DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 25 de maio de 2009 Páx. 9.157

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de maio de 2009 de delegación de competencias nos órganos superiores e nas xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A actividade administrativa que se deriva das competencias que ten atribuídas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria produce tal concentración de funcións no seu titular que aconsella, dado o seu volume e variedade, que se recorra á delegación do seu exercicio en órganos do departamento para acadar unha maior eficacia e eficiencia na tramitación e resolución dos asuntos propios do departamento, e garantindo coa súa publicidade o debido respecto aos principios informadores da actuación administrativa que a Constitución española recolle no seu artigo 103.1º.

Esta orde de delegación ten por finalidade cubrir, de xeito provisional, a devandita situación mediante a habilitación aos órganos superiores e as xefaturas territoriais desta consellería para que actúen por delegación na liña que viña sendo habitual ata agora, polo que a regulación que nela se establece queda pendente de se completar coa publicación do decreto de estrutura orgánica e funcional desta consellería.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e do disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembre, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Delegación no secretario xeral.

Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) A tramitación e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos ao titular da consellería, agás os que correspondan a outros órganos superiores do departamento, en virtude da súa estrutura orgánica, lle estean expresamente delegados, ou teñan o carácter de indelegables.

b) A resolución en vía administrativa dos recursos e reclamacións interpostos contra os actos e acordos dos órganos desta consellería que non estean atribuídos ou delegados noutras autoridades do departamento.

c) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servizos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como a facultade de solicitar da consellería competente na materia a ordenación dos pagamentos correspondentes.

d) A subscrición, modificación e prórroga dos convenios de colaboración que acorde esta consellería, agás os que precisen aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

e) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ao titular da consellería pola lexislación vixente, así como a competencia para conceder subvencións nos termos previstos no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) As facultades que lle corresponden ao conselleiro en materia de persoal, nos termos establecidos no artigo 17 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e nas demais disposicións en vigor, agás as reservadas legalmente á súa competencia exclusiva.

g) A designación das comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, do persoal destinado no servizos centrais, así como a autorización para asistiren a cursos e actividades de formación e perfeccionamento do dito persoal.

h) A disposición de canto concirne ao réxime interno do departamento cando non sexa competencia indelegable da persoa titular da consellería ou estea atribuída ou delegada noutros órganos desta.

i) As funcións que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

Artigo 2º.-Delegación nas xefaturas territorias.

Deléganse nas xefaturas territorias as seguintes competencias que estabanlle atribuídas aos antigos delegados provinciais deste departamento pola Orde do 26 de agosto de 2005 sobre delegación de competencias en órganos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, modificada pola Orde do 4 de outubro de 2007:

a) A formalización dos contratos do profesorado de relixión e anexos aos contratos vixentes, os de carácter temporal do persoal non docente e os nomeamentos do persoal en prácticas, interino e substituto docente para impartir ensinanzas escolares.

b) O recoñecemento de trienios e sexenios aos funcionarios pertencentes a corpos ou escalas adscritos a esta consellería e ao profesorado de relixión.

c) A concesión ao persoal con destino na súa provincia de autorización para asistiren a cursos e actividades de formación e perfeccionamento, así como a designación de comisións de servizo con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

Artigo 3º.-Réxime xurídico das delegacións.

1. Os actos e resolucións que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as confire para efectos de esgotar a vía administrativa e de réxime de recursos.

2. Quedan excluídas das delegacións outorgadas por esta orde os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 11/1993, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia.

3. En calquera momento o titular da consellería poderá reclamar para si o exercicio das competencias delegadas por esta orde.

Artigo 4º.-Substitucións.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, as atribucións dos órganos superiores desta consellería quedarán delegadas, polo tempo da súa razón, na seguinte forma:

a) As da secretaría xeral nas direccións xerais, segundo a prelación que establece o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica do departamento da Xunta de Galicia.

b) As da secretaría xeral de Universidades e da secretaría xeral de Política Lingüística na secretaría xeral da consellería, e no seu defecto nas direccións xerais, segundo a prelación que establece o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica do departamento da Xunta de Galicia.

c) As das direccións xerais nas subdireccións xerais que delas dependan, sendo prevalente o máis antigo no cargo, e no caso de igualdade o de maior idade.

d) As das xefaturas territoriais na persoa que designe o secretario xeral da consellería.

Disposición transitoria

Ata que se regule por decreto a nova estrutura orgánica e funcional desta consellería, os órganos superiores deste departamento asumirán as competencias e funcións que viñan exercendo os anteriores, tanto por atribución propia como por delegación, de acordo co que se sinala a continuación:

a) A secretaría xeral desempeñará as competencias correspondentes á Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios, á subdirección xeral de Construcións e Equipamento á Subdirección Xeral de Sistemas Informáticos, así como as que se derivan das asignadas a esta consellería polo Decreto 268/2000, do 2 de decembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia.

b) A Secretaría Xeral de Universidades desempeñará as competencias correspondentes á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia e á Dirección Xeral de Política Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia.

c) A Xecretaría Xeral de Política Lingüística desempañerá as competencias que lle corresponden, segundo o artigo 7º e a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 145/2007, do 19 de xullo.

d) A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa desempeñará as competencias correspondentes á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa, á Subdirección Xeral de Formación e Orientación Profesional, á Subdirección Xeral de Xestión e Calidade da Formación Profesional, á Subdirección Xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente, e á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

e) A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos desempeñará as competencias correspondentes á Subdirección Xeral de Centros e á Subdirección Xeral de Persoal.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 26 de agosto de 2005 sobre delegación de competencias en órganos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, modificada pola Orde do 4 de outubro de 2007, así como cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria