DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 01 de xuño de 2009 Páx. 9.373

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 28 de maio de 2009 sobre adscrición de órganos como consecuencia da entrada en vigor dos decretos 82 e 83/2009, do 21 de abril, polos que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, respectivamente.

Mediante o Decreto 79/2009, do 19 de abril, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na súa virtude foron aprobados o Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Como consecuencia da nova estrutura determinada polos anteriores decretos, e de conformidade co establecido nas respectivas disposicións transitorias, cómpre determinar a adscrición dos órganos dependentes da suprimida Dirección Xeral para o Deporte á nova Secretaría Xeral para o Deporte dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, mentres non se regule por decreto a súa nova estrutura orgánica.

Así, en uso das competencias conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º

Mentres non se regule por decreto a estrutura orgánica dos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, adscríbense á nova Secretaría Xeral para o Deporte os órganos e unidades dependentes da extinta Dirección Xeral para o Deporte.

Estes órganos terán as funcións que lles atribúe o Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte.

Artigo 2º

Mentres non se regule por decreto a estrutura orgánica dos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, adscríbense organicamente aos departamentos territoriais da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza os órganos e unidades dependentes funcionalmente da extinta Dirección Xeral para o Deporte situados nas delegacións territoriais, sen prexuízo da súa adscrición funcional á nova Secretaría Xeral para o Deporte.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Presidencia, Conselleiro de Cultura

Administracións Públicas e Turismo

e Xustiza

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE ECONOMÍA

E INDUSTRIA