DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 15 de maio de 2009 Páx. 8.854

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 14 de maio de 2009 pola que se acorda a suspensión cautelar previa á aprobación inicial do Plan de ordenación do litoral de Galicia.

A Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia establece no seu artigo 2 que o Plan sectorial de ordenación do litoral ao que fai referencia a disposición transitoria oitava da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, terá a natureza dun plan territorial integrado regulado na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Esta mesma lei establece a suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos na zona litoral segundo os supostos recollidos nos seus artigos 3 e 4. Conforme estes, o alcance da dita suspensión prorrogábase durante o prazo de dous anos contados desde a entrada en vigor da citada lei, ou ata a aprobación do Plan de ordenación do litoral ou do Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptado integramente á Lei 9/2002, do 30 de decembro, polo que estas medidas cautelares se alzan o día 17 de maio deste ano.

Con data do 24 de maio de 2007 o Consello da Xunta de Galicia acorda a iniciación da elaboración do Plan de ordenación do litoral de Galicia, dándose así cumprimento ás previsións da Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral. Desde esta data realizáronse unha serie de estudos e análises encamiñados ao recoñecemento do estado, os valores e as dinámicas do litoral galego, así como unha primeira identificación das súas presións e ameazas. Estes traballos, aínda que se encontran nunha fase importante de desenvolvemento, non constitúen aínda un documento de Plan de ordenación do litoral.

Non obstante, é importante destacar que dentro destes estudos preparatorios para a elaboración do Plan de ordenación do litoral se analizaron, entre outros, 1.242 ámbitos de solo clasificado como urbano non consolidado, urbanizable delimitado e urbanizable non delimitado ou rústico apto para urbanizar. Os estudos realizados poñen de manifesto que 106 destes solos se encontran en contacto directo coa ribeira do mar, 180 sobre ou en contacto coa zona de servidume de protección, 324 entre a servidume de protección e 200 metros, e 287 na franxa entre os 200 e 500 metros, o resto, 345, encóntrase en zonas máis alá dos 500 metros.

Estes datos indican que a intensificación dos usos no litoral, e especialmente a urbanización, é moi significativa. Do mesmo modo queda patente o feito de que as dinámicas de asentamento e as tipoloxías dos modos de crecemento, así como os desenvolvementos urbanísticos nas últimas décadas nos municipios obxecto do Plan de ordenación do litoral, están supoñendo unha forte transformación do modelo tradicional de asentamento da poboación en Galicia (sexa este compacto ou difuso) por outro modo de ocupación indiscriminada do territorio que tende a un constante crecemento urbano renunciando á rexeneración dos tecidos urbanos consolidados e orixinando, entre outras, fortes transformacións morfotipolóxicas. Este crecemento exerceu, e segue exercendo, a súa presión na costa sobre aquelas paisaxes máis apreciadas socialmente, que adoitan, a maioría das veces, responder aos lugares máis valiosos desde o punto de vista natural e cultural. Como consecuencia deste proceso estase a producir, sen

reflexión nin modelo territorial ningún, unha radical transformación do territorio e a paisaxe litoral, sinal de identidade de Galicia.

A degradación do litoral ten como principal actor o urbanismo sen límites, o cal ocasiona un grave problema de perda de valor dun territorio e unha paisaxe fortemente apreciados pola poboación que é ao mesmo tempo un recurso patrimonial, económico, ambiental e funcional. Este modelo de crecemento orixina unha serie de impactos e efectos perturbadores que afectan directamente o sistema litoral no seu conxunto (hidroloxía, dos hábitats e biodiversidade, perda de solo, contaminación, etc.), creando unha serie de disfuncións que poñen en perigo o propio funcionamento do sistema costeiro, a impermeabilización dos solos, a fragmentación dos hábitats, a perda de biodiversidade, a presión sobre a calidade e a cantidade dos recursos hídricos, a contaminación e produción de residuos son só algunhas das consecuencias destes procesos de intensa urbanización.

O crecemento urbano é necesario, pero debe responder a un modelo de desenvolvemento equilibrado e sustentable. A definición do modelo de ocupación do territorio corresponde aos instrumentos de ordenación do territorio e ao planeamento urbanístico, con todo, a pesar de finalizar xa o prazo para adaptar o planeamento urbanístico ao disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a gran maioría dos plans de ordenación actualmente en vigor nos municipios litorais non se adaptou á normativa urbanística e ambiental actualmente vixente, nin resultan compatibles coas mínimas exixencias de sustentabilidade económica, social e ambiental. É precisamente esta falta de adaptación do planeamento á lexislación vixente a que resulta especialmente grave na zona costeira dado o valor do litoral como recurso natural e ambiental non renovable.

Así, tal e como se indica no preámbulo da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, e como constataron os estudos realizados, a falta de adaptación da planeamento á lexislación vixente resulta especialmente grave no ámbito dos 500 metros desde a ribeira do mar.

Os estudos realizados aconsellan, como medida cautelar para garantir a eficiencia do Plan de ordenación do litoral, a paralización do desenvolvemento dos ámbitos clasificados como urbano non consolidado, urbanizable delimitado e urbanizable non delimitado ou categorías asimilables a estas como o solo rústico apto para urbanizar, entre outras. Non en balde o litoral conforma o ámbito de maior densidade e maior dinámica poboacional, pero a súa paisaxe constitúe tamén un dos valores máis apreciados como recurso turístico e económico de Galicia.

Co obxecto de evitar as consecuencias derivadas da consolidación de expectativas de urbanización xeradas pola aprobación de planeamento de desenvolvemento, así como a necesidade de que o ámbito material do Plan de ordenación do litoral non se vexa previamente condicionado, resulta necesario suspender o desenvolvemento dos devanditos ámbitos e o outorgamento de licenzas. Non obstante, restrínxese o ámbito material de aplicación das citadas medidas a aqueles solos cuxo desenvolvemento urbanístico puidese verse condicionado pola aprobación definitiva do Plan de ordenación do litoral.

En consecuencia, logo de valorar tanto os intereses públicos como os de carácter privado, así como o contraste entre os diversos intereses públicos concorrentes, considerouse imprescindible adoptar determinadas medidas cautelares. Concretamente, e atendendo ao diagnóstico realizado nas primeiras actuacións do plan en tramitación, considerouse necesario preservar calquera actividade de transformación da súa realidade física.

As medidas que aquí se adoptan atopan cobertura nas previsións do artigo 5.bis da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, que no seu primeiro punto establece: «Acordada polo Consello da Xunta a iniciación do procedemento de elaboración de calquera instrumento de ordenación do territorio, a persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, de forma motivada, poderá suspender preventivamente os procedementos de aprobación do planeamento urbanística, dos instrumentos de xestión ou execución do planeamento e de outorgamento de licenzas para ámbitos ou para usos determinados, coa finalidade de elaborar o instrumento de que se trate».

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos na zona litoral.

1. Suspéndese a tramitación e aprobación dos plans especiais de reforma interior, plans parciais, plans de sectorización e instrumentos de equidistribución que teñan por obxecto a transformación urbanística de terreos situados a unha distancia inferior a 500 metros, medidos en proxección horizontal terra dentro, desde o límite interior da ribeira do mar dos municipios que se relacionan no anexo da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

2. Esta suspensión será de aplicación nas seguintes clases de solo:

a) En todos os municipios costeiros, nos terreos clasificados como solo urbanizable, apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvolvemento urbanístico.

b) Nos municipios costeiros con poboación inferior a 50.000 habitantes, nos terreos clasificados como solo urbano non consolidado definido polo planeamento.

Artigo 2º.-Alcance da suspensión.

1. As medidas de suspensión a que se refire o artigo 1º desta orde serán de aplicación nos municipios con planeamento xeral non adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, durante o prazo dun ano contado desde a entrada en vigor desta orde, ou ata a aprobación inicial do Plan de ordenación do litoral ou a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptado integramente á Lei 9/2002, do 30 de decembro.

2. A suspensión abrangue todos os plans especiais de reforma interior, plans parciais e plans de sectorización que, no momento da entrada en vigor desta orde, non estean aprobados definitivamente.

Así mesmo, a suspensión comprende todos os instrumentos de equidistribución do planeamento urbanístico respecto dos cales, no momento da entrada en vigor desta orde, transcorrese o prazo establecido no instrumento de planeamento que conteña a ordenación detallada para a súa aprobación definitiva ou xa transcorresen tres anos contados desde a aprobación de devandito plan que se executa.

Artigo 3º.-Eficacia.

1. En atención a circunstancias relevantes de interese xeral poderase, de forma motivada, modular ou deixar sen efecto, total ou parcialmente, as medidas cautelares previstas nesta orde.

2. Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas