DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 08 de xuño de 2009 Páx. 9.765

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2009, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica o prazo de xustificación da execución das actuacións subvencionables establecidas na Orde do 21 de novembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, destinadas a pequenas e medianas empresas (Pemes) para a realización de plans ou accións a favor da conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

O Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, configura a Secretaría Xeral da Igualdade como órgano superior da Administración da comunidade autónoma.

Á Secretaría Xeral da Igualdade correspóndenlle, entre outras, as funcións relativas ás políticas da Xunta de Galicia en materia de xénero, de loita contra a discriminación por razón de sexo e de promoción da igualdade entre mulleres e homes. Polo tanto, unha das súas finalidades é promover as condicións para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva, fomentando a adopción de actitudes corresponsables, que permitan ás persoas desenvolverse dun xeito integral, por parte de todos os axentes sociais.

Por Resolución do 24 de marzo de 2009 adxudicáronse as subvencións destinadas a pequenas e medianas empresas (Pemes) para a realización de plans ou accións a favor da conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

O punto 2º do artigo 16 da Orde do 21 de novembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, establece que o segundo pagamento se fará efectivo unha vez levadas a cabo as actuacións obxecto da subvención, tendo como prazo máximo para presentar a documentación xustificativa o 30 de xuño de 2009.

Gran parte das empresas beneficiarias das subvencións solicitaron a ampliación dos prazos de execución e xustificación das actuacións subvencionadas motivándoo na complexidade e o volume dalgunhas das actuacións que necesitan máis tempo de execución.

A disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra nas secretarías xerais dependentes da Presidencia a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Na súa virtude, de acordo con todo o indicado anteriormente e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Ampliar ata o día 30 de setembro de 2009 o prazo de xustificación previsto no artigo 16 da Orde do 21 de novembro de 2008.

Disposición adicional

A modificación do prazo de presentación das xustificacións previstas nesta resolución non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 21 de novembro de 2008.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2009.

Marta González Vázquez

Secretaria xeral da Igualdade