá a xestión executiva ordinaria do parque nacional e desenvolverá os instrumentos de planificación e xestión, e a coordinación das funcións de vixilancia, inspección e denuncia exercidas polos/as axentes forestais e axentes facultativos ambientais no ámbito do parque nacional no exercicio das súas funcións como axentes da autoridade. Tamén exercerá a coordinación de actuacións en situacións de emerxencia derivadas de accidentes que requiran medidas excepcionais para preservar os valores naturais do parque nacional, salvo naqueles casos en que sexa precisa a activación dalgún plan de emerxencias e aqueloutras que por razón da súa competencia se lle encomenden.

VIII. Unidades territoriais.

Artigo 11º.-Departamentos territoriais.

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería do Medio Rural organízase nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial provincial respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Para o cumprimento dos seus cometidos, os departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contarán coas seguintes unidades con categoría de servizo:

2.1. As xefas e os xefes territoriais, dos cales dependerán todos os servizos, unidades ou centros da consellería de carácter territorial que radiquen no ámbito da súa competencia, exercerán as funcións relativas ao réxime interior, a tramitación administrativa, a xestión de persoal e a tramitación das incidencias relativas ao parque móbil do departamento, o inventario de bens mobles e inmobles adscritos, a información ao público, o control contable e a xustificación dos créditos que se lle asignen, así como a elaboración de estatísticas.

2.2. Servizo Xurídico Administrativo, coas funcións de instrución dos expedientes sancionadores que deban tramitarse como consecuencia de infraccións administrativas en materia competencia da consellería, e elevar a resolución ao xefe ou xefa territorial naqueles supostos en que a normativa vixente lle atribúa a facultade de resolver; a proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial nos casos en que proceda; o impulso, tramitación e participación nas fases dos procedementos de concentración parcelaria que así o requiran; a elaboración de informes sobre os actos administrativos emanados do departamento territorial e, en xeral, a tramitación de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encargados polo xefe ou xefa territorial.

2.3. Servizo de Explotacións Agrarias, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións das subdireccións xerais de Apoio ás Explotacións Agrarias e Planificación e Coordinación de Programas da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2.4. Servizo de Infraestruturas Agrarias, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

2.5. Servizo de Gandaría, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Gandaría da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Así mesmo, corresponderalle a coordinación das actuacións dos servizos técnicos veterinarios da estrutura de área e comarcal.

2.6. Servizo de Control da Calidade Agroalimentaria e Industrias, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria, da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais.

2.7. Servizo de Montes, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Dirección Xeral de Montes en materia de xestión de montes.

2.8. Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Dirección Xeral de Montes en materia de prevención, defensa e extinción de incendios forestais.

2.9. Servizo de Conservación da Natureza, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en materia de espazos naturais e biodiversidade e recursos cinexéticos e piscícolas.

Artigo 12º.-Oficinas agrarias comarcais.

As oficinas agrarias comarcais, integradas na estrutura territorial da consellería a través dos respectivos departamentos territoriais, dependerán organicamente do xefe ou xefa territorial e terán como funcións a execución, no seu ámbito territorial, das actuacións da consellería, así como a de prestar apoio técnico e administrativo aos organismos e entes adscritos a ela, sen prexuízo do establecido nos números 2 e 4 do artigo anterior e do disposto no artigo 8º.2.1 deste decreto.

Artigo 13º.-Distritos forestais.

Os distritos forestais, integrados na estrutura territorial da consellería a través dos respectivos departamentos territoriais, dependerán organicamente da xefa ou xefe territorial e funcionalmente da Dirección Xeral de Montes, a través da Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais e exercerán, no ámbito territorial do distrito forestal, as funcións da Dirección Xeral de Montes en materia de xestión de montes e de prevención, defensa e extinción de incendios forestais.

IX. Órganos colexiados.

Artigo 14º.-Órganos colexiados.

1. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os xurados provinciais de montes veciñais en man común. A presidencia dos xurados será asumida polas respectivas xefas ou xefes territoriais e as secretarías por funcionarios/as designados polas persoas presidentes.

2. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os comités territoriais de montes. A presidencia dos devanditos comités será asumida polos respectivos xefes ou xefas territoriais da Consellería do Medio Rural e as secretarías por funcionario/as designados polas persoas presidentes.

3. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Consello Forestal de Galicia, conforme as funcións e composición establecidas no Decreto 306/2004, do 2 de decembro, polo que se crea o Consello Forestal de Galicia.

4. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Consello Agrario Galego, conforme as funcións e composición establecidas na Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

5. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Comité Galego de Pesca Fluvial. A presidencia do comité será asumida pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

6. Adscríbense á Consellería de Medio Rural os comités provinciais de pesca fluvial. A presidencia dos comités será asumida polas xefas ou xefes territoriais da consellería.

7. Adscríbese á Consellería de Medio Rural o Comité Galego de Caza. A presidencia do comité será asumida pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

8. Adscríbense á Consellería de Medio Rural os comités provinciais de caza. A presidencia dos comités será asumida polas xefas ou xefes territoriais da consellería.

Capítulo II

Artigo 15º.-Do Fondo Galego de Garantía Agraria.

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), regulado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, modificada pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo e polo Decreto 128/1996, do 14 de marzo, é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro adscrito á Consellería do Medio Rural.

Para o desenvolvemento das súas funcións, o citado organismo queda estruturado administrativamente do seguinte xeito:

1. Secretaría do Fogga, que dependerá directamente da persoa directora do organismo, e con nivel orgánico de subdirección xeral, coas funcións de apoio técnico e administrativo da súa dirección; correspóndelle, en xeral, o exercicio inmediato das funcións administrativas, organizativas, económico-financeiras, de asesoramento e inspectoras; a formación e o mantemento do inventario do organismo, así como a coordinación xeral, supervisión e apoio á persoa directora para unha adecuada xestión dos pagamentos Feaga e Feader, no marco do sistema do organismo pagador dos fondos agrarios europeos e, particularmente, a execución e contabilización dos pagamentos con cargo aos ditos fondos, ademais das que singularmente lle puidesen encomendar ou delegar os órganos de dirección do Fogga.

Para o exercicio das súas funcións, a secretaría do Fogga estrutúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Xestión Económica, Tesouraría e Contratación, á cal lle corresponderá a xestión do orzamento do organismo, da súa tesouraría e da contabilidade, así como a execución e contabilización de todos os pagamentos e o rexistro das operacións con cargo aos fondos europeos agrarios Feaga e Feader. Así mesmo, compételle a xestión da contratación administrativa do Fogga.

1.2. Servizo de Coordinación, Control e Xestión Administrativa, que prestará apoio e asesoramento a todas as unidades do organismo e, particularmente, en materia de fondos agrarios europeos. Corresponderalle a instrución de expedientes sancionadores e recursos administrativos e dos procedementos de recuperación de débedas, incluído o seguimento, control e devolución das débedas constatadas polo organismo pagador; a xestión do inventario do Fogga e do seu patrimonio, a elaboración de anteproxectos normativos e de plans e programas de actuación do Fogga, así como a xestión do persoal, tanto funcionario como laboral, adscrito ao organismo e do seu réxime interior e control interno.

2. Subdirección Xeral de Xestión da PAC, á cal lle corresponden, baixo a dependencia da persoa directora do organismo, a realización das funcións necesarias para a aplicación da política agraria común no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas directas; as medidas de intervención e regulación de mercados da organización común de mercados agrarios e o relativo ás axudas á renda das persoas agricultoras no marco do programa de desenvolvemento rural.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Axudas Agrícolas da PAC, ao cal lle compete o exercicio das accións necesarias para a aplicación en Galicia da PAC en materia agrícola, especialmente os réximes de axudas directas a persoas agricultoras baseados en superficies, con cargo ao Fondo Europeo Agrario de Garantía (Feaga).

2.2. Servizo de Axudas Gandeiras da PAC, ao cal lle corresponde o exercicio das accións necesarias para a aplicación en Galicia da PAC en materia gandeira, especialmente os réximes de axudas directas a persoas agricultoras baseados na gandaría, con cargo ao Fondo Europeo Agrario de Garantía (Feaga), así como a xestión dos dereitos de axudas.

2.3. Servizo de Axudas Complementarias, ao cal lle corresponde a xestión das axudas á renda das persoas titulares das explotacións agrarias no marco dos programas de desenvolvemento rural, e das medidas en relación coa mellora do ambiente e do contorno rural para a utilización sustentable das terras agrícolas, principalmente indemnizacións por dificultades naturais, axudas agroambientais e axudas ao benestar dos animais.

2.4. Servizo de Intervención de Mercados, que terá como funcións todas as operacións relacionadas cos produtos en réxime de intervención, así como a xestión doutras medidas derivadas da aplicación da organización común de mercados agrarios, e en particular as correspondentes ao sector do leite e dos produtos lácteos.

3. Servizo de Auditoría Interna, que dependerá directamente da persoa directora do Fogga, e ao cal lle corresponderá asegurar o efectivo funcionamento do sistema de control interno do Fogga como organismo pagador dos gastos relacionados coa política agrícola común, así como dos demais órganos ou entes integrados no organismo pagador ou que xestionen fondos europeos agrarios Feaga e Feader, verificando se os procedementos adoptados por aqueles son axeitados e asegurando a súa conformidade coa regulamentación comunitaria, e que a contabilidade é precisa, completa e realizada a tempo, ademais de informar os órganos de dirección do organismo pagador e de pór os seus programas e informes de control á disposición do organismo de certificación e doutros órganos de inspección e control da Unión Europea.

4. Servizos territoriais do Fogga: nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra existirá un servizo territorial do Fogga, que dependerá organicamente dos departamentos territoriais e funcionalmente da dirección do organismo.

Disposicións adicionais

Primeira.-As funcións e competencias atribuídas por outras normas ás extintas delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural e non previstas neste decreto enténdense atribuídas aos xefes ou xefas territoriais da consellería.

Segunda.-Designación de cargos compatibles.

Conforme o previsto no artigo 4.1º a) da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, as persoas titulares dos órganos sinalados no artigo 2º deste decreto poderán ser designadas, por razón do seu cargo, persoas directoras ou cargos asimilados nos organismos e entidades adscritas a esta consellería, percibindo unicamente as retribucións correspondentes ao seu cargo como titular do órgano da consellería, e sen prexuízo das axudas de custo por asistencias e gastos debidamente xustificados.

Terceira.-Aqueles centros directivos da consellería e entes dependentes aos cales se lles asigne a competencia para a xestión de medidas ou axudas cuxo financiamento sexa total ou parcialmente con cargo aos fondos agrarios europeos, instrumentarán coa dirección do organismo pagador as resolucións conxuntas a que se refire o último parágrafo do artigo 1.2º do Decreto 155/2006, do 7 de setembro, polo que se establece o réxime do organismo pagador dos fondos europeos agrarios en Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou dos servizos existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das citadas unidades, autorízase a persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral, a readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel, sendo de aplicación o establecido no artigo 65.4º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Segunda.-Nos casos de supresión das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da consellería, por proposta da Secretaría Xeral, aos órganos regulados neste decreto, en función das atribucións que estes teñen asignadas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto, e especialmente o Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xuño de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE FACENDA