DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 29 de maio de 2009 Páx. 9.326

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 304/2009, do 14 de maio, polo que se establecen as normas de recollida, transporte e tratamento dos produtos forestais provenientes das zonas afectadas polo fungo Gibberella Circinata Niremberg et O’ Donnell, tamén coñecido como Fusarium Circinatum Niremberg et O’Donnell.

O fungo Gibberella Circinata Niremberg et O’Donnell, tamén coñecido na súa forma anamórfica como Fusarium Circinatum Niremberg et O’Donnell, é o causante da enfermidade dos piñeiros e doutras coníferas coñecida como o chancro do piñeiro, que produce nas árbores a aparición de resinas abundantes.

Este organismo nocivo detectouse principalmente en material forestal de reprodución no norte da península e en ocasións tamén se determinou a súa presenza en masas forestais. O feito de que a súa presenza non se confirmase con anterioridade na Unión Europea obriga á adopción dunha serie de medidas urxentes tendentes ao seu control e erradicación coa finalidade de evitar a súa propagación.

Estas medidas foron articuladas a través do Real decreto 637/2006, do 26 de maio, polo que se establece o programa nacional de erradicación e control do fungo Fusarium Circinatum Niremberg et O’Donnell. Esta norma foi ditada no marco do establecido no Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, polo que se adoitan medidas de protección contra a introdución e difusión no territorio nacional e da Comunidade Europea de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais, así como para a exportación e tránsito a países terceiros.

Por outra parte, o Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización das materias forestais de reprodución xa incide especialmente no referente aos materiais forestais de reprodución debido á creación dun sistema de control que permita asegurar que os materiais forestais de reprodución sexan fenotípica e xeneticamente de calidade, así como que cumpran os requisitos en canto á pureza e estado sanitario.

Esta norma dítase tendo en conta as particulares características da distribución e alcance das masas de piñeiros en Galicia e en execución das medidas preventivas establecidas no Real decreto 637/2006, do 26 de maio, para adoptar no caso de masas forestais.

En consecuencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, conforme o ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día catorce de maio de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto establece os requisitos para a recollida e traslado dos produtos de primeira transformación e vexetais, en diante produtos forestais, dos que se sospeita que poden estar contaminados, desde a zona afectada polo fungo Gibberella Circinata Niremberg et O’Donnell ou Fusarium Circinatum Niremberg et O’Donnell ou zona demarcada, a zonas distintas desta, así como o tratamento da madeira procedente das zonas demarcadas.

De acordo co establecido no Real decreto 637/2006, do 26 de maio, polo que se establece o programa nacional de erradicación e control do fungo Gibberella Circinata Niremberg et O’Donnell ou Fusarium Circinatum Niremberg et O’Donnell, a zona demarcada está constituída polo foco afectado e a zona de seguridade, que terá unha largura non inferior a un quilómetro.

Artigo 2º.-Control e comunicación.

1. Para a detección de focos efectuaranse prospeccións e controis sistemáticos encamiñados a descubrir a presenza do organismo sobre os vexetais, cultivados ou espontáneos, e produtos vexetais das especies de coníferas relacionadas no anexo I do Real decreto 637/2006, do 26 de maio. Prestarase particular atención ás masas forestais e ao material forestal de reprodución definido no Real decreto 289/2003, do 7 de marzo, sobre comercialización dos materiais forestais de reprodución, así como no Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución.

2. Se como consecuencia das actuacións de inspección periódicas se confirma a presenza dun foco inicial do organismo, a dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade vexetal comunicarallo ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño e adoptará as medidas previstas no Real decreto 637/2006, do 26 de maio, polo que se establece o programa nacional de erradicación e control do fungo Fusarium Circinatum Niremberg et O’Donnell, necesarias para evitar a dispersión do organismo.

Artigo 3º.-Documentación e traslado.

1. Todos os produtos forestais provenientes de zonas demarcadas deberán ir acompañados, ademais da documentación indicada no artigo 8 do Real decreto 637/2006, do 26 de maio, dunha guía de transporte na cal figure como mínimo a información relativa á persoa propietaria, número de autorización de corta, zona de orixe, datos da empresa que realiza os traballos, da empresa de transporte e da empresa receptora autorizada. Serán consideradas empresas receptoras as persoas xurídicas que, estando previamente autorizadas e inscritas no rexistro creado para tal fin neste decreto, reciban produtos forestais provenientes de zonas demarcadas polo fungo Gibberella Circinata Niremberg et O’Donnell ou Fusarium Circinatum Niremberg et O’Donnell.

2. Serán postos a disposición das persoas interesadas pola Consellaría do Medio Rural tanto a guía de transporte, expedida de conformidade co establecido no anexo II, como o pasaporte fitosanitario preparado e expedido de conformidade co artigo 7.1º do Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, e o disposto na Orde do 17 de maio de 1993, pola que se establece a normalización dos pasaportes fitosanitarios destinados á circulación de determinados vexetais, produtos vexetais e outros obxectos dentro da comunidade e pola que se establecen os procedementos para a expedición de tales pasaportes e as condicións e procedementos para a súa substitución.

3. O procesamento dos produtos realizarase preferentemente no interior da zona demarcada. Cando non se poida realizar, farase na zona xeográfica máis próxima. Co obxecto de garantir o rápido procesamento dos produtos e tendo en conta as capacidades de produción das empresas receptoras, este criterio aplicarase de maneira flexible.

4. A saída da madeira e produtos de primeira transformación poderá realizarse unha vez que sexa descortizada completamente e sometida a un tratamento térmico adecuado de forma que a temperatura central da madeira alcance un mínimo de 56º C durante 30 minutos ou taxa equivalente de tratamento para garantir a destrución do patóxeno no dito material.

5. Cando as instalacións onde se poidan realizar estes labores non existan dentro das zonas demarcadas e sexa necesario o seu desprazamento a outra comunidade autónoma, a dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade vexetal garantirá a comunicación aos órganos forais ou autonómicos sobre o movemento dos ditos produtos forestais provenientes de zonas demarcadas.

Así mesmo, comunicará a entrada destes produtos nas empresas de transformación do seu ámbito xeográfico con sete días de antelación como mínimo.

Artigo 4º.-Rexistro de empresas receptoras de produtos forestais provenientes das zonas demarcadas.

1. Créase o Rexistro oficial de empresas receptoras de produtos forestais provenientes de zonas demarcadas da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de que estean inscritas todas as empresas receptoras de produtos forestais provenientes das zonas demarcadas con domicilio en Galicia que sexan autorizadas para tal fin.

2. O rexistro é público e estará adscrito á consellería competente en materia de sanidade vexetal.

3. As empresas inscritas deberán manter actualizados os datos que constan no rexistro e comunicar calquera alteración ou modificación que se produza no prazo de dez días a partir do momento en que teña lugar a modificación ou alteración, xuntando, en todo caso, os documentos necesarios.

4. O tratamento dos datos de carácter persoal que puidese realizarse como consecuencia da aplicación deste decreto, rexerase polo disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 5º.-Solicitude de autorización da empresa receptora.

1. As empresas que pretendan obter a autorización de empresa receptora deberán dirixir a súa solicitude, segundo o modelo que se xunta como anexo III, á dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade vexetal, e achegar o xustificante do ingreso da taxa correspondente. A dita solicitude poderá ser presentada en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos neste decreto, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Unha vez recibida a solicitude e con carácter previo á resolución, os servizos técnicos da dirección xeral que corresponda realizarán as comprobacións e verificacións que se consideren necesarias, incluídas visitas e inspeccións das instalacións afectadas.

Os servizos técnicos competentes elaborarán un informe que avalíe a viabilidade da empresa solicitante para cumprir coas obrigas descritas no artigo 7 e un protocolo de funcionamento, que deberá ser subscrito pola empresa, no cal se describa o proceso que se debe seguir para o cumprimento do disposto no dito artigo.

Artigo 6º.-Autorización e resolución.

1. A dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade vexetal, logo do correspondente trámite de audiencia, resolverá a concesión ou denegación da autorización e procederá á súa inscrición no dito rexistro, no prazo máximo de tres meses contados a partir do día da entrada da solicitude.

2. Se o dito órgano non emitise resolución expresa no prazo máximo de tres meses, entenderase estimada por silencio administrativo de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da obriga de resolver establecida na antedita Lei.

3. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste decreto dará lugar á retirada da autorización mediante resolución da dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade vexetal, logo da tramitación do correspondente expediente administrativo con audiencia das persoas interesadas.

Artigo 7º.-Obrigas das empresas receptoras.

As empresas receptoras estarán obrigadas a:

a) Gardar copia de todas as guías de transporte que cheguen á empresa provenientes de zonas demarcadas.

b) Dispoñer dunha zona específica de descarga nos parques de madeira.

c) Levar un libro-rexistro do traspaso da madeira da zona de descarga á da entrada en serra.

d) Prestar toda a súa colaboración ao persoal designado pola dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal para permitir a realización das inspeccións oficiais e controis de seguimento no procesamento dos produtos.

e) Procesar o máis rapidamente posible, de acordo coas capacidades de produción da empresa, os produtos provenientes da zona demarcada, dándolles prioridade sobre outros produtos forestais que procese a empresa en cuestión.

f) Posuír documentos xustificativos que permitan comprobar que dispoñen de instalacións adecuadas para someter a madeira a un tratamento térmico de 56º C durante 30 minutos ou taxa equivalente de tratamento para garantir a destrución do organismo nocivo.

g) Levar un rexistro de entrada de tempos de residencia da madeira nos secadoiros e de temperatura destes.

h) Identificar cada lote de madeira secada que saia das zonas demarcadas e, de ser o caso, os produtos finais.

i) Incinerar a cortiza orixinada no procesamento dos produtos forestais provenientes das zonas demarcadas, sen que se poida dedicar a outros usos. Este labor realizarase preferentemente nas instalacións da empresa. No caso de non ser posible, deberá transportarse en camión cerrado, con toldo u outros mecanismos, a outra instalación igualmente autorizada. Este transporte deberá cumprir os requisitos establecidos neste decreto.

j) Dispoñer dunha zona de limpeza e desinfección de camións, que deberá realizarse unha vez finalizada a descarga, con aire, e as rodas con auga.

k) Acompañar a saída da madeira fóra da empresa, unha vez procesada, dun pasaporte fitosanitario expedido polos órganos competentes da consellaría competente en materia de sanidade vexetal.

Artigo 8º.-Sistema de información.

Establecerase un sistema informático de información coordinado con outras comunidades autónomas coa finalidade de que as administracións teñan coñecemento, coa máxima antelación posible para que efectúen as oportunas inspeccións e indagacións, do transporte a través do seu territorio, así como da orixe e destino dos produtos forestais proveniente de zonas demarcadas, tanto se se trata de produtos procesados como non procesados.

Artigo 9.-Comisión de Sanidade Forestal.

1. Co obxecto de coordinar as actuacións dirixidas á erradicación e control do Gibberella Circinata Niremberg et O’Donnell ou Fusarium Circinatum Niremberg et O’Donnell, créase a Comisión de Sanidade Forestal, que estará constituída polas persoas titulares das direccións xerais que teñan atribuídas competencias en materia de sanidade vexetal e en materia forestal, así como por unha persoa funcionaria pertencente a cada unha das direccións xerais anteditas que teña o perfil técnico axeitado. A presidencia exerceraa a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de sanidade vexetal e a secretaría, con voz e voto, a persoa funcionaria coa cualificación técnica suficiente designada pola dirección xeral competente en materia forestal.

2. A comisión exercerá as funcións de coordinación, avaliación e seguimento das actuacións, xunto con aquelas que sexan precisas para a óptima realización do programa nacional de erradicación e control do fungo Gibberella Circinata Niremberg et O’Donnell ou Fusarium Circinatum Niremberg et O’Donnell.

3. A Comisión de Sanidade Forestal establecerá as súas propias normas de funcionamento, axustándose en todo caso ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Única.-Empresas de transporte.

Sen prexuízo das previsións contidas neste decreto, a empresa encargada de realizar os labores de traslado deberá contar coa autorización de transporte que resulte exixida pola normativa vixente e cumprir co resto de prescricións que, de ser o caso, se determinen nela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A constitución e posta en funcionamento da Comisión de Sanidade Forestal non xerará aumento das dotacións orzamentarias da consellería a que se adscribe.

Segunda.-Facúltase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de maio de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Anexo I

Coníferas sensibles a Gibberella Circinata Niremberg et O’Donnell con forma anamórfica Fusarium Circinatum Niremberg et O’Donnell

Pinus spp.

Pseudotsuga menziesii.

Ver referencia pdf "10400D001P006.PDF"

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA