DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 18 de maio de 2009 Páx. 8.914

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 300/2009, do 7 de maio, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de mellora da seguranza viaria na estrada AC-841, treito: O Castiñeiriño-Os Tilos, clave AC/06/152.06.

Con data do 27 de febreiro de 2009 o director xeral de Obras Públicas, por delegación da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes resolveu aprobar, ao abeiro do establecido no artigo 15 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, con carácter definitivo, o proxecto de mellora da seguranza viaria na estrada AC-841, treito: O Castiñeiriño-Os Tilos, clave AC/06/152.06.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución do proxecto de mellora da seguranza viaria na estrada AC-841, treito: O Castiñeiriño-Os Tilos, vén motivada pola elevada sinistralidade da vía que sofre unha serie de carencias en materia de seguridade viaria tales como a inexistencia de control de accesos a ela, unha grave deterioración do seu firme, a escasa sinalización así como a existencia de pasos de peóns non regulados e perigosos e, a todo iso úneselle unha moi alta densidade de poboación e tráfico.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos para preservar a seguridade tanto das persoas coma dos automobilistas, de aí a necesidade de proceder de forma inmediata a execución do proxecto de referencia e consecuentemente a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para esta actuación e que aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día sete de maio de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para os efectos de expropiación no proxecto de mellora da seguranza viaria na estrada AC-841, treito: O Castiñeiriño-Os Tilos, clave AC/06/152.06.

Santiago de Compostela, sete de maio de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas