DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 15 de maio de 2009 Páx. 8.856

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 288/2009, do 7 de maio, polo que se establece o procedemento para a regularización de superficies de viñedo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) nº 479/2008 do Consello, do 29 de abril, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola (OCM vitivinícola), supón unha modificación a fondo do marco comunitario que se aplica no sector do viño e mantén como un eixe fundamental, para restablecer o equilibrio deste mercado, un réxime moi restritivo na plantación de novas superficies de viñedo.

Neste novo marco da OCM vitivinícola, as normas de aplicación do potencial de produción vitícola recolléronse no Regulamento (CE) nº 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño, e desenvolvéronse, a nivel estatal, polo Real decreto 1244/2008, do 18 de xullo.

Entre os diferentes aspectos do potencial de produción vitícola prevese a posibilidade de regularización das superficies de viñedo que foron plantadas con anterioridade ao 1 de setembro de 1998 sen os correspondentes dereitos de replantación e, polo tanto, sen a preceptiva autorización. Nestes supostos, as producións obtidas non puideron ser comercializadas, tendo como única saída a súa destilación, baixo determinadas condicións.

Asemade, as ditas superficies irregulares de viñedo non estaban, ata o de agora, sometidas a ningunha obriga de arrinca, mentres que coa nova OCM do viño deberán se obrigadas as persoas produtoras afectadas a regularizar tal situación mediante o pagamento dunha compensación por hectárea de cultivo de vide para vinificación plantada sen dereitos ata a data anteriormente sinalada. En caso contrario, a partir do 1 de xaneiro de 2010 a persoa responsable da dita plantación deberá proceder á arrinca das cepas de vide afectadas.

Así mesmo, de ser o caso, o incumprimento dunha arrinca obrigatoria comportará o pagamento dunha multa e, en caso necesario, imporanse multas coercitivas ata que se produza a arrinca do viñedo en cuestión.

Non obstante, nesta situación tamén é necesario permitir que se autorice a existencia de pequenas superficies de viñedo para vinificación cuxo viño ou produtos vitivinícolas estean destinados exclusivamente ao autoconsumo, coa condición de que, co obxecto de evitar que se altere o equilibrio do mercado, estas sexan de menos de mil metros cadrados e o viticultor non se dedique á produción comercial de viño.

Neste sentido, este decreto, ademais de establecer o procedemento para regularizar as superficies de viñedo, determina a contía da compensación económica correspondente pola dita regularización. Tal compensación económica, conforme o establecido no artigo 12 do Real decreto 1244/2008, do 18 de xullo, será por hectárea de cultivo de vide, e equivalente, como mínimo, ao dobre do valor medio que ten un dereito de replantación de viñedo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Para o cálculo do valor medio dos dereitos de replantación tomouse como referencia o valor comercial das producións dos viñedos calculado a partir dos rendementos medios do viñedo en cada provincia.

En consecuencia, en virtude do establecido no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, relativo á competencia exclusiva que ten a comunidade autónoma en materia de agricultura e gandaría de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, e por proposta do conselleiro do Medio Rural, conforme o ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de maio de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto ten por obxecto establecer o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, da regularización obrigatoria das parcelas plantadas de vide antes do 1 de setembro de 1998, sen dispoñer do correspondente dereito de replantación, así como fixar a contía da correspondente compensación para poder acollerse a este procedemento de regularización.

2. As disposicións contidas neste decreto serán de aplicación unicamente aos viñedos destinados á produción de uva de vinificación.

Artigo 2º.-Persoas obrigadas á regularización de viñedos.

Todas as persoas viticultoras titulares de parcelas de viñedo plantadas antes do 1 de setembro de 1998 sen un dereito de replantación, cuxa produción só podía ser posta en circulación con destino a destilarías, teñen a obriga de regularizar a situación administrativa dos seus viñedos plantados de forma irregular, conforme o procedemento establecido no artigo 3º e seguintes.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes de regularización de viñedo.

1. A solicitude de regularización, que se axustará ao modelo do anexo I, presentarase nas oficinas agrarias comarcais, na oficina do Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, San Caetano, Santiago de Compostela, en calquera das súas dependencias provinciais, ou por calquera das das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xuntaráselle á solicitude a seguinte documentación:

a) Fotocopia do NIF/CIF da persoa solicitante.

b) Plano ou bosquexo acoutado do SIXPAC en que se aprecie con exactitude a superficie de viñedo que se vai regularizar, no caso de que esta sexa inferior á da parcela ou recinto SIXPAC.

3. O prazo de presentación das solicitudes de regularización remata o 30 de xuño de 2009.

Artigo 4º.-Resolución.

1. A resolución das solicitudes de regularización compételle á persoa titular da dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de agricultura por proposta da subdirección xeral competente. Requirirase informe previo do departamento territorial da provincia onde radique a plantación de viñedo obxecto da solicitude de regularización.

2. O prazo máximo para notificar a resolución expresa das solicitudes do procedemento de regularización de viñedo é de seis meses a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, de acordo co sinalado na Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, en todo caso, segundo o establecido no artigo 12 do Real decreto 1244/2008, do 18 de xullo, a data límite para a resolución destas solicitudes é o 31 de decembro de 2009.

3. Transcorrido o prazo sen que se ditase e notificase a resolución, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de acordo co Regulamento (CE) 479/2008, do 29 de abril.

4. A resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, ante a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura, ou de tres meses se esta se producise por silencio administrativo.

Artigo 5º.-Efectos da resolución.

1. Ás persoas produtoras que reciban unha resolución favorable de regularización indicaráselles nela a cantidade en euros que terán que pagar pola superficie de viñedo que se vai regularizar, segundo o establecido no artigo 11º deste decreto, así como a conta e entidade bancaria en que terán que facer efectivo o ingreso.

2. No suposto de que, no prazo dun mes logo da notificación de resolución favorable da regularización, non se procedese ao correspondente pagamento nos termos indicados, así como a súa posterior xustificación ante a dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de agricultura, será ditada a correspondente resolución de revogación. Neste caso, consideraranse os viñedos afectados como superficies non regularizadas e, en consecuencia, a partir dese momento, para garantir o cumprimento das obrigas comunitarias será de aplicación o recollido nos seguintes artigos deste decreto relativo a estas plantacións ilegais e aos seus controis.

Artigo 6º.-Superficies de viñedo non regularizadas.

1. Todas as superficies de viñedo que non fosen regularizadas antes do 1 de xaneiro de 2010 deberán ser arrincadas pola persoa responsable da plantación ilegal ou, no seu defecto, pola persoa propietaria da parcela, sen prexuízo do dereito desta a reclamarlle o custo de arrinca do viñedo á persoa responsable da plantación ilegal.

2. As plantacións e as persoas produtoras en cuestión, responsables delas, quedarán suxeitas aos controis e sancións oportunos, ata que se produza a arrinca obrigatoria do viñedo ilegal.

3. O Rexistro Vitícola de Galicia fará constar a situación ilegal destas plantacións.

Artigo 7º.-Réxime sancionador.

1. Ás persoas responsables das superficies de viñedo non regularizadas no prazo establecido e que non fosen arrincadas imporánselles as sancións correspondentes conforme a Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño:

a) Se o viñedo afectado se arrinca nun prazo inferior a dous meses contados desde a notificación da resolución revogatoria ou da denegatoria da regularización á persoa titular da explotación do viñedo, segundo o previsto no artigo 38.1º n) da Lei 24/2003, a infracción será considerada como leve.

b) Se non se executase a obriga de arrinca do viñedo afectado no prazo de dous meses contado desde a notificación da resolución revogatoria ou da denegatoria da regularización, segundo o previsto no artigo 39.1º m) da Lei 24/2003, a infracción será considerada como grave.

2. En calquera caso, de acordo co artigo 41.3º da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, nas infraccións relativas ás plantacións afectadas, de non ser a responsabilidade da persoa titular da explotación do viñedo, subsidiariamente será responsable a persoa propietaria da parcela en cuestión e poderalle reclamar o importe da multa con que puidese ser sancionada á responsable da plantación ilegal.

3. En caso necesario imporanse multas coercitivas, por primeira vez o 1 de xullo de 2010 e despois, cada 12 meses, ata que se produza a arrinca do viñedo afectado pola infracción.

4. Así mesmo, no caso de incumprimento da obriga da arrinca, poderase optar por executar subsidiariamente esta e os gastos serán sempre por conta da persoa obrigada, como establece o parágrafo segundo do artigo 43.3º da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.

Artigo 8º.-Destino dos produtos das parcelas obxecto da arrinca.

1. As parcelas de viñedo plantadas antes do 1 de setembro de 1998, sen un dereito de replantación cuxa produción só podía ser posta en circulación con destino a destilarías, continuarán sometidas a esta mesma obriga.

2. De ser o caso, ata que se efectúe a arrinca, as persoas responsables as que se refire este decreto remitirán, antes do final de cada campaña vitícola, as probas da destilación das súa producións, aos servizos técnicos do departamento territorial correspondente da consellería competente en materia de agricultura da provincia onde se atope a parcela de viñedo irregular; a documentación poderá ser presentada en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de decembro.

3. No caso de non presentar no prazo establecido a dita proba da destilación, á persoa responsable imporáselle unha sanción que se calculará en función do valor das producións, conforme a Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.

4. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, a dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de agricultura, antes do 31 de maio de cada ano e, en calquera caso para a seguinte vendima, poderá, por petición da persoa produtora formulada conforme o modelo do anexo II, autorizar individualmente que se permita a destrución da produción destas parcelas antes da maduración das uvas, ou que a dita produción se destine ao consumo familiar se o tamaño da superficie total obxecto de arrinca é inferior a 0,1 hectáreas. A resolución da dirección xeral ditarase no prazo de dous meses desde a súa presentación. Transcorrido ese prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender estimadas por silencio administrativo as súas solicitudes, de acordo ao disposto no artigo 43 da citada Lei 30/1992, logo de comprobación do ingreso da taxa correspondente.

5. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela mesma poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, ante a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 9º.-Controis administrativos.

A consellería competente en materia de agricultura establecerá os sistemas de control adecuados para evitar que se comercialicen as producións destas plantacións. As persoas produtoras que sexan autorizadas para destruír a produción, a que se fai referencia nos puntos anteriores, procederán, antes do 30 de xuño dese mesmo ano, á destrución da produción desas parcelas. A partir desa data e antes do 31 de xullo persoal técnico desta consellería realizará os controis sobre o terreo para verificar que a dita produción foi destruída.

Artigo 10º.-Consecuencias durante a tramitación do procedemento de regularización.

Durante a tramitación do procedemento de regularización, as uvas e os produtos elaborados a partir das producións de plantacións irregulares de viñedo só poderán poñerse en circulación con destino á destilación, que deberá ser realizada por empresas autorizadas, ao abeiro do disposto nos regulamentos (CE) 1234/2007, 479/2008 e 555/2008. Os produtos resultantes non se poderán utilizar para a elaboración dun alcohol cun grao alcohólico volumétrico adquirido igual ou inferior ao oitenta por cento (80%).

Artigo 11º.-Determinación da compensación por hectárea de cultivo.

A compensación por hectárea de cultivo que pagarán todas as persoas viticultoras que se acollan ao procedemento de regularización previsto neste decreto será do dobre do valor medio dos dereitos de replantación de viñedo e queda determinado en sete mil douscentos catorce euros por hectárea (7.214 €/ha.) para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura para, no ámbito das súas competencias, ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, sete de maio de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "09400D003P008.PDF"

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE FACENDA