DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 26 de maio de 2009 Páx. 9.220

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de maio de 2009 pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas profesionais de danza dispostas no Decreto 204/2007, do 11 de outubro.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 49 que para acceder ás ensinanzas profesionais de danza será preciso superar unha proba específica de acceso e poderá accederse igualmente a cada curso sen ter superados os anteriores sempre que a través dunha proba o aspirante demostre ter os coñecementos necesarios para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

O Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo de danza, establece nos artigos 7 e 8 os requisitos de acceso e a cualificación das probas de acceso das ensinanzas profesionais de danza.

O Decreto 204/2007, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de danza, nos seus artigos 10º e 11º regula aspectos básicos para a realización das probas de acceso ao grao profesional das ensinanzas de danza e habilita a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as normas que se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.

Cómpre, pois, desenvolver a normativa correspondente co fin de establecer criterios comúns nas probas de acceso para iniciar os estudos do primeiro curso do grao profesional ou para acceder a calquera outro curso deste grao, velando pola maior obxectividade na súa valoración.

En consecuencia co exposto, e en virtude das atribucións que ten conferidas, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Os conservatorios e centros autorizados de danza da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan as ensinanzas do grao profesional establecidas no Decreto 204/2007, do 11 de outubro, desenvolverán as probas de acceso a este grao previstas e reguladas nos artigos 10º e 11º deste decreto segundo as normas que figuran nesta orde.

Artigo 2º.-Convocatorias.

1. As probas de acceso realizaranse en dúas convocatorias anuais: unha que terá lugar no mes de xuño para o primeiro curso; e outra que terá lugar no mes de setembro para os restantes cursos do grao profesional.

2. En relación ao punto anterior, se quedasen prazas vacantes na convocatoria de xuño, os centros poderán solicitar da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a autorización para unha convocatoria extraordinaria no mes de setembro, antes do comezo do curso escolar.

3. Os conservatorios e os centros autorizados deberán poñer en coñecemento do Servizo Provincial de Inspección Educativa, con anterioridade ao 15 de abril, a oferta de especialidades para o acceso ao grao profesional, con indicación expresa do número de vacantes para cada unha delas.

4. Se un/unha candidato/a opta a máis dunha especialidade, as probas das materias de música, danza galega, acondicionamento físico, anatomía aplicada á danza e historia da danza serán comúns a todas as especialidades.

5. Os/as candidatos/as que concorran a máis dunha especialidade aboarán as taxas públicas completas para cada unha delas.

Artigo 3º.-Admisión para as probas de acceso.

1. Para acceder a calquera curso do grao profesional das ensinanzas de danza será necesario superar unha proba de acceso para valorar a madureza, aptitudes e coñecementos que os/as aspirantes posúan.

2. Os/as candidatos/as que, matriculados/as nalgún curso do grao profesional, esgotasen a permanencia nese curso e desexen continuar os seus estudos, deberán realizar unha nova proba de acceso, como mínimo, ao curso inmediatamente superior en que esgotaron a permanencia.

3. O alumnado que abandonase os seus estudos e desexe retomalos deberá, en todo caso, realizar unha nova proba de acceso, cando menos ao curso en que estivese matriculado.

4. En relación cos puntos 2 e 3 deste artigo e para os efectos de cómputo dos límites de permanencia nos cursos e no grao, deberanse ter en conta os cursos realizados con anterioridade no grao profesional, sen que se poida permanecer máis de tres anos nun curso.

5. Corresponderalle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a autorización de matriculación un curso máis, segundo o artigo 17.2º do Decreto 204/2007, do 11 de outubro.

6. En todo caso, o número máximo de probas de acceso ao grao profesional que poderá realizar cada aspirante é de catro: dúas convocatorias ao primeiro curso e outras dúas convocatorias a calquera outro curso que non sexa o primeiro. Para estes efectos, non serán computadas as probas en que se obtivese a puntuación mínima establecida para o acceso.

Artigo 4º.-Matrícula para as probas de acceso.

1. Os conservatorios e centros autorizados farán públicos os prazos de matrícula, datas de exame e número de postos escolares vacantes coa suficiente antelación.

2. Os centros publicarán nos taboleiros de anuncios dos centros os contidos e criterios de avaliación das probas, que serán acordes co proxecto educativo de cada centro.

3. A inscrición na proba de acceso realizarase para a especialidade ou especialidades polas cales se opte.

Artigo 5º.-Aspectos comúns das probas de acceso ao grao profesional de danza.

1. As probas de acceso realizaranse conforme o establecido nos artigos 10º e 11º do Decreto 204/2007, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo de grao profesional das ensinanzas de danza.

2. As probas serán xulgadas por un tribunal constituído para tal efecto por profesorado do centro designado pola dirección.

3. Os/as aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos/as do DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Tamén deberán amosar ao tribunal o xustificante de matrícula, se este o requirise.

4. Os/as aspirantes serán convocados/as para a proba nun único chamamento, e será excluído/a dela quen non compareza, podéndose considerar os casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal, para os efectos dun posterior chamamento. A non asistencia á proba suporá a perda da correspondente convocatoria.

Artigo 6º.-Adxudicación de prazas.

1. Se o número de solicitantes é superior ao de prazas ofertadas, a adxudicación destas realizarase por orde de puntuación na proba e, de ser igual a cualificación, desempatarase pola puntuación obtida na proba de danza específica da especialidade a que opta.

2. Os centros poderán establecer unha lista de espera por orde de puntuación acadada co obxecto de cubrir posibles baixas.

3. A obtención dunha das prazas ofertadas dá dereito a posto escolar para o curso académico no centro en que se realizou a proba de acceso.

4. O alumnado que unha vez superada a proba nun centro solicitase posto escolar noutro por traslado de matrícula viva, non terá que realizar novamente a proba de acceso no centro de destino. Neste caso o/a alumno/a deberá estar matriculado/a no centro de orixe para poder formalizar un traslado de matrícula viva.

Artigo 7º.-Cualificacións.

1. As cualificacións obtidas nestas probas consignaranse nas actas correspondentes segundo os modelos que figuran nos anexos I, II e III desta orde, que deberán facerse públicas no taboleiro de anuncios do centro.

2. A Administración educativa, no exercicio das súas competencias, poderá efectuar un seguimento e supervisión da realización das probas de acceso.

Artigo 8º.-Aspectos específicos da proba de acceso ao primeiro curso do grao profesional de danza.

1. No tribunal de acceso ao primeiro curso, que estará constituído por tres profesores/as do centro, figurarán, cando menos, dous profesores/as da especialidade.

2. Non poderá formar parte do tribunal de acceso ao primeiro curso o profesorado que durante ese ano académico impartise clase ao alumnado aspirante ás probas, sempre e cando exista no centro, cando menos, outro/a profesor/a da mesma especialidade.

3. Os exercicios correspondentes á proba de música serán iguais para todos os/as candidatos/as e para todos os tribunais das distintas especialidades. Non obstante, no caso de que sexa precisa máis dunha sesión, estes exercicios poderán ser distintos.

Artigo 9º.-Aspectos específicos da proba de acceso a calquera outro curso do grao profesional de danza.

1. O tribunal de acceso a outros cursos do grao profesional estará constituído por tres profesores/as do centro, sendo cando menos dous deles da especialidade obxecto da proba.

2. Os exercicios correspondentes ás materias comúns serán iguais para todos os/as aspirantes das distintas especialidades, sempre que se trate do mesmo curso. Non obstante, no caso de ser precisa máis dunha sesión, estes exercicios poderán ser distintos.

3. Para a valoración do aspirante na materia de paso a dous, cada centro establecerá por medio dos seus correspondentes departamentos de danza o procedemento que considere máis oportuno para tal fin.

4. O/a aspirante deberá realizar a proba de repertorio de 5º e 6º curso, co vestiario requirido polas coreografías elixidas.

Artigo 10º.-Procedemento para a reclamación das cualificacións das probas de acceso.

1. Co fin de garantir o dereito dos/das aspirantes a que o seu rendemento sexa avaliado conforme criterios obxectivos, o interesado ou interesada ou os seus representantes legais poderán reclamar ante a dirección do centro, nun prazo de cinco días naturais, contra as cualificacións da proba de acceso, cando consideren que a cualificación se outorgou sen a obxectividade requirida debido a:

a) Inadecuación da proba proposta en relación cos contidos establecidos polo centro para esta.

b) Incorrecta aplicación dos criterios de avaliación establecidos polo centro segundo consta no artigo 4º desta orde.

2. No suposto de reclamación contra as cualificacións da proba de acceso, o director ou directora do centro, antes da súa resolución, someteraas ao tribunal correspondente, que poderá ratificarse na cualificación outorgada ou estimar a procedencia de rectificar a cualificación reclamada.

3. No suposto de que a reclamación sexa desestimada, o interesado ou interesada poderá instar no prazo de dous días hábiles para que a dirección remita o expediente ao departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que, logo do informe do servizo provincial de inspección educativa, ditará a resolución procedente.

4. Co obxecto de evitar atrasos na resolución das reclamacións que puidesen prexudicar os/as interesados/as, deberán observarse os seguintes prazos:

a) O director ou directora deberá resolver a reclamación presentada no prazo de cinco días naturais.

b) No caso de ter que enviar o expediente ao departamento territorial, tramitarase no prazo de dous días.

c) A xefatura do departamento territorial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria solicitará o informe do servizo provincial da inspección educativa e resolverá no prazo máximo de 10 días naturais desde a entrada do expediente no departamento territorial. Esta resolución porá fin á vía administrativa para a reclamación de cualificacións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "10100D002P028.PDF"

b) NOMEAMENTOS INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA