DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 18 de maio de 2009 Páx. 8.918

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 12 de maio de 2009 pola que se convocan para o ano 2009 as axudas para facilitarlles o acceso á propiedade aos titulares de arrendamentos históricos e parzarías a que se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia.

A Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos, regula o réxime xurídico das parzarías e arrendamentos rústicos históricos de Galicia, entendendo por tales aqueles que se pactaron con anterioridade a agosto de 1942, sexa cal fose a súa procedencia xurídica inicial e que compoñen no seu conxunto unha institución histórica propia de Galicia. Esta lei establecía que as parzarías e os arrendamentos rústicos históricos que estivesen vixentes na data da súa entrada en vigor quedarían prorrogados ata o 31 de decembro de 2005.

A publicación da Lei 6/2005, do 7 de decembro, pola que se modifica a Lei 3/1993, do 16 de abril, introduce unha nova prórroga nos arrendamentos rústicos históricos e nas parzarías ata o 31 de decembro de 2010.

Ao abeiro desta lei aprobouse o Decreto 182/2006, do 26 de outubro (DOG nº 208, do 27 de outubro), polo que se establecen medidas para facilitar o acceso á propiedade a titulares de arrendamentos históricos e parzarías a que se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia, modificada pola Lei 6/2005, do 7 de decembro, fixando un réxime de axudas dirixido a aquelas persoas titulares de arrendamentos históricos ou parzarías que exerzan o seu dereito de acceso á propiedade.

As axudas cumpren cos requisitos exixidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coa Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como co establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 (2006/C 319/01).

Así mesmo, o Decreto 182/2006, do 26 de outubro (DOG nº 208, do 27 de outubro), establece, con carácter indefinido, as bases reguladoras das axudas para aquelas persoas titulares dos arrendamentos históricos e parzarías de predios rústicos que exerzan o seu dereito de acceso á propiedade.

Cómpre realizar a convocatoria correspondente a este ano 2009 e, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

É obxecto desta orde o establecemento da convocatoria para o ano 2009, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para facilitar o acceso á propiedade ás persoas titulares dos arrendamentos históricos e parzarías, de acordo coas bases reguladoras previstas no Decreto 182/2006, do 26 de outubro, polo que se establecen medidas para facilitar o acceso á propiedade a titulares de arrendamentos históricos e parzarías de predios rústicos a que se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia, modificada pola Lei 6/2005, do 7 de decembro.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acollerse a estas axudas deberanse cumprir os requisitos establecidos no Decreto 182/2006, do 26 de outubro.

2. As axudas teñen por finalidade facilitar o acceso á propiedade ás persoas titulares dos arrendamentos históricos e parzarías que, de conformidade co previsto na Lei 3/1993, do 16 de abril, exerzan o dereito de acceso á propiedade xudicialmente ou mediante acordo extraxudicial.

Artigo 3º.-Prazo e presentación das solicitudes.

1. Para a convocatoria de 2009 as solicitudes de axuda presentaranse no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. Os interesados presentarán a solicitude de axuda axustada ao modelo establecido no anexo I desta orde, xuntando toda a documentación relacionada no anexo III do Decreto 182/2006, do 26 de outubro.

3. De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación das solicitudes comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, acreditativas de estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previsto regulamentariamente.

Artigo 4º.-Xustificación e pagamento.

O pagamento da subvención realizarase dunha soa vez, logo da comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3 do Decreto 182/2006, do 26 de outubro, e tras a aceptación da axuda pola persoa beneficiaria, mediante a remisión, nun prazo máximo de dez días hábiles que comezarán a contar o día seguinte ao da notificación da resolución definitiva de concesión da axuda, do anexo II deste decreto debidamente cuberto.

Artigo 5º.-Financiamento.

Para a concesión das axudas desta convocatoria existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 por un total de douscentos corenta mil euros (240.000 €), na aplicación orzamentaria 11.02.551A.770.0, axudas para adquisición de terras procedentes de arrendamentos históricos.

A concesión das axudas quedará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas as cuestións non previstas nesta orde, será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Rural para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "09500D007P010.PDF"