DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 14 de maio de 2009 Páx. 8.824

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2009 pola que amplía o prazo de resolución e notificación do segundo proceso selectivo de programas de desenvolvemento rural e de grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013.

Mediante Resolución do 9 de febreiro de 2009 (DOG nº 38, do 24 de febreiro) convocouse o segundo proceso selectivo de programas de desenvolvemento rural e de grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013, cofinanciado con Feader.

De acordo co previsto no texto da propia convocatoria e en consonancia coa regulación que deriva do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, aprobado por Decisión CE (2008) 703, do 5 de febreiro, o prazo para resolver e notificar a resolución do procedemento aos interesados é de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que rematou o prazo de presentación de solicitudes.

O artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común prevé a ampliación dos prazos establecidos, que non excederá da metade deles, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros.

A modificación da estrutura orgánica da Xunta de Galicia e a dos departamentos que a integran, así como o nomeamento dos seus titulares, afecta a composición da comisión de selección que se debe constituír para a avaliación dos proxectos, nos termos referidos na epígrafe X.II das bases reguladoras da referida convocatoria. Por outra banda, nos tres territorios que concorren a esta segunda convocatoria presentáronse dúas candidaturas, o que ralentizou o proceso de análise e avaliación dos programas de desenvolvemento rural.

Tendo en conta o anterior,

RESOLVO:

Ampliar o prazo de resolución e notificación do segundo proceso selectivo de programas de desenvolvemento rural e de grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión do programa Leader Galicia 2007-2013 ata o 16 de xuño de 2009.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2009.

(Por Resolución do 25 de marzo de 2009)

Fernando Veiga Fernández

Subdirector de Relacións cos Grupos

de Acción Local