DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 25 de maio de 2009 Páx. 9.159

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 22 de maio de 2009 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polo comité de empresa do Policlínico Vigo, S.A., que terá lugar os días 25, 26, 27, 28 e 29 de maio de 2009.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga polo comité de empresa do Policlínico Vigo S.A., que terá lugar os días 25, 26, 27, 28 e 29 de maio de 2009, e que afectará todos os traballadores da empresa e todas as quendas, outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A convocatoria de folga realizada polo comité de empresa do Policlínico Vigo, S.A. deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

A folga abrangue toda a xornada laboral e afecta todas as áreas da institución sanitaria. Xa que logo, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos aos usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado; e por iso mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible a doentes hospitalizados, así como a atención urxente e permanente aos usuarios, que non se pode aprazar, sen consecuencias negativas para a saúde.

Tendo en conta que se trata dunha folga de varios días, co obxecto de evitar a posible falta de asistencia, para a determinación e mantemento durante a folga dos servizos mínimos establécense como base para a súa determinación os seguintes criterios reitores:

A) Persoal facultativo.

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triplo ámbito:

-Servizos de urxencias, gardas médicas, unidades de coidados intensivos, reanimación poscirúrxica, hospital de día, hematoloxía e diálise.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos/das usuarios/as que requiran intervención cirúrxica inaprazable no seu ingreso.

-Atención aos paritorios.

II. Cobertura da actividade cirúrxica dos pacientes hospitalizados, respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde.

III. Na área de hospitalización establecerase un número necesario para garantir as visitas para valoracións médicas, a atención indefectible dos doentes hospitalizados e as altas clínicas.

IV. No ámbito de consultas atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, así como as interconsultas dos pacientes hospitalizados que o requiran, ao criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos e os pacientes desprazados.

V. Garantirase, así mesmo, a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiren aos doentes hospitalizados que, ao criterio do facultativo, sexan necesarias e inaprazables.

VI. Garantirase a dispensación de sangue, medicamentos e de produtos sanitarios que, ao criterio do facultativo, sexan necesarios.

B) Persoal sanitario non facultativo (categorías de diplomados sanitarios e formación sanitaria con prestación de servizos neste ámbito).

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triplo ámbito:

-Servizos de urxencias, gardas, unidades de coidados intensivos, reanimación poscirúrxica, hospital de día, hematoloxía e diálise.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos/das usuarios/as que requiran intervención cirúrxica inaprazable no ingreso.

-Atención aos paritorios.

II. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos doentes hospitalizados.

III. No ámbito de consultas, apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

IV. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos pacientes hospitalizados que, ao criterio do facultativo, sexan necesarios. Así mesmo, apoio ás consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos e dos doentes desprazados.

V. Garantiranse a dispensación de sangue, medicamentos e produtos sanitarios.

C) Persoal non sanitario.

I. Urxencias: o 100% do persoal.

II. Área de hospitalización: un número necesario para garantir a asistencia aos pacientes hospitalizados.

III. Área de admisión e documentación clínica: un número necesario para garantir a asistencia aos pacientes hospitalizados.

IV. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención aos pacientes que o requiran, ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

V. Atención ao paciente: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

VI. Servizos de mantemento: un número necesario para garantir o correcto funcionamento dos servizos sanitarios.

VII. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número necesario para garantir a asistencia ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

VIII. Limpeza: ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

IX. Hostalaría: un número necesario para garantir a asistencia ata un máximo do 60% dos efectivos da quenda, en función das prestacións dependentes de hostalaría do centro.

Coa finalidade de garantir o adecuado mantemento do servizo, servirase, con carácter xeral, un único menú aos doentes que non requiran dieta médica especial.

X. Condutores: un número necesario para garantir a asistencia cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

XI. Servizos administrativos:

-Información: un número de profesionais necesario para garantir a debida información aos pacientes.

-Persoal: o número imprescindible para garantir as incidencias e xestións derivadas da folga e, como máximo, ata un 40% dos efectivos da quenda.

-Subministracións: o número imprescindible de profesionais para garantir os pedidos urxentes e ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

-Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

-Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes e ata un 25% dos efectivos da quenda.

XII. Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase, con carácter xeral, un número necesario para garantir a asistencia sanitaria.

Artigo 2º.-A determinación dos/as profesionais necesarios deberá estar adecuadamente motivada. A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos do centro e debe exteriorizarse adecuadamente para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as. Deberá quedar constancia nel dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios do centro, con antelación suficiente ao comezo da folga.

Coas premisas precedentes, determinarase por centro de traballo e por grupo profesional o número de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos durante as xornadas de folga.

Artigo 3º.-A designación nominal, que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será determinada pola empresa e notificada aos profesionais designados de xeito nominal.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 4º.-Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios do centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 5º.-O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6º.-Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2009.

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "10000D003P007.PDF"