DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 13 de maio de 2009 Páx. 8.753

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 8 de maio de 2009 de delegación de competencias no secretario xeral, nos directores xerais, nos xefes territoriais da Consellería do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

A actividade administrativa da Consellería do Mar leva consigo unha concentración de funcións no seu titular, cuxo volume aconsella, en prol dunha maior axilidade da actuación, que beneficie a Administración como os administrados, naqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal da conselleira, recorrer á delegación de competencias, co debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa, que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

Esta orde trata de cubrir, de xeito provisional, a antedita situación habilitando o secretario xeral, directores xerais e os xefes territoriais para a súa actuación por delegación, na liña que viña sendo habitual ata o momento, polo que a regulación nela establecida queda pendente de se completar, unha vez sexa publicado o decreto de estrutura orgánica da consellería.

Resulta tamén urxente delimitar o ámbito das delegacións competenciais en materia de portos posibilitando ao presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia a actuación por delegación da conselleira do Mar naqueles asuntos de tramitación ordinaria que xa viña asumindo por delegación do titular da Consellería da que dependía ata agora, a antiga Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da lei 1/1983, de 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e do disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Delegacións no secretario xeral e nos directores xerais.

Atribúense ao secretario xeral e aos directores xerais as competencias atribuídas ao secretario xeral e aos directores xerais na Orde do 12 de agosto de 2005 sobre delegación de competencias no secretario xeral e nos directores xerais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 2º.-Delegacións nos xefes territoriais.

Atribúense aos xefes territoriais as competencias atribuídas aos antigos delegados territoriais na Orde do 2 de decembro de 2005, sobre delegación de competencias nos delegados territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e na Orde do 27 de decembro de 2005, pola que se delegan competencias en materia de acuicultura no director xeral de Recursos Mariños e nos delegados territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 3º.-Delegacións no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

Deléganse no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia:

a) O exercicio da facultade de aprobar os plans de utilización dos espazos portuarios dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A competencia atribuída á conselleira para a imposición das sancións en materia de portos nos casos de infraccións graves previstas no artigo 39.1º c) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia, ditado en aplicación e desenvolvemento da Lei 5/1994, do 29 de novembro.

c) Outorgar as concesions e autorizacións por ocupación de dominio público adscrito á Comunidade Autónoma dentro do recinto portuario e aplicar os correspondentes canons, sen prexuízo do disposto no artigo 3.3 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Artigo 4º.-Réxime xurídico das delegacións.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

2. En calquera momento a conselleira poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 42.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, as atribucións contidas nesta orde quedarán delegadas durante o tempo que persistan as devanditas causas:

As do secretario xeral nos directores xerais e pola orde de prelación que vén establecido polo Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

As dos directores xerais, nos subdirectores xerais que deles dependan, sendo prevalente o máis antigo no cargo, e no suposto de igualdade, o de máis idade.

As dos xefes territoriais na persoa que designe a conselleira da que dependen.

As do presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia rexeranse polo disposto na normativa do citado ente público.

Disposición transitoria

Ata o momento no que se regule por decreto a nova estrutura orgánica desta consellería, as novas direccións xerais asumirán as competencias que viñan exercendo as antigas, tanto por atribución propia como por delegación, de acordo co que se sinala a continuación:

-A Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica asumirá as competencias da antiga Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca.

-A Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños asumirá as competencias da antiga Dirección Xeral de Recursos Mariños.

-A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro asumirá as competencias da antiga Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Disposisción derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 12 de agosto de 2005 sobre delegación de competencias no secretario xeral e nos directores xerais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a Orde do 2 de decembro de 2005 sobre delegación de competencias nos delegados territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2009.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar