DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 08 de xuño de 2009 Páx. 9.758

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2009, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan e se regulan as axudas correspondentes ao programa Volver á terra para residentes no exterior durante o ano 2009.

A Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da comunidade autónoma a que lle corresponde, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1986, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, que desenvolve o artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia, onde se establece o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o teor do establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual a maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola que se convoca e se regula o programa de viaxe a Galicia Volver á terra, que permite a emigrantes galegos maiores de 60, residentes en América e con baixos recursos económicos, reencontrárense coa terra que os viu nacer.

En virtude do exposto e no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de acordo co establecido na Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e no uso das facultades que a Secretaría Xeral da Emigración ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas correspondentes ao programa Volver á terra orientado a promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Artigo 2º.-Características.

1. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da viaxe dos beneficiarios desde os lugares de partida fixados pola secretaría xeral en América ata o lugar de destino designado en Galicia.

2. A Secretaría Xeral de Familia e Benestar colaborará neste programa poñendo á disposición dos beneficiarios e das persoas responsables das actividades socioculturais, todos os servizos de aloxamento e manutención durante un período máximo de 14 días, nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

3. A Secretaría Xeral de Familia e Benestar e a Secretaría Xeral da Emigración colaborarán na execución deste programa na realización das actividades socioculturais durante a súa estadía no establecemento residencial en Galicia.

4. Serán por conta dos participantes todos os gastos durante o tempo que permanezan cos seus familiares en Galicia, unha vez finalizada a estadía no establecemento residencial, ata completar un período máximo de 3 meses desde a súa chegada a Galicia.

5. A Secretaría Xeral da Emigración xestionará o desprazamento dos beneficiarios deste programa.

6. Os beneficiarios viaxarán a Galicia en dúas quendas no mes de novembro.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galego.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en América.

1.4. Ter sesenta ou máis anos de idade contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Levar polo menos os últimos 15 anos naturais sen participar en programas de viaxes transatlánticos a Galicia desta secretaría xeral.

1.6. Valerse por si mesmo, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

1.7. Ter ingresos inferiores a 1,3 veces o importe das prestacións económicas por ancianidade do Estado español, fixado en 2009 para o país de residencia. Estes importes aparecen reflectidos no anexo III desta resolución. Se o solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 por cento da devandita cifra polo número de conviventes menos un.

2. Poderán ser beneficiarias as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5, 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

Artigo 4º.-Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas queda fixada como segue para o ano 2009:

Países Nº de prazas

Arxentina 113

Brasil 10

Cuba 10

Uruguai 50

Venezuela 5

Outros países 2

Total 190

As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas ata un máximo dun 25% do total das prazas.

Os beneficiarios deste programa viaxarán a Galicia en dúas quendas diferentes. Nunha viaxarán 131 participantes e noutra 59 participantes.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección para ser beneficiario serán os que se indican a seguir:

1. Considerarase como criterio preferente de selección ser beneficiario das prestacións económicas por ancianidade.

2. Estimarase como segundo criterio de selección o tempo transcorrido sen beneficiarse do programa.

3. Estimarase como terceiro criterio de selección a maior idade do solicitante.

A selección dun solicitante levará consigo a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que reúna os requisitos establecidos no punto 2 do artigo 3º.

Artigo 6º.-Documentación.

1. A documentación que deberá achegar o solicitante é a seguinte:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I.

b) Fotocopia do pasaporte español ou documento nacional de identidade español en vigor do solicitante ou certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no rexistro de matrícula como residente.

c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia.

d) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

e) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada polo solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estean obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

f) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

g) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II desta resolución, conforme o solicitante se vale por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

h) Fotografía actual tamaño carné.

i) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

j) Documento en que conste se é beneficiario das prestacións económicas por ancianidade do Estado español. De non o presentar, entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado no artigo 5.1º.

k) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que consta no impreso de solicitude (anexo I).

2. O cónxuxe ou persoa unida ao solicitante por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do pasaporte ou documento nacional de identidade en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia en América.

c) Certificado médico segundo o modelo incluído no anexo II desta resolución, conforme se vale por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

d) Fotografía actual tamaño carné.

e) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que consta no impreso de solicitude (anexo I).

Artigo 7º.-Unidade económica familiar.

Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os fillos e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan co solicitante.

As relacións de feito análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de ter fillos, en común chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 8º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes para estes programas será dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Lugar de presentación.

9.1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderán presentarse na Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires, consellerías de Traballo e Emigración, seccións de Traballo e Emigración, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

9.2. Para a presentación destas solicitudes os interesados poderán utilizar o rexistro telemático da Xunta de Galicia de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do rexistro telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

Os interesados que non posúan certificado dixital e así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, para a presentación telemática das súas solicitudes:

*En Brasil:

-Peña Galega de la Casa de España de Río de Janeiro.

-Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Bahía.

-Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instr. de São Paulo.

-Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro en Santos.

*En Cuba:

-Federación de Sociedades Galegas en La Habana.

*En Venezuela:

-Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o interesado outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía telemática. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

As entidades colaboradoras no exterior deberán remitir á Secretaría Xeral da Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo dos cinco días seguintes ao fin do prazo de presentación. Este prazo soamente será ampliado logo da autorización da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 10º.-Instrución do procedemento.

1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nas correspondentes bases, elaboraranse as listas provisionais de admitidos e excluídos, indicando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas, no prazo máximo de 90 días desde a fin do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http:www.galiciaaberta.com), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Buenos Aires e Montevideo e nos das entidades colaboradoras citadas no artigo 9.2º.

Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web www.galiciaaberta.com para formular as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase desistido da súa petición e procederase ao seu arquivo nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido este prazo, elaboraranse as listas definitivas de admitidos e excluídos, que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http:www.galiciaaberta.com) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires e das entidades colaboradoras citadas no artigo 9º.2.

2. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral de Programas Sociais e, ademais, crearase unha comisión de avaliación, presidida polo subdirector xeral de Programas Sociais, ou persoa en que delegue, e composta polo xefe do servizo de Acción Social e un/unha funcionario/a da unidade, que actuará como secretario/a.

3. Os expedientes serán avaliados pola comisión segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución para os distintos programas. Posteriormente, a comisión elaborará unha proposta de concesión, que se elevará ao secretario xeral da Emigración para a súa resolución.

4. Unha vez realizada a selección de beneficiarios, o secretario xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións, publicando na páxina web, www.galiciaaberta.com, a relación de beneficiarios e reservas.

5. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

6. Para ser beneficiarios destes programas será necesario que poidan valerse por si mesmos e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia, circunstancias que deberán acreditarse mediante os correspondentes certificados médicos.

7. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de seis meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Con carácter xeral, os beneficiarios correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como as actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa, podendo a secretaría adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

3. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro público de sancións os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Agás nos casos indicados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a denegación da autorización para a obtención de datos ou para a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web, www.galiciaaberta.com, a relación de beneficiarios, polo que a presentación da solicitude leva consigo a autorización para o tratamento necesario de datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web www.galiciaaberta.com.

De conformidade co disposto no artigo 5º da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes deste programa serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. Os solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, dirixindo un escrito á Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro, no enderezo que figura ao pé da solicitude.

4. A prestación da asistencia sanitaria dos beneficiarios será de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Incompatibilidades e seguimento da resolución de concesión.

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra axuda que lle poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o beneficiario.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Aplicación orzamentaria.

Os gastos financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.226.07 (actuacións derivadas da Lei de galeguidade). O crédito inicialmente destinado para esta finalidade é de 235.060 euros, que poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias

Artigo 14º.-Recursos.

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2009.

J. Santiago Camba Bouzas

Secretario xeral da Emigración

Ver referencia pdf "11000D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "11000D002P013.PDF"