DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 12 de maio de 2009 Páx. 8.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 8 de maio de 2009 pola que se atribúen competencias aos xefes territoriais da Consellería de Sanidade creados no Decreto 245/2009, do 30 abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia veu supor, de acordo cos principios de eficacia, austeridade e economía, unha redución da estrutura administrativa ata agora existente.

Manifestación desta redución é o feito de que na Administración periférica da Comunidade Autónoma de Galicia desaparecen as delegacións provinciais e territoriais existentes, resultando substituídas pola nova figura das delegacións territoriais.

Mediante o artigo 1º do Decreto 245/2009, do 30 abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, créanse as delegacións territoriais da Xunta de Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, nas cales se integran todos os órganos, unidades e servizos da Administración periférica autonómica sitos no seu respectivo ámbito territorial, na forma establecida neste decreto.

Segundo o artigo 3º deste decreto, a delegación territorial estrutúrase nos seguintes órganos: a Secretaría Territorial, os departamentos territoriais e a Comisión Territorial de Coordinación.

O artigo 11º dispón que os departamentos territoriais son os órganos de exercicio das competencias administrativas de cada unha das consellerías, co alcance que lles sexa atribuído na estrutura orgánica da consellería e demais normativa aplicable ou que lle sexa delegado, e estarán integrados por aqueles servizos ou áreas que sexan necesarios para unha maior eficacia da xestión administrativa; á fronte dos departamentos territoriais estarán os xefes territoriais.

Á vista do anterior, debe terse en conta o previsto na disposición transitoria primeira do Decreto 245/2009, do 30 de abril, que dispón que as funcións e competencias atribuídas na actualidade ás extinguidas delegacións provinciais e territoriais das distintas consellerías, e que non estean contempladas no disposto no artigo 7 deste decreto, se entenderán atribuídas aos xefes territoriais competentes por razón da materia en tanto non se aprobe a normativa que desenvolve a estrutura orgánica da consellería.

Na súa virtude, de acordo coas facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-As funcións e competencias atribuídas por delegación aos extintos delegados provinciais da Consellería de Sanidade entenderanse atribuídas aos xefes territoriais desta consellería en tanto non se aprobe a normativa que desenvolva a estrutura periférica da consellería e sexa ditada a nova orde de delegación de competencias.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2009.

Mª Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade