DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 22 de maio de 2009 Páx. 9.110

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 11 de maio de 2009 sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e integra nela a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e, no seu artigo 3, estrutura a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en seis órganos superiores e cinco organismos adscritos.

De conformidade coa disposición transitoria primeira do Decreto 83/2009, do 21 de abril, cómpre determinar a adscrición dos órganos dependentes das direccións xerais suprimidas aos novos centros directivos mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no nivel de dirección xeral.

Pola súa banda, a disposición transitoria segunda do Decreto 83/2009 dispón que os órganos dependentes dos centros directivos que non fosen obxecto de supresión manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura orgánica contida neste decreto.

A nova estrutura da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas establecida no citado decreto implica a supresión de varios centros directivos e o cambio de denominación doutros.

Por outra banda, a actividade administrativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas leva consigo unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias nos titulares dos centros directivos da consellería, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Co fin de evitar reiteracións innecesarias e enunciar detalladamente as competencias que son obxecto de delegación, óptase por efectuar unha remisión ás ordes do 6 de marzo de 2003 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e do 2 de setembro de 2005 pola que se delega o exercicio de determinadas competencias en materia sancionadora nos directores xerais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

En consecuencia, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro.

1. Os órganos dependentes da extinta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo pasan a adscribirse á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Estes órganos terán as funcións que lles atribúe o Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como centro superior directivo dos indicados órganos, asumirá as competencias que o Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, atribúe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Deléganse na secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo as competencias enunciadas nos puntos segundo número 2, terceiro, cuarto números 2, 3, 4 e 5, sexto, oitavo número 2 e noveno da Orde do 6 de marzo de 2003 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

2. Os órganos dependentes das direccións xerais de Calidade e Avaliación Ambiental e de Desenvolvemento Sostible adscríbense á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Estes órganos desenvolverán as funcións que lles atribúe o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como centro superior directivo de tales órganos, asumirá as competencias que o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, atribúe á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e á Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible.

Deléganse no secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental as competencias enunciadas no artigo 1.2º da Orde do 2 de setembro de 2005 pola que se delega o exercicio de determinadas competencias en materia sancionadora nos directores xerais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

3. Os órganos dependentes da Dirección Xeral de Obras Públicas e do/a comisionado/a para a Seguridade Viaria de Galicia pasan a adscribirse á Dirección Xeral de Infraestruturas.

Estes órganos desenvolverán as funcións que lles atribúe o Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

A Dirección Xeral de Infraestruturas, como centro directivo superior dos citados órganos, asumirá as competencias que o Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, atribúe á Dirección Xeral de Obras Públicas e ao/á comisionado/a para a Seguridade Viaria de Galicia.

Deléganse na directora xeral de Infraestruturas as competencias enunciadas nos puntos segundo número 2, terceiro, cuarto números 2, 3, 4 e 5, sexto, sétimo número 2, oitavo punto 2 e noveno número 2 da Orde do 6 de marzo de 2003 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

4. Os órganos dependentes da extinta Dirección Xeral de Transportes adscríbense á Dirección Xeral de Mobilidade.

Estes órganos terán as competencias que lles atribúe o Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

A Dirección Xeral de Mobilidade, como centro superior directivo dos referidos órganos, asumirá as competencias que o Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, atribúe á Dirección Xeral de Transportes.

Deléganse no director xeral de Mobilidade as competencias enunciadas nos puntos segundo número 2, terceiro, cuarto números 2, 3 e 5, sexto, sétimo número 3, e oitavo punto 2 da Orde do 6 de marzo de 2003 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Así mesmo, deléganse no director xeral de Mobilidade as competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións necesarias para desenvolver as subvencións convocadas en materias de competencia da dirección xeral.

Segundo.

Na aplicación das delegacións contidas nesta orde teranse en conta os criterios complementarios enunciados no punto décimo da Orde do 6 de marzo de 2003 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Terceiro.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA