DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 14 de maio de 2009 Páx. 8.820

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2009 pola que se fai público o acordo de inicio do procedemento de elaboración e aprobación do Plan de ordenación do litoral, de conformidade co disposto no artigo 2.3º da Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, en relación co artigo 15.1º da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

A Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, expresa no seu artigo 2 que o devandito plan sectorial de ordenación do litoral, denominado Plan de ordenación do litoral terá a natureza dun plan territorial integrado regulado na Lei 10/1995, co obxecto de establecer os criterios, principios e normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral baseada en criterios de perdurabilidade e sustentabilidade, así como a normativa necesaria para garantir a conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras. Establécese, tamén, que o procedemento de aprobación do citado plan se axustará ao disposto nos artigos 5 bis (introducido pala propia Lei 6/2007) e 15 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Segundo o disposto no artigo 15 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia acordar a iniciación do procedemento de elaboración dos plans territoriais integrados. Dispón, así mesmo, que o dito acordo deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia.

Así, en cumprimento do disposto no citado artigo 15 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, procédese a realizar a publicación do acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de maio de dous mil sete, que a seguir se transcribe:

«Primeiro.-Iniciar o procedemento de elaboración e aprobación do Plan de ordenación do litoral, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, en relación co artigo 15.1º da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

Segundo.-O ámbito territorial do Plan de ordenación do litoral abranguerá o territorio de todos os municipios costeiros relacionados no anexo da Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

Terceiro.-O obxectivo do Plan de ordenación do litoral será establecer os criterios, os principios e as normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral baseada en criterios de perdurabilidade e sustentabilidade, así como a normativa necesaria para garantir a conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras, de conformidade co disposto no artigo 2 da Lei 6/2007.

Cuarto.-Encomendar á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a elaboración do Plan de ordenación do litoral e o impulso e dirección do procedemento para a súa aprobación.

Os distintos organismos e entidades da Xunta de Galicia prestarán a súa colaboración e facilitarán a información necesaria para a elaboración e aprobación do Plan de ordenación do litoral».

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2009.

Manuel Borobio Sanchiz

Director xeral de Sustentabilidade e Paisaxe