DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 14 de maio de 2009 Páx. 8.810

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 5 de maio de 2009 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2009.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e a repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

A alínea b) do artigo 23 desta lei considera axentes da cooperación as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, que como entidades que levan a cabo actividades de solidariedade da sociedade galega cos pobos do Sur, son interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

O Plan anual 2007 refírese á creación dun instrumento para o financiamento de pequenas accións de cooperación. Cos microproxectos apoiase así o traballo das ONGD nos países en desenvolvemento a través de intervencións de menor envergadura que os proxectos, pero encamiñadas do mesmo xeito á mellora das condicións de vida das súas poboacións.

Procede, entón establecer as bases que regulen o réxime de concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma destinadas á cooperación ao desenvolvemento a través de microproxectos no exterior canalizados polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

Así mesmo, procede aprobar a convocatoria da concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 de acordo coas bases reguladoras que se aproban e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e atribúe competencias á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en materia de relacións exteriores.

En atención a estes principios e obxectivos, para procurar a normalización e simplificación dos procedementos, e conforme a competencia atribuída polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta resolución para a concesión de subvencións a microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2009 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta resolución, que se financiarán con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.41.331A.490.0 (pola contía máxima total de 65.000 euros) e 04.41.331A.790.0 (pola contía máxima total de 85.000 euros).

3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Estas bases teñen como obxecto a regulación da concesión de subvencións, a través dun procedemento de concorrencia competitiva, ás organizacións non gobernamentais de desenvolvemento para a execución de microproxectos no exterior.

2. Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a axuda humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Artigo 2º.-Presentación das solicitudes.

1. As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (rúa Feáns, 5 baixo, 15706 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 3º.-Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e requisitos dos proxectos.

1. Requisitos das entidades solicitantes.

a) Estar inscrita no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con polo menos seis meses de antelación ao da publicación desta convocatoria.

b) Ter xustificado, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, as axudas recibidas para a anualidade 2007, por parte da Xunta de Galicia a proxectos para actividades formativas e de sensibilización en materia de cooperación ao desenvolvemento e para a consolidación e o fortalecemento de ONGD subvencionados anteriormente. Así mesmo, é necesario que se tivese efectuado o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre os beneficiarios de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non ter recibido subvención nas convocatorias de axudas de 2006, 2007, 2008 e 2009 da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

d) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A entidade solicitante poderá presentar un máximo de dous microproxectos.

2. Requisitos dos microproxectos.

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 2 xaneiro de 2009 e estar finalizada antes do 1 de decembro de 2009.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso no proxecto.

c) Que as accións non teñan como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regulada, ou a investigación oficial, agás razóns excepcionais.

d) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias: que conte coa participación dos beneficiarios/as no desenvolvemento do proxecto; non sexa discriminatorio por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe; que fomente a igualdade entre homes e mulleres; e que sexa respectuoso coa protección do ambiente.

e) Que teña unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas da poboación das zonas máis desfavorecidas do país en que se execute, e que sexa respectuoso cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción, e das comunidades beneficiarias.

f) Que o proxecto se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte, co fin de asegurar a súa viabilidade.

Artigo 4º.-Documentación.

1. Solicitude de subvención no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web http://www.cooperaciongalega.org

2. A citada solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a continuación e do proxecto, que se presentase no modelo oficial de documento de formulación. No suposto de que a entidade presentara esta documentación ou parte a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Secretaría Xeral de Relacións Exteriores no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente en que se atopa incorporada, anexando a documentación que falte.

3. A documentación das carpetas 1 e 2 e o documento de formulación do proxecto, carpeta 3, serán presentados en orixinal e en soporte electrónico:

* Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante.

a) Certificación da secretaría da entidade en Galicia acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con indicación do número de inscrición no citado rexistro.

No caso de que calquera documento dos recollidos neste punto carecese de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación, farase indicación expresa sobre el e achegarase, debidamente compulsado o dito documento, co obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

Cando a persoa que formule a solicitude non sexa ningunha daquelas das cales se dispón de datos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación ao Desenvolvemento, achegarase xunto coa certificación anterior copia compulsada do seu documento nacional de identidade (DNI) e certificación do secretario da entidade, acreditativa da vinculación que a une coa entidade solicitante.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade facendo constar que a entidade solicitante non está incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo que figura como anexo II destas bases reguladoras.

c) Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría da Seguridade Social acreditativas de estar ao día das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Facenda de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa facenda autonómica. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

d) Declaración responsable do representante legal da entidade na cal se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

e) Declaración responsable do representante legal da entidade en que conste que a entidade solicitante non percibiu subvención ningunha con cargo ás convocatorias 2006, 2007, 2008 e, de ser o caso, 2009, da Xunta de Galicia para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

f) Certificación da secretaría da entidade en Galicia con referencia ao balance de contas da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade, e onde deberá figurar expresamente o número de socios/as en Galicia.

g) Memoria da organización na cal se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos.

* Carpeta 2: información relativa á contraparte local:

a) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento do representante legal e do seu documento ou cédula de identidade.

b) Declaración do representante legal da entidade en que se especifique, se procede, a personalidade xurídica do socio ou contraparte local e o seu domicilio social.

c) Copia dos estatutos e do número de identificación fiscal da entidade.

d) Memoria de actividades e traballos da entidade onde se inclúan outros proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos cales participase así como experiencia acadada na zona e no sector de actuación do proxecto.

* Carpeta 3: información relativa ao proxecto de desenvolvemento.

A información sobre o proxecto presentarase no documento de formulación normalizado para o efecto, que poderá descargarse da páxina web da cooperación galega, http://www.cooperaciongalega.org

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá dirixirse directamente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.es

A falta de documentación relativa ás carpetas 1, 2 e 3 impedirá a avaliación do proxecto, se non se procedese á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 5º desta resolución. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos que impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é, aquel previsto na alínea g) da carpeta 1 así como o documento de formulación do proxecto (carpeta 3).

A presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo I), así como a manipulación do documento de formulación normalizado ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado a esta convocatoria conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

Artigo 5º.-Instrución, prazo de resolución.

1. A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse os interesados para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou presenten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, consideraranse desistidas da súa petición, conforme coa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O prazo de resolución e notificación das axudas será de dous meses como máximo, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación das solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 6º.-Condicións de cofinanciamento.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto e non superará en ningún caso a subvención concedida os 25.000 euros.

Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia, reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 7º.-Gastos subvencionables, criterios prioritarios e valoración.

1. Subvencionaranse os seguintes gastos:

1.1. Serán gastos subvencionables os custos directos e os custos indirectos dos proxectos.

1.2. Entenderase por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos. Para os efectos de concesión da axuda teranse en conta os seguintes:

a) Aluguer, construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas (inclúe man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e transporte dos ditos materiais). No tocante á man de obra ligada a estas tarefas pola contraparte local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local.

b) Equipos, materiais e subministración. Considerarase equipamento a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada: maquinaria, mobiliario, equipamentos informáticos e outro equipamento. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío dos equipamento.

c) Persoal. Para os efectos desta convocatoria entenderase:

1. Persoal expatriado, aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española, que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela. O salario para este tipo de persoal non excederá de 30.000 euros brutos por persoa e ano.

2. Persoal local, aquel persoal da contraparte local ou contratado ao servizo do proxecto sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no cal presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato do país ou zona onde se execute o proxecto.

3. Persoal en sede, aquel da entidade española sometido á lexislación española, que presta os seus servizos en España, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse ao país de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención. En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais. Para o envío de expatriados achegarase unha memoria xustificativa da necesidade de envío do dito persoal e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.

Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao, ou as retribucións complementarias destinadas a afrontar os gastos de escolarización dos fillos no país de destino.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 30% do orzamento total do proxecto, excepto naqueles en que o seu contido sexa de carácter predominantemente inmaterial, nos cales poderá ascender ata o 50% da contía do orzamento total do proxecto.

d) Servizos técnicos e profesionais, requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión ou outras necesidades recollidas na formulación da intervención.

e) Funcionamento no terreo (electricidade, auga, aluguer de oficinas, comunicacións, mantemento e seguridade) ata un máximo do 1% do orzamento total do proxecto.

f) Viaxes, aloxamento e axudas de custo. Inclúense os gastos vinculados á mobilidade do persoal e beneficiarios necesaria para a execución da intervención (incluíndo combustible, seguros e mantemento de vehículos que se atopen especificamente identificados no documento de formulación do proxecto e vinculados a este). A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará o 5 % do orzamento total do proxecto.

7.1.3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte, que resultan da formulación e execución do proxecto. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto será de ata o 5% do importe total do orzamento do proxecto.

Estes gastos imputaranse á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales entes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Estes gastos serán acreditados ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea mediante unha declaración responsable do representante legal da entidade.

7.1. 4. No suposto de construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables estes deberán quedar formalmente vinculados durante dez anos, os bens inscritibles nun rexistro público, e cinco anos para o resto de bens, aos fins das actuacións realizadas. Unha vez rematen estas, deberán ser transferidos a unha Administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local, que se faga responsable da súa utilización para o fin creado e do seu correcto mantemento. Tal cesión deberá quedar documentada a través de escritura pública.

No suposto dos bens inscribibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura pública a circunstancia da afectación e o período polo que se afectan os bens, e estes extremos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente; a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores autorizará previamente tal cesión.

7.1.5. En ningún caso serán gastos subvencionables os elementos de transporte, os xuros debedores das contas bancarias, recargas e sancións administrativas e penais, os gastos de procedementos xudiciais, as amortizacións de bens inventariables e as compras de terreos ou inmobles.

7.2. Criterios de valoración:

1ª Prioridades xeográficas:

Países prioritarios: América Central (Honduras, O Salvador, Nicaragua e Guatemala); Caribe (República Dominicana, Haití e Cuba); América do Sur (Perú, Ecuador e Bolivia); África (Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal) e os campamentos saharauís. Dentro destes países, consideraranse prioritarias, á súa vez, aquelas zonas definidas como tales nos plans de actuación por país (PAP) que estean aprobados na data de publicación desta convocatoria.

Así mesmo, poderanse presentar proxectos que, enmarcados nas prioridades sectoriais establecidas no artigo 8 da Lei galega de cooperación para o desenvolvemento, se executen en Arxentina, Uruguai ou Venezuela.

2ª Prioridades sectoriais:

Consideraranse prioritarias aquelas actuacións coincidentes co proposto nos PAP dos países prioritarios que estean aprobados na data de publicación desta convocatoria e que estarán dispoñibles na páxina web oficial da cooperación galega.

Para aqueles países nos cales non se dispoña de PAP na data de publicación desta convocatoria, e de acordo co establecido no artigo 8 da Lei galega de cooperación para o desenvolvemento, teranse especialmente en conta os proxectos que se integren nas seguintes prioridades:

a) Cobertura de necesidades sociais básicas (saúde, educación básica, poboación e saúde reprodutiva, nutrición e seguridade alimentaria, traballos elementais de subministración de auga e saneamento, vivenda e outras infraestruturas básicas, programas integrados en materia de necesidades básicas).

b) Infraestrutura e promoción do tecido económico, en especial aqueles proxectos que promovan o comercio xusto (proxectos de economía social e cooperativas, dinamización do sector privado e programas de desenvolvemento, investimento no sector pesqueiro, investimento no sector agroindustrial, desenvolvemento forestal, comunicacións, enerxías).

c) Participación social, desenvolvemento institucional e bo goberno (defensa dos dereitos humanos, especialmente no referente ás accións positivas tendentes a mellorar a posición das mulleres na sociedade, promoción da participación social e empoderamento, desenvolvemento das institucións e estruturas democráticas, fortalecemento do estado de dereito e procesos descentralizados).

d) Investimento no ser humano (apoio á educación superior e á consolidación da cooperación interuniversitaria, apoio ao desenvolvemento intercultural e á preservación do patrimonio cultural, investigación, transferencia e intercambio de coñecemento e tecnoloxía).

e) A protección e mellora da calidade do ambiente, respectando a biodiversidade, a conservación e a utilización renovable e sustentable dos recursos naturais.

3ª Outras prioridades:

-Que se desenvolva nun país considerado como menos adiantado (PMA).

-Que complementen programas institucionais de desenvolvemento.

-Que teñan un maior grao de implicación dos beneficiarios/as e da contraparte local no proxecto, tanto na súa formulación como na súa execución. Serán prioritarios aqueles proxectos con maior número de beneficiarios/as, así como aqueles que atendan a infancia e a muller, as comunidades indíxenas, refuxiados e desprazados.

-Que a súa sostibilidade estea garantida unha vez finalizada a intervención.

7.3. Valoración dos microproxectos.

7.3.1. Os microproxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 15 puntos.

1. Experiencia en accións de cooperación para o desenvolvemento (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade onde se vai executar) suficientemente descrita nas carpetas 1 e 3, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 6 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión, de recursos humanos, técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto). Máximo: 9 puntos.

II. Aspectos relacionados co socio local: ata 15 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de cooperación ao desenvolvemento, na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no sector de actuación do proxecto descrita suficientemente na carpeta 2 e 3 para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 6 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola contraparte. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Máximo: 9 puntos.

III. Aspectos relacionados co contido do microproxecto: ata 60 puntos.

1. Pertinencia do proxecto con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural dos beneficiarios/as, zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación deste. Máximo: 10 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos, resultados e accións coa problemática presentada. Máximo: 10 puntos.

3. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 8 puntos.

4. Recursos humanos e técnicos suficientes para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 3 puntos.

5. Poboación beneficiaria: descrición precisa dos destinatarios/as, criterios de determinación, grao de participación nas distintas fases do proxecto. Máximo: 8 puntos.

6. Viabilidade técnica e sostibilidade do proxecto. Máximo: 8 puntos.

7. Impacto de xénero. Máximo: 6 puntos.

8. Impacto ambiental. Máximo: 3 puntos.

9. Seguimento previsto (interno e externo). Máximo: 4 puntos.

IV. Coincidencia do microproxecto coa estratexia da cooperación galega. Máximo: 10 puntos.

1. a) País prioritario para a cooperación galega. Máximo: 4 puntos.

b) Proxectos que, enmarcados nas prioridades sectoriais establecidas no artigo 8 da Lei galega de cooperación para o desenvolvemento, se executen en Arxentina, Uruguai ou Venezuela. Máximo 2 puntos.

2. País onde se desenvolva o proxecto que estea considerado como país menos adiantado (PMA). Máximo: 3 puntos.

3. Sector prioritario da cooperación galega e/ou coincidencias cos PAP galegos. Máximo: 3 puntos.

7.3.2 Para a valoración dos microproxectos constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A comisión estará composta polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Secretario/a: un funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, o cal asistirá ás sesións con vez pero sen voto.

A comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Estes informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por expertos independentes non vinculados a ningunha ONGD.

7.3.3. Para superar a fase de valoración dos proxectos será necesario acadar unha puntuación do 50% no conxunto das tres primeiras epígrafes.

Unha vez superada a fase de valoración, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles proxectos que sexa posible dentro da contía total asignada a esta convocatoria.

7.3.4. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no I Plan director da cooperación galega 2006-2009.

7.3.5. A vista da valoración realizada pola comisión avaliadora, o instrutor elevará proposta de resolución ao conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 8º.-Resolución.

Á vista da proposta de resolución, debidamente motivada, o conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá o procedente.

Artigo 9º.-Compatibilidade de subvencións.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o orzamento total do proxecto subvencionado.

Artigo 10º.-Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase a relación das concedidas con indicación de beneficiario/a, contía, país de execución do proxecto e finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da cooperación galega, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega,

Así mesmo, de conformidade co artigo 3.2º do Decreto 132/2006, de 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, publicarase a relación das concedidas con indicación de beneficiario/a, contía, país de execución do proxecto e finalidade no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención e compromiso de cofinanciamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará nun prazo máximo de 15 días naturais, declaración por escrito da aceptación da axuda en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Igualmente, a entidade beneficiaria deberá confirmar, de ser o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que será sometida a unha nova análise. De non presentar no dito prazo comunicación ningunha, entenderase que renuncia á subvención aprobada, procedéndose ao seu arquivo. No caso de readaptación do

proxecto o conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, superasen a fase de valoración de acordo co establecido no artigo 7º.3.3 destas bases reguladoras.

Artigo 12º.-Anticipos e pagamentos.

1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100%, sen que se exixa garantía. Será obrigatorio presentar un informe final.

2. Para o pagamento da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento anticipado da subvención concedida.

b) Declaración responsable complementaria e actualizada doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Compromiso específico de cesión dos bens mobles ou inmobles que resulten da execución do proxecto subvencionado aos beneficiarios/as ou socio local, se é o caso.

d) Certificación bancaria das contas da entidade beneficiaria e do socio local afectas á xestión do proxecto. Nestas contas asignadas ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao cofinanciamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición da Dirección Xeral Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

3. Coa solicitude de pagamento, os beneficiarios/as deberán acreditar, que se están ao día das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda. Conforme co establecido no artigo 20.3º desta mesma lei, as entidades beneficiarias autorizan o órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir as mencionadas institucións.

Artigo 13º.-Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

1. As subvencións deberán ser xustificadas coa documentación que se sinala no punto seguinte deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme co establecido no artigo 28.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Co fin de acreditar a realización total das actividades así como a finalidade para a que se concedeu a subvención, e tal e como se establece no artigo 12º desta resolución, a entidade beneficiaria deberá presentar un informe final que constará de dúas partes:

1ª parte: xustificación económica: comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida. Farase mediante a presentación de:

-Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuído por partidas orzamentarias e no cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado polo representante en Galicia da entidade beneficiaria.

-Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura e do documento xustificativo, identificación do seu emisor e descrición do gasto co seu importe en moeda local ou o seu contravalor en euros.

2ª parte: xustificación técnica, que incluirá:

-Certificación do representante en Galicia da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

-Memoria de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinada polo responsable da xestión técnico- económica do proxecto en Galicia. No informe final do proxecto recolleranse como mínimo: contexto do proxecto que inclúa as transformacións producidas coa súa execución, avance do proxecto (entendendo como tal o grao de cumprimento das accións e resultados esperados establecidos na formulación inicial, e xa que logo, dos obxectivos xeral e específicos), grao de cumprimento das hipóteses e riscos, análise da garantía de sustentabilidade do proxecto e, ao cabo, conclusións e recomendacións e o plan de traballo proposto para todo o período que siga á execución.

Para a presentación da memoria final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia que se poderá descargar da páxina web http://www.cooperaciongalega.org

4. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de cinco anos, a excepción dos casos suficientemente xustificados e autorizados pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, en que se demostre a imposibilidade legal de extraer as facturas do país onde se desenvolveu o proxecto. Nestes supostos, os comprobantes tamén terán que estar á disposición das actuacións de control da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos controis establecidos pola normativa vixente.

Artigo 14º.-Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos.

1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a que se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, se é o caso, da readaptación de terse esta efectuado.

2. As entidades beneficiarias deberán informar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión e, de ser o caso, ao reintegro total ou parcial.

3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Así mesmo, obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e a cooperación galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención.

Cando a entidade beneficiaria exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da cooperación galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da cooperación galega http://www.cooperaciongalega.org

5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación dos proxectos rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e a propia Unión Europea.

6. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

7. As entidades beneficiarias, en relación co seu persoal expatriado cooperante, están obrigadas a cumprir co establecido no Real decreto 519/2006, do 28 de abril, polo que se establece o estatuto do cooperante.

Artigo 15º.-Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que no prazo máximo dun mes resolverá e notificará a autorización ou denegación da modificación.

Artigo 16º.-Reintegro por incumprimentos.

Os beneficiarios/as que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da súa totalidade en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional en caso dunha parcial falta de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan.

Así mesmo, os beneficiarios/as deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de subvencións.

Artigo 17º.-Información aos órganos fiscalizadores.

Os beneficiarios/as estarán obrigados/as a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 18º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 19º.-Remisión normativa.

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Ver referencia pdf "09300D001P006.PDF"