DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 25 de maio de 2009 Páx. 9.157

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 11 de maio de 2009 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral de Política Financeira.

O artigo 74.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, atribúe a ordenación xeral de pagamentos da comunidade autónoma ao conselleiro de Economía e Facenda, competencia agora asumida pola conselleira de Facenda ao abeiro do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. O artigo citado indica que tal competencia pode delegarse, de acordo cos procedementos legais aplicables.

A competencia de ordenación xeral de pagamentos leva consigo unha concentración de funcións na conselleira de Facenda que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias, indistintamente, no director xeral de Política Financeira e no subdirector xeral do Tesouro.

Esta delegación da competencia axiliza a tramitación administrativa e repercute de xeito eficaz na última fase do procedemento de xestión orzamentaria de gastos. A delegación de xeito indistinto no director xeral e no subdirector xeral efectúa unha eficiente distribución da carga de traballo que comporta.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Delégase a función de ordenación xeral de pagamentos da Comunidade Autónoma de Galicia no director xeral de Política Financeira e no subdirector xeral do Tesouro, indistintamente.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 3º

En calquera momento, a conselleira poderá avocar para si o exercicio das competencias delegadas nesta disposición.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2009.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda