DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 12 de maio de 2009 Páx. 8.631

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2009 pola que se convoca un curso sobre medición de ruídos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2009, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Deputación Provincial de Pontevedra, anúnciase a convocatoria dun curso sobre medición de ruídos, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: medición de ruídos.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

-Coñecer a normativa de aplicación á problemática dos ruídos na sociedade actual.

-Saber cal é a diversa casuística que pode presentarse no traballo da policía local e como se pode dar resposta axeitada a cada situación.

-Manexar os sistemas, aparellos e software de aplicación á medición e control dos niveis de ruído tanto en lugares pechados como nas vías públicas.

Contido:

-Actualización na normativa legal.

-Supostos prácticos.

-Coñecemento técnico e manexo práctico dos sonómetros.

-Elaboración e confección de informes.

-Coñecemento práctico de aplicacións específicas para a solución desta problemática.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal dos corpos de policía local da provincia de Pontevedra.

Prazas ofertadas: 20 prazas.

Publicación: esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Pontevedra.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 29 de maio.

O persoal que desexe participar nesta actividade deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Pontevedra- Área de Recursos Humanos e Formación (fax 986 80 41 41): avenida Montero Ríos, s/n, 36001 Pontevedra; ou poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: o día 2 de xuño de 2009, tanto a Deputación Provincial de Pontevedra (Área de Recursos Humanos e Formación, teléfono 986 80 41 00, extensión 306/307) como a Academia Galega de Seguridade Pública (no sitio web http://agasp.xunta.es) publicarán a lista das solicitudes de participación que resultasen seleccionadas.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resultaren seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia cando menos 48 horas antes do comezo desta. A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Pazo da Cultura. Pontevedra.

Horario: das 16.00 ás 21.00 horas.

Data de comezo: 8 de xuño.

Data de remate: 11 de xuño.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,300 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Pontevedra poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 5 de maio de 2009.

P.A. (Decreto 23/1993, do 11 de febreiro)

Montserrat Bolívar Chinchilla

Secretaria xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública

Ver referencia pdf "09100D008P020.PDF"