DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 12 de maio de 2009 Páx. 8.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de abril de 2009 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo correspondentes aos estudos de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional, módulos profesionais experimentais, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas de cualificación profesional inicial.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio (BOE do 4 de maio), de educación, establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, obxectivos, contidos, títulos e validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español. Concretamente, no artigo 42 determina que o currículo das ensinanzas de formación profesional incluirá unha fase de formación práctica nos centros de traballo.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no seu artigo 9, que a formación profesional comprende o conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diversas profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores, así como as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.

O Decreto 585/2005, do 29 de decembro, en harmonía co disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece que lle corresponden a esta consellería as competencias e funcións en materias de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, dispón no seu artigo 11 que o currículo dos ciclos formativos incluirá un módulo de formación en centros de traballo que non terá carácter laboral.

Polo exposto e considerando que a formación práctica en centros de traballo ten un gran valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado ao mundo sociolaboral en que se vai desenvolver a súa futura vida profesional, cómpre incluír este programa como unha das accións que hai que promover cara ao cumprimento dos acordos sobre medidas para o crecemento do emprego en Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria.

Convocar axudas económicas para a realización da formación práctica en centros de traballo en réxime de concorrencia non competitiva destinadas ao alumnado matriculado no derradeiro curso de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional, módulos profesionais experimentais, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas de cualificación profesional inicial.

Artigo 2º.-Requisitos.

1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que estea cursando o último curso:

-Dun ciclo formativo de grao medio ou superior de formación profesional.

-Dun ciclo formativo de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño.

-Dun módulo profesional experimental de nivel II.

-Dun nivel de ensinanzas deportivas.

-Dun programa de cualificación profesional inicial.

2. O alumnado que concorra a esta orde de axudas deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2009.

3. Non poderá ter a condición de beneficiario das axudas previstas nesta orde o alumnado que incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. O alumnado que reúna os requisitos para participar nesta convocatoria presentará a seguinte documentación:

-Solicitude normalizada segundo o anexo I desta orde.

-Certificación expedida pola entidade bancaria, na cal consten os datos da entidade e o código da conta en que o beneficiario desexa que se lle faga efectivo o pagamento. Nesta conta o beneficiario debe figurar necesariamente entre os titulares.

-Copia do DNI.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 4º.-Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:

1. Primeiro prazo, 31 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realizou a FCT nos períodos outubro 2008-marzo 2009 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2009. Todo o alumnado deste prazo deberá rematar o período da FCT antes do 31 de agosto de 2009. Tamén se acollerá a este prazo o alumnado matriculado nos programas cualificación profesional inicial.

Non se acollerá a este prazo o alumnado ao cal lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2009 e que anticipase o período de FCT.

2. Segundo prazo, o prazo de presentación de solicitudes abranguerá do 14 de outubro ao 14 de novembro de 2009, para o alumnado ao cal lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2009. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2009, agás o alumnado que teña horario flexible con autorización da dirección xeral.

As solicitudes, xunto co resto da documentación requirida, poderase presentar no centro onde o alumnado estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo.

Artigo 5º.-Orzamento.

1. O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ao concepto orzamentario 09.03.422M.480.2 dentro do exercicio orzamentario do ano 2009, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ata un importe máximo de 2.450.000 euros (dous millóns catrocentos cincuenta mil euros). Esta contía poderá incrementarse na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2009, de acordo co establecido no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se a contía total da suma das solicitudes superase o crédito de que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para axustar os importes solicitados por cada solicitante, de xeito que a suma total dos importes de todos os solicitantes de Galicia non supere a contía do crédito dispoñible.

Reservarase un 60% das axudas para o primeiro prazo, un 40% para o segundo, e o orzamento excedente da cada período será acumulable para o seguinte.

Artigo 6º.-Contía da axuda e número de xornadas.

1. Contía da axuda.

O cálculo da contía para cada alumno estará en función do número de xornadas formativas que lle corresponda realizar multiplicado polo importe de 5 euros por xornada.

2. Número de xornadas.

O número mínimo de xornadas que se deben realizar para percibir esta axuda será do 80% das correspondentes a cada ensinanza.

O límite máximo de xornadas obterase de dividir entre oito o número de horas do módulo de FCT que lle corresponda realizar.

Para o alumnado que realice a FCT en xornada de horario flexible, segundo o artigo décimo cuarto, alínea f) da Orde do 28 de febreiro de 2007, o máximo de xornadas será o correspondente ás da ensinanza que se curse e só será posible acollerse á orde de axudas que regule o período final das súas prácticas, se estas se prolongan ao longo de máis dunha convocatoria de axudas.

O alumnado que participe en estadías en empresas de ámbito transnacional e se acolla ás axudas da orde de convocatoria correspondente e realice parcialmente a FCT fóra do territorio español só terá dereito á axuda polas xornadas que realice no territorio español.

Artigo 7º.-Documentación para tramitar polos centros.

1. Os centros educativos utilizarán para a xestión destas axudas as aplicacións informáticas que determine e subministre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e, ademais, proporcionarán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa todos aqueles documentos ou datos previstos nesta orde, nas distintas normas reguladoras do desenvolvemento da FCT ou nas instrucións remitidas aos centros.

2. A dirección do centro cargará os datos e tramitará todos os documentos a través da páxina web http://www.edu.xunta.es/fct, da que se obterá unha listaxe provisional de todo o alumnado que solicitase axuda no seu centro. Esta listaxe provisional de solicitantes, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno, asinada polo director e o secretario, deberá ser publicada no taboleiro de anuncios do centro o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. O centro abrirá un prazo de dez días naturais