DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 08 de xuño de 2009 Páx. 9.772

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de xuño de 2009 pola que se convocan bolsas de colaboración en departamentos das universidades do sistema universitario de Galicia destinadas ao alumnado de excelencia académica, para o curso académico 2009-2010.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, atribúe a esta comunidade autónoma competencias plenas na regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades. A sustentación desta responsabilidade institucional foi efectuada no eido universitario por medio do Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, de traspaso de funcións, medios e servizos na materia, pola que se lle transferiron á comunidade autónoma competencias en materia de universidades, que foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo. A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG), creou as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Unha das tarefas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a levar a cabo, determinada polo Estatuto de autonomía, pola Lei de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG) e pola demanda da propia comunidade universitaria, é a de facilitar información relevante e actualizada sobre o sistema universitario de Galicia co conseguinte apoio e asesoramento que precise o alumnado universitario. Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, realiza desde hai algúns anos unha política de asistencia económica ás alumnas e alumnos universitarios. Esta política de asistencia económica inclúe as bolsas de colaboración nos departamentos das universidades do sistema universitario de Galicia.

Estas bolsas de colaboración van destinadas ao alumnado do último curso de ensinanzas universitarias que acredite expedientes académicos excelentes e desexe prestar a súa colaboración en departamentos universitarios en réxime de compatibilidade cos seus estudos, iniciándose así en tarefas docentes e de investigación directamente vinculadas cos estudos que estean a cursar, permitindo con isto o crecemento e a potenciación do sistema universitario de Galicia.

En consecuencia, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, 40 bolsas de colaboración en departamentos das universidades do sistema universitario de Galicia, para o curso académico 2009-2010, destinadas ao alumnado do último curso de ensinanzas universitarias de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto co obxectivo de iniciarse en tarefas de docencia e de investigación directamente vinculadas cos seus estudos.

Artigo 2º.-Orzamento e contía.

A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, coa seguinte distribución:

Aplicación 2009 2010

09.04.422C.480.0 42.000 € 84.000€

Non obstante, pode ser incrementado no caso de producirse remanente doutras convocatorias financiadas con cargo á mesma aplicación orzamentaria, de acordo co disposto no artigo 31.2º alínea b da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A contía que percibirá o beneficiario será de 350 euros mensuais, que se devengará por cada mes de prestación da colaboración.

Artígo 3º.-Período de aproveitamento.

1. As actividades para as que se solicita a axuda serán realizadas durante o curso académico 2009-2010. A duración máxima destas bolsas será de nove meses comprendidos entre o 1 de outubro de 2009 e o 30 de xuño de 2010.

2. En ningún caso o aproveitamento da bolsa de colaboración terá efectos xurídicos-laborais entre o bolseiro, as universidades do SUG e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 4º.-Requisitos dos solicitantes.

1. Poderán solicitar estas axudas e ser beneficiarios delas as alumnas e os alumnos universitarios que reúnan os seguintes requisitos:

a) Non estar en posesión ou en disposición legal de obter o título académico de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.

b) Matricularse no curso académico 2009-2010, en calquera das tres universidades que compoñen o SUG, no último curso dos estudos conducentes a unha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto na totalidade das materias ou créditos que lle resten para rematar os seus estudos, excluíndo do mencionado cómputo o proxecto fin de carreira. O alumnado que actualmente curse ensinanzas LRU deberá ter superado, no momento de formalización da matrícula do curso 2009-2010, o primeiro ciclo e o 45% dos créditos que integran o segundo, con excepción do alumnado de medicina, que deberá ter superado o 60%. O alumnado que curse ensinanzas de grao deberá ter superado o 72% dos créditos da titulación.

c) Presentar o proxecto de colaboración nos termos que establece o artigo 6º c) desta orde.

d) Posuír unha nota media simple no seu expediente académico igual ou superior a 2, calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, o 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

2. Estas axudas son compatibles con calquera outro tipo de bolsas ou axudas, tanto de institucións públicas como privadas, agás con aquelas que teñan a mesma finalidade. Non poderán beneficiarse desta axuda aqueles alumnos ou alumnas que xa a gozasen en convocatorias anteriores.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. A solicitude, no modelo ED 430B que se publica como anexo a esta orde, presentarase no rexistro único de Xunta de Galicia dirixida á Secretaría Xeral de Universidades, edificio administrativo de San Caetano, CP 15781 Santiago de Compostela, ou por calquera medio dos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de proceder á súa certificación postal. Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

2. Tamén poderán presentarse en calquera dos rexistros oficiais das universidades do sistema universitario de Galicia, de conformidade coa Resolución do 25 de xuño de 2007, DOG do 3 de xullo, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos.

Soamente se poderá presentar unha solicitude. A presentación de dúas ou máis solicitudes invalidará todas as presentadas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6º.-Documentación.

A solicitude, segundo o modelo ED 430 B que figura no anexo I desta orde, achegando a documentación seguinte:

a) Copia do DNI/NIF do/a solicitante.

b) Certificación académica completa ou copia compulsada desta na que se fará constar a nota media simple do expediente académico, obtida de acordo co establecido no artigo 8º das bases da convocatoria.

c) Proxecto de colaboración debidamente avalado polo departamento universitario en que aquel vaia desenvolverse. Este proxecto deberá ser asinado por un titor ou titora, que será un profesor ou profesora do departamento que forme parte dun equipo de investigación dun proxecto financiado en convocatorias competitivas, tanto das administracións públicas (europeas, estatais e autonómicas) como do sector privado (fundacións, empresas...), vixente cando menos ata finais de xuño de 2010. O proxecto versará sobre algunha das materias troncais ou obrigatorias para a obtención da titulación que se está a cursar e sobre a investigación que o titor ou titora estea desenvolvendo como membro dun equipo de investigación. O proxecto describirá con detalle as funcións que se van realizar durante a colaboración, así como o réxime de traballo e o horario que deberá cumprir o bolseiro ou bolseira.

