DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 18 de maio de 2009 Páx. 8.914

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 299/2009, do 7 de maio, polo que se modifica o Decreto 88/2008, do 30 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

O Decreto 88/2008, do 30 de abril, aprobou a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

No seu artigo 6 regúlase a promoción interna para o persoal funcionario establecendo unha promoción interna separada para permitir que os/as funcionarios/as dos corpos de Administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando reúnan unha serie de requisitos.

Neste momento a Administración da comunidade autónoma, co fin de conseguir unha maior polivalencia nos postos de traballo, sendo sen dúbida unha necesidade demandada por toda a organización para facer efectivo o dereito a unha boa administración, considera necesario abrir a posibilidade de que os funcionarios/as que pertenzan ás escalas da Administración da Xunta de Galicia, poidan tamén beneficiarse da promoción interna a outros corpos distintos dos que están en activo, sempre e cando reúnan os requisitos de acceso por promoción interna, abrindo a posibilidade de que calquera funcionario/a poida acceder por promoción interna ao grupo inmediatamente superior.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa do Emprego Público, logo dos informes da Dirección Xeral de Orzamentos e da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 13.8º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de maio de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 88/2008, do 30 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Modifícanse os puntos 2 e 3 do artigo 6, que quedan redactados como segue:

«2. Realizarase unha promoción interna separada para permitir que os/as funcionarios/as poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo de pertenza, reúnan os requisitos e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.

De acordo co previsto no artigo 63.2º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, poderá participar nos procesos de promoción interna para o acceso ao corpo administrativo da Xunta de Galicia o persoal funcionario do corpo auxiliar da Xunta de Galicia que aínda que careza da titulación exixida para a pertenza ao grupo C1 acredite unha antigüidade mínima de 10 anos no grupo C2.

3. Aos aspirantes que superen este proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo sempre que estivese aberto ao corpo do grupo de titulación ao cal se acceda e figure na relación de postos de traballo aberto á Administración xeral.

No caso de que o aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estivese aberto ao corpo do grupo de titulación ao cal se acceda, reclasificarase ese posto e co nivel mínimo do grupo, a excepción dos postos ocupados por funcionarios/as que accedan por promoción interna ao grupo C2 e os postos abertos exclusivamente a escalas».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de maio de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda