O Boletín Oficial del Estado do 1 de maio de 2009 publica o Real decreto 791/2009, do 30 de abril, polo que se nomea presidente do ente público de Portos do Estado a Fernando González Laxe.
Con data do 4 de maio de 2009, o interesado deu conta ao Consello Consultivo de Galicia da dita circunstancia e solicitou a súa baixa temporal como conselleiro nato deste órgano.
O artigo 9 da Lei 9/1995, do 10 de novembro, de creación do Consello Consultivo de Galicia establece que a condición de conselleiro é incompatible, entre outros, con f) A de calquera cargo político ou administrativo do Estado, comunidades autónomas ou entidades locais.
O artigo 4.bis da Lei 9/1995, no seu número 3, dispón que o mandato dos membros natos do Consello Consultivo de Galicia poderá interromperse a consecuencia do seu nomeamento para un cargo público declarado incompatible.
Á vista de todo o anterior,
RESOLVO:
Primeiro.-Declara a incompatibilidade entre o posto de presidente do ente público de Portos do Estado e o de conselleiro nato do Consello Consultivo de Galicia, que ata o presente desempeñaba Fernando González Laxe.
Segundo.-Declarar interrompido o seu mandato como conselleiro nato do Consello Consultivo de Galicia, nos termos establecidos no artigo 4.bis.3 da Lei 9/1995, do 10 de novembro, desde a data do seu novo nomeamento.
Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificarase ao interesado.
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2009.
María Teresa Conde-Pumpido Tourón
Presidenta do Consello Consultivo de Galicia