O modelo normalizado do proxecto de colaboración poderá obterse nas dependencias da Secretaría Xeral de Universidades (Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios) da Consellería Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, así como no portal educativo http://www.edu.xunta.es.

d) Declaración responsable de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou privadas competentes, coa cal se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao derradeiro pagamento.

e) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do/a interesado/a, en que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican ao banco, a oficina e o díxito de control.

Artigo 7º.-Exposición das listaxes provisionais.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos solicitantes, exporanse as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.es, que poden ser consultadas, ademais, nos departamentos territoriais da citada consellería e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas.

2. As listaxes provisorias serán expostas o día 27 de xullo deste ano. Os interesados disporán dun prazo de reclamación comprendido desde o día 28 de xullo ao 7 de agosto, ambos incluídos, podendo, durante ese prazo, formular reclamación ou emendar erros e falta de documentación, ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen se emendaren as causas de exclusión, considerarase que o/a interesado/a desiste da súa petición, e procederase ao seu arquivo de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 8º.-Selección.

1. A selección farase tendo en conta a nota media do expediente académico calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, publicado no Diario Oficial de Galicia do día 23 de marzo de 2005 mediante resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005.

En caso de empate na nota media do expediente académico de dous ou mais solicitantes, terá prioridade aquel alumno/a que teña maior número de créditos superados.

2. As solicitudes presentadas serán clasificadas segundo titulacións ou bloques de titulacións semellantes pertencentes a unha mesma área ou ámbito científico: ciencias experimentais, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas, ensinanzas técnicas e humanidades.

3. A comisión avaliadora distribuirá as bolsas proporcionalmente ao número de solicitudes presentadas admitidas e clasificadas segundo as áreas recollidas no punto anterior, entre os alumnos e as alumnas con mellor media de expediente académico.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos e das candidatas será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o titular da Secretaría Xeral de Universidades, ou, por delegación, o titular da subdirección xeral de Universidades.

Vogais:

-O membro do equipo do goberno da Universidade da Coruña, responsable da materia.

-O membro do equipo do goberno da Universidade de Santiago de Compostela responsable da materia.

-O membro do equipo do goberno da Universidade de Vigo responsable da materia.

-O xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario/a: un funcionario ou funcionaria da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puideren asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta á persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución en que constará unha relación das bolsas concedidas, outra de suplentes, se os houber, e outra de denegadas coas causas de denegación; así mesmo os demais extremos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o titular da consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do remate do prazo de presentación das solicitudes.

O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

4. Os solicitantes excluídos poderán recuperar a documentación presentada no prazo de dous meses a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Beneficiarios.

Para o gozo efectivo da bolsa concedida, o alumnado beneficiario deberá ter superado, antes do comenzo do curso 2009/2010, un determinado número de créditos segundo sexa a súa titulación: os alumnos que actualmente cursen ensinanzas universitarias LRU, teren superado o primeiro ciclo e o 45% dos créditos do segundo ciclo ( no caso de alumnos de medicina o 60%), e no caso dos alumnos que cursan ensinanzas de grao teren superado o 72% dos créditos da titulación.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios comprométense ao cumprimento do establecido nesta convocatoria, especialmente respecto das seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico 2009-2010, por ensino oficial, os estudos en que se encontran matriculados, nas universidades do SUG.

b) Prestar a súa colaboración no departamento correspondente, cunha dedicación mínima de 7 horas semanais e máxima de 15 horas.

c) Unha vez rematado o período de gozo da bolsa e sempre antes do 30 de xullo de 2010, remitir á Secretaría Xeral de Universidades unha memoria-informe, visada polo titor, sobre o cumprimento das actividades desenvolvidas.

d) Someterse ás actuacións de comprobación precisas para verificar, se é o caso, o cumprimento e efectividade das condicións da concesión da axuda.

Artigo 13º.-Aceptación da bolsa e pagamento.

A axuda aboarase trimestralmente na conta bancaria indicada polo interesado e unha vez presentada, antes do día 30 de outubro de 2009, a seguinte documentación:

a) Declaración responsable de todas as axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou privadas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

b) Certificación oficial da universidade na que se faga constar, no alumnado que actualmente cursen ensinanzas universitarias LRU, ter superado o primeiro ciclo e o 45% dos créditos do segundo ciclo ( no caso de alumnos de medicina, o 60%), e no caso dos alumnos que cursan ensinanzas de grao, teren superado o 72% dos créditos da titulación. Así mesmo, faranse constar na mesma certificación as materias das que está matriculado no curso 2009-2010.

c) Certificado de incorporación ao departamento asinado polo director/a ou secretario/a deste.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presentación da solicitude de concesión da axuda comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, cando proceda. A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se proceder, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Segunda.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1º k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17º punto 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-O incumprimento total ou parcial, polo beneficiario, de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo do correspondente expediente tramitado segundo o procedemento que establece o citado Decreto 11/2009.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior do Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "11000D004P020.PDF"