DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 08 de xuño de 2009 Páx. 9.766

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de maio de 2009 pola que se convocan premios á innovación educativa para profesorado e centros públicos de ensino non universitario dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual do proceso de ensino e do proceso de aprendizaxe precisan que o sistema educativo fomente a participación nos procesos de innovación e investigación, co propósito de introducir novidades e renovar a práctica docente, como elemento de mellora.

Ao mesmo tempo, a eficacia da educación depende en gran medida da capacidade do profesorado e do sistema educativo para renovarse de acordo coas novas demandas sociais, as circunstancias sempre cambiantes do alumnado, os novos coñecementos científicos e didácticos e os correspondentes métodos e instrumentos utilizados que potencien o achegamento do sistema educativo á realidade social.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere recoñecer aquelas experiencias innovadoras que se están desenvolvendo nos centros educativos galegos que supoñan unha mellora de calidade de ensino, en especial no que se refire ao traballo para que o alumnado desenvolva as competencias básicas recollidas na normativa pola que se regulan os currículos educativos de ensino non universitario.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º-Obxeto da convocatoria.

O obxecto desta orde é a convocatoria de 19 premios á innovación educativa nas seguintes modalidades:

a) Modalidade A-experiencias: innovacións didácticas sobre o traballo para desenvolver as competencias básicas que debe adquirir o alumnado e a interdisciplinaridade.

b) Modalidade B-materiais: dirixidos ao ensino da lingua galega ao alumnado procedente do estranxeiro, á atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e a materiais relacionados co fomento do plurilingüismo.

c) Modalidade C-medidas: establecidas polos centros educativos para a prevención e intervención ante o absentismo escolar e abandono temperán dos estudos.

Artigo 2º.-Número de premios e dotación económica.

1. Os premios con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.422I.640.1 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria terán os seguintes importes e distribución:

Ver referencia pdf "11000D003P014.PDF"

2. Os premios poderán ser declarados desertos. Con carácter excepcional e por acordo motivado do xurado, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá determinar a redistribución da contía de premios declarados desertos entre algunha das outras modalidades ou categorías da convocatoria.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderá participar nesta convocatoria, a título individual ou en grupo (4 persoas como máximo), o profesorado que desenvolvese as experiencias educativas ou elaborase material que presenta no curso 2008-2009 en centros educativos de ensino non universitario e sostidos con fondos públicos.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes para as tres modalidades comeza o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 18 de setembro de 2009.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. Para participar nesta convocatoria será necesaria a presentación da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, asinada polo autor ou autora ou, se é o caso, polo coordinador ou coordinadora responsable do grupo de traballo, segundo o modelo do anexo I desta orde.

b) Certificación do/a director/a do centro educativo en que estea destinado cada profesor/a, e que deberá incluír o DNI e NRP, acreditativa de que cada autor/a ou cada membro do grupo de traballo presta os seus servizos como persoal docente no devandito centro ou de que estivo destinado neste durante a realización da experiencia. Redactarase segundo o modelo que figura no anexo II.

c) Declaración xurada ou promesa de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade da experiencia; materiais ou produtos presentados, de que son inéditos ou, polo menos, non foron comercializados; e de que non foron premiados ou se obtivo bolsa por eles con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas, segundo o modelo que figura no anexo III.

d) Cada participante debe achegar unha copia compulsada do seu DNI e unha certificación bancaria de que é titular da conta declarada na solicitude.

e) Autorización, se é o caso, para o uso da imaxe de menores segundo o modelo que figura no anexo IV.

f) No caso de que os autores non dispoñan da plena titularidade dos dereitos do traballo presentado terán que achegar un escrito asinado polos posuidores deses dereitos declarando a aceptación das bases deste concurso.

g) Memoria descritiva da experiencia, materiais educativos ou proxectos que presentan .

h) Material que presenta con soporte óptico (CD-ROM).

i) Os concursantes deberán presentar o traballo por duplicado, redactado en galego normativo, na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, a través das distintas xefaturas territoriais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ao envío certificado por correo, a instancia que debe acompañar o traballo estará datada e cuñada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

2. Será necesario rexistrar a participación na convocatoria de premios a través do seguinte enderezo: http://centros.edu.xunta.es/contidos/premios09, cubrindo os datos existentes no formulario.

Os elementos que se presenten en soporte magnético entregaranse en CD-ROM claramente etiquetado.

De conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando non se achegue a documentación exixida, as persoas ou centros interesados serán requiridos para a súa presentación nun prazo máximo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación efectuada, de non facelo, daranse por desistidos da súa petición.

Artigo 6º.-Características da memoria descritiva.

1. Presentaranse dúas copias: unha en soporte óptico(CD-ROM) e outra en papel, coa memoria descritiva da experiencia educativa ou materiais cunha extensión máxima de 33.000 caracteres (espazos incluídos). A súa estrutura axustarase ao seguinte esquema:

a) Portada: título, centro, sinopse do traballo en catro liñas, delimitación de campo de traballo (ciclo, curso, área ou materias).

b) Índice con ligazóns activas.

c) Guía didáctica: xustificación, obxectivos, contidos, metodoloxía, temporalización, organización de espazos e de tempos, actividades, plan de avaliación (indicadores e incidencia na práctica educativa).

d) Mecanismos establecidos para a coordinación, no caso de varios participantes dun so centro ou de varios centros.

2. Poderanse presentar outros materiais complementarios que se consideren de interese (escritos, gráficos, audiovisuais, etc.), no soporte que se considere oportuno, preferiblemente en soporte óptico.

Artigo 7º.-Requisitos xerais das experiencia, dos materiais e dos proxectos.

1. As experiencias e os materiais que se presenten por calquera das modalidades recollidas deberán reunir os seguintes requisitos xerais :

a) Os traballos presentados individualmente ou en grupo deberán ser orixinais, non comercializados e non premiados con anterioridade.

b) Os traballos deberán ser redactados e presentados en lingua galega, seguindo a normativa da Real Academia Galega de 2003, agás as actividades e contidos directamente dirixidos ao alumnado que versen sobre as materias de lingua castelá e literatura, que estarán en castelán, e lingua estranxeira, que poderán estar no idioma estranxeiro obxecto do traballo.

c) Deberán ter sido experimentados nas aulas ou nos centros e supoñer innovacións curriculares, metodolóxicas ou organizativas, así como ser coherentes coa normativa establecida pola Xunta de Galicia.

d) O material presentado non poderá incluír publicidade de empresas, produtos ou servizos comerciais.

e) Os materiais presentados en que aparezan menores deberán acompañarse obrigatoriamente da correspondente autorización (anexo IV) para uso da súa imaxe asinada polos pais, titores ou representantes legais dos menores, ou certificación da dirección do centro de estar en posesión da dita autorización.

f) En todos os materiais educativos eliminaranse os estereotipos sexistas ou discriminatorios e fomentaranse o igual valor de homes e mulleres.

g) No caso de que os autores non dispoñan da plena titularidade dos dereitos do traballo presentado, terán que achegar un escrito asinado polos posuidores destes en que aceptan as bases deste concurso. O feito de que un produto necesite para o seu funcionamento e libre distribución software propietario-comercial e/ou dereitos que non poidan ser cedidos polo concursante será motivo suficiente para a súa exclusión do concurso.

2. Os materiais presentados pola modalidade B versarán sobre contidos curriculares das diferentes áreas e niveis educativos non universitarios. Entregaranse por duplicado en CD-ROM e incluirán os códigos fonte. Co fin de facilitar a publicación en web, recoméndase consultar a Guía de publicación en web, dispoñible no portal de contidos educativos (http://contidos.edu.xunta.es/guia-boas-practicas), en opcións, na sección de Obradoiro.

Artigo 8º.-Comisión de selección.

1. As experiencias, os materiais e os proxectos presentados que se axusten a esta convocatoria serán valorados por unha comisión presidida polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, e integrada polos seguintes vogais: a/o subdirector/a xeral de Ordenación Educativa; a/o xefe/a do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa; o/a xefe/a do Servizo de Formación do Profesorado; cinco asesoras ou asesores do Servizo de Ordenación e Innovación Educativa, un dos cales actuará como secretario/a con voz pero sen voto.

2. A comisión, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas así como con informes da inspección educativa e/ou dos centros de formación e recursos, solicitados previamente pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

En cada unha das modalidades a comisión seleccionará os traballos tendo en conta os seguintes criterios:

Modalidade A:

-O carácter innovador ou integrador de prácticas educativas novas, eficaces e sostibles.

-A calidade da investigación ou avaliación previa que lle dea fundamento ao traballo.

-A incidencia na mellora da práctica docente e na calidade da educación.

-A adaptación do traballo ao alumnado, ás súas necesidades e capacidades, tomando en consideración a variedade de situacións educativas persoais e sociais.

-A calidade do deseño didáctico, materiais e presentación gráfica.

-A transferibilidade a outros contextos educativos para a súa utilización por outro profesorado, e alumnado do mesmo nivel, etapa ou curso.

-A capacidade para ser difundido.

Modalidade B:

Ademais das exixidas na modalidade A, deberán prever os seguintes:

-A axuda que presenta á resolución de problemas didácticos concretos dunha área ou materia.

-A adaptación á realidade galega, á súa diversidade, aos seus valores e sinais de identidade.

-O deseño pedagóxico, relevancia e volume dos contidos, así como cantidade de exemplos, exercicios e suxestións de diferentes aplicacións didácticas na aula.

-A estrutura do material que permita a gradación da aprendizaxe en diferentes niveis e propostas pedagóxicas que ofrezan distintos niveis de aprendizaxe.

-A facilidade de manexo, calidade do deseño gráfico, interactividade.

-A adecuación ás últimas tecnoloxías e transferibilidade aos centros educativos.

Modalidade C:

-A vinculación coa problemática do contexto e/ou do contorno.

-A análise das características do alumnado.

-O uso dunha metodoloxía que facilite a participación activa do alumnado, a resposta á diversidade, a adaptación ao contorno.

-As canles, recursos e medios de difusión, comunicación e sensibilización á comunidade educativa dos obxectivos e accións do proxecto.

-A realización de actividades complementarias, a integración de actividades extraescolares, principalmente accións formativas coas familias e co alumnado, e a implicación da comunidade educativa.

-A planificación da avaliación do propio proxecto para analizar o grao de consecución dos obxectivos previstos e proposta de mellora.

-A implicación de organismos locais, ONG, asociacións, etc.

-A participación de axentes externos.

-A distribución de funcións.

-A garantía de continuidade do proxecto.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A proposta de concesión de premios emitida pola comisión de selección elevarase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia, logo da presentación polos beneficiarios da súa declaración de que a experiencia ou material presentado é inédito ou, polo menos, non foi comercializado, e de que non obtivo ningún premio desde que se presentou a esta convocatoria.

2. Contra esa resolución, que porá fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. As solicitudes enténdense desestimadas por silencio administrativo no caso de non seren resoltas no prazo de tres meses desde que remata o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 11º.-Certificación.

A Administración educativa recoñeceralle ao profesorado autor dos traballos premiados, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria. Estas terán, ao abeiro do artigo 28 da Orde do 1 de marzo de 2007, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 11 de abril), a equivalencia de actividades de formación permanente do profesorado.

Así, terase en conta para cada traballo a equivalencia de 20 horas que nas autorías colectivas se distribuirán entre o profesorado para o que se declare unha participación igual ou superior ao 25%, segundo as porcentaxes declaradas na solicitude, cunha certificación individual non inferior a 10 horas.

Artigo 12º.-Pagamento dos premios.

1. O pagamento do importe correspondente aos premios farase por transferencia bancaria a nome do autor ou autora se o traballo é individual. No caso de que sexa colectivo, o pagamento farase a todos os integrantes do grupo segundo as porcentaxes de participación declaradas na solicitude.

2. Os premios estarán suxeitos á retención fiscal correspondente.

3. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

Artigo 13º.-Difusión e publicación das experiencias, materiais e proxectos.

A presentación a esta convocatoria implicará, no caso dos traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dos dereitos de edición.

No caso de que, nese período, os autores decidisen publicar os traballos premiados por outras vías, deberán solicitar o permiso correspondente á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. De ser a resposta positiva, na publicación deberá constar expresamente o premio de que foi obxecto.

Os/as autores/as quedarán comprometidos a realizaren as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os ficheiros de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis axeitado.

Artigo 14º.-Retirada da documentación.

Os interesados ou os seus representantes poderán retirar a documentación dos traballos non premiados, na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no prazo de catro meses a partir da publicación da resolución de concesión desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o citado prazo procederase á súa destrución, agás os que sexan obxecto de recurso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Delegación de competencias.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar as disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Recursos.

Contra esta orde poderase recorrer, mediante o recurso potestativo de reposición, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación. A orde tamén poderá ser directamente impugnada ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "11000D003P014.PDF"