DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 18 de maio de 2009 Páx. 8.915

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 301/2009, do 7 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada PO-181 (PO-841-O Souto de Vea-PO-841), desde o p.k. 0+000 ata o p.k. 0+930, a prol do Concello da Estrada.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a lei dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas, entregaránselles aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os dous organismos.

Ao abeiro das mencionadas previsións legais, o Concello da Estrada solicitou a transferencia da titularidade da estrada PO-181 (PO-841-O Souto de Vea -PO-841), cunha lonxitude de 930 m. A mencionada estrada, que vai do p.k. 0+000 ata o p.k. 0+930, ambos os dous incluídos, discorre integramente polo núcleo de poboación do Souto de Vea, no concello da Estrada, e ten beirarrúas e iluminación pública nalgúns treitos.

A Dirección Xeral de Obras Públicas, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, formula proposta favorable á transferencia da titularidade. Desta proposta déuselle traslado ao Concello da Estrada que, o 9 de febreiro de 2009, manifesta a súa aceptación.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, estima adecuado o cambio de titularidade da estrada mencionada xa que conta con treitos urbanos.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de maio de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade da estrada PO-181 (PO-841-O Souto de Vea-PO-841) de 930 m de lonxitude, a prol do Concello da Estrada que vai desde o p.k. 0+000 ata o p.k. 0+930, ambos os dous incluídos, e discorre integramente polo núcleo de poboación do Souto de Vea, no concello da Estrada.

Ver referencia pdf "09500D003P007.PDF"

Artigo 2º

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a estrada mencionada, a PO-181, incorporarase á relación de estradas de titularidade do Concello da Estrada.

Artigo 3º

A entrega da vía formalizarase, no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4º

Correspóndenlle ao Concello da Estrada, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de maio de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "09500D003P007.PDF"