DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 04 de xuño de 2009 Páx. 9.582

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 308/2009, do 21 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada AC-416 Carballo-Carballo (AC-414), p.k. 0+000-1+360, do treito da estrada autonómica AC-414 Carballo-Malpica, desde o p.k. 0+000 ata o 0+120, e do treito da AC-552 A Coruña (A Grela)-Cee (AC-550), p.k. 31+000-31+900, a prol do Concello de Carballo.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a lei dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

Ao abeiro das mencionadas previsións legais, iniciouse o procedemento de transferencia da titularidade da estrada AC-416 Carballo-Carballo (AC-414) en toda a súa extensión, e dos seguintes treitos: o treito de 120 metros da estrada AC-414 Carballo-Malpica) e o treito da estrada AC-552 A Coruña (A Grela)-Cee (AC-550), comprendido entre o p.k. 31+000 e o p.k. 31+900.

A Dirección Xeral de Obras Públicas, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, formula proposta favorable á transferencia da titularidade. Desta proposta déuselle traslado ao Concello de Carballo que, con data do 2 de marzo de 2009, manifesta a súa aceptación.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas considera adecuado o cambio de titularidade da estrada e dos treitos mencionados, tendo en conta que adquiriron características netamente urbanas.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de maio de dous mil nove

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade a favor do Concello de Carballo dos seguintes treitos:

1. A estrada AC-416 Carballo-Carballo (AC-414) en toda a súa lonxitude, comprendida entre os puntos quilométricos 0+000-1+360.

2. O treito da estrada AC-414 Carballo-Malpica desde o punto quilométrico 0+000 ata o 0+120.

3. O treito da estrada AC-552 (A Coruña (A Grela)-Cee (AC-550)) que vai desde o punto quilométrico 31+000 ata o 31+900, dunha lonxitude de 1.750 metros.

Ver referencia pdf "10800D002P006.PDF"

Artigo 2º

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a estrada AC-416 e os treitos mencionados das estradas AC-414 e AC-552 incorporaranse á relación de estradas de titularidade do Concello de Carballo.

Artigo 3º

A entrega das vías formalizarase, no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto, no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4º

Correspóndenlle ao Concello de Carballo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Pontevedra, vinte e un de maio de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas