DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 09 de xuño de 2009 Páx. 9.837

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 2 de xuño de 2009 pola que se determina a adscrición dos órganos dependentes da suprimida Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, como consecuencia da entrada en vigor dos decretos 82 e 83/2009, do 21 de abril, polos que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, respectivamente.

Mediante o Decreto 79/2009, do 19 de abril, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na súa virtude foron aprobados o Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Como consecuencia da nova estrutura determinada polos anteriores decretos, e de conformidade co establecido nas respectivas disposicións transitorias, cómpre determinar a adscrición dos órganos dependentes da suprimida Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información aos novos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e da Consellería de Economía e Industria, mentres non se regulen por decreto as súas novas estruturas orgánicas.

Así, en uso das competencias conferidas polos artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑEMOS:

Ata que se regulen por decreto as novas estruturas orgánicas, as competencias correspondentes aos órganos dependentes da suprimida Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información serán asumidas temporalmente polos seguintes centros directivos:

1. O Instituto Galego de Promoción Económica asumirá as competencias correspondentes á Subdirección Xeral de Promoción Industrial e Comercio Exterior, aínda que ata o 31 de decembro de 2009 as competencias relativas ás materias de promoción industrial, estruturación sectorial, excelencia, calidade empresarial, internacionalización e comercio exterior e executadas con cargo ao programa 741A serán exercidas pola secretaría xeral desta consellería.

2. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica asumirá as competencias correspondentes á Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información e ao Servizo de Desenvolvemento da Sociedade da Información en canto a infraestruturas e promoción das novas tecnoloxías no ámbito da cidadanía e das administracións públicas, mentres que as devanditas competencias de promoción no ámbito empresarial seguirán correspondendo á Consellería de Economía e Industria.

A Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e o Coñecemento, que estaba adscrita á Consellería de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, quedará igualmente adscrita á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Alfonso Rueda Valenzuela Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Presidencia, Conselleiro de Economía e Industria

Administracións Públicas e Xustiza