DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 04 de xuño de 2009 Páx. 9.584

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2009, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se adxudica a praza do lectorado de lingua, literatura e cultura galegas na Universidade do Estado do Río de Janeiro, convocada mediante Resolución do 31 de marzo de 2009.

A Resolución do 31 de marzo de 2009 (DOG nº 67, do 7 de abril) establece as bases que regulan a convocatoria extraordinaria; en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade; da praza do leitorado de lingua, literatura e cultura galegas na Universidade do Estado do Río de Janeiro.

Visto o informe e a proposta de adxudicación presentados pola comisión de valoración constituída ao abeiro do artigo 8 da devandita resolución, acompañados da aceptación expresa por parte da candidata proposta, este secretario xeral, en uso das atribucións que lle confire a disposición transitoria, alínea c), da orde, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 19 de maio de 2009 de delegación de competencias nos órganos superiores e nas xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a relación de admitidos que se especifica no anexo I.

Artigo 2º

Pór de manifesto que todos os candidatos presentados cumprían cos requisitos de participación exixidos e que, polo tanto, non se inclúe ningún solicitante na relación de excluídos.

Artigo 3º

Nomear leitora de lingua, literatura e cultura galegas, con destino na universidade que se especifica e coas condicións establecidas na resolución da convocatoria, a persoa relacionada no anexo II.

Artigo 4º

Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2009.

Anxo M. Lorenzo Suárez

Secretario xeral de Política Lingüística

Ver referencia pdf "10800D005P009.PDF"