DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 04 de xuño de 2009 Páx. 9.585

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2009, da Secretaría Xeral para o Turismo, pola que se delegan competencias nos/as xefes/as territoriais e no subdirector de Ordenación do Turismo.

Tendo en conta o grande volume de actividade administrativa que a normativa lle atribúe á Secretaría Xeral para o Turismo, co fin de evitar unha concentración excesiva e lograr unha maior axilidade administrativa que redunde en beneficio tanto da Administración como dos administrados, faise conveniente que, dentro do respecto aos principios informadores da actuación administrativa e con suxeición á normativa legal vixente, se deleguen nos/nas xefes/as territoriais e noutros órganos determinadas competencias.

Na súa virtude, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

1. Delegar nos/as xefes/as territoriais da Consellería de Cultura e Turismo o exercicio das seguintes competencias:

a) Autorización das modificacións de grupo, categoría, capacidade, superficie, modalidade, denominación e calquera outra que modifique as condicións nas que se outorgou a autorización turística dos establecementos hoteleiros e de turismo rural.

b) Autorización das modificacións de categoría, capacidade, superficie, denominación e calquera outra que modifique as condicións nas que se outorgou a autorización turística das cidades de vacacións, dos apartamentos, bungalows e outros aloxamentos similares de carácter turístico, dos campamentos de turismo e dos restaurantes e cafetarías.

c) Resolución das modificacións de titularidade, denominación, cambio de tempada e calquera outra que modifique as condicións en que se outorgou a autorización turística dos furanchos.

d) Autorización dos cambios de grupo, director, denominación, locais e calquera outra que modifique as condicións nas que se outorgou a autorización turística das axencias de viaxes, das súas sucursais e das axencias de viaxes estranxeiras.

e) Visado dos regulamentos de réxime interior dos establecementos turísticos.

2. Delegar no subdirector xeral de Ordenación do Turismo da Secretaría Xeral para o Turismo, o exercicio da seguinte competencia:

a) Proposta de resolución de concesión do título-licenza de axencias de viaxes.

A Secretaría Xeral para o Turismo poderá, non obstante, reclamar para si, en calquera momento, o exercicio das competencias delegadas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 14 da citada Lei 30/1992.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as concedeu.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2009.

María Carmen Pardo López

Secretaria xeral para o Turismo