DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 25 de maio de 2009 Páx. 9.162

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 18 de maio de 2009 pola que se determina a composición das comisións de valoración de determinadas ordes de subvencións na área de traballo da Consellería de Traballo e Benestar.

Mediante o Decreto 79/2009, do 19 de abril, establécese a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e polo Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixouse a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. A entrada en vigor dos citados decretos vai supor, de acordo cos principios de eficacia, austeridade e economía, unha redución da estrutura administrativa ata agora existente.

Do mesmo xeito, mediante o Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, créanse as delegacións territoriais da Xunta de Galicia e suprímense as delegacións provinciais actualmente existentes, o que supón unha nova estruturación dos órganos administrativos da administración periférica da Xunta de Galicia.

Existen na actualidade diferentes ordes de subvencións convocadas na área de traballo correspondentes ao exercicio de 2009 que, non acadando a fase de resolución, se atopan en fase de tramitación nas distintas provincias e nos servizos centrais, e a composición das comisións de valoración non se adaptan aos requirimentos da nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Resulta urxente, polo tanto, acometer as modificacións que sexan necesarias na composición das comisións de valoración reguladas nas diferentes ordes de convocatoria co fin de que conforme os principios de eficacia e celeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa poida procederse á resolución das diferentes convocatorias.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A composición das comisións de valoración establecidas nas ordes de axudas para o ano 2009 convocadas pola anterior Consellería de Traballo e cando se vexan afectadas pola nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, estarán integradas polos seguintes membros:

En servizos centrais: o/a subdirector/a xeral competente por razón da materia que exercerá de presidente e como vogais dous funcionarios da citada subdirección xeral.

Nos departamentos territoriais: o/a xefe/a do servizo competente por razón da materia e dous funcionarios do citado servizo.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe o órgano competente para resolver.

Artigo 2º

Todos os expedientes de subvención iniciados ao abeiro das ordes de convocatoria sinaladas no artigo anterior, en trámite nos distintos centros directivos e unidades da Consellería de Traballo e Benestar, que non acadasen a fase de resolución e notificación aos beneficiarios, remitiranse ás correspondentes comisións de valoracións para que estas, coa nova composición establecida no artigo anterior, procedan ao seu estudo, informe e avaliación co obxecto da súa posterior resolución, polo órgano competente para resolver.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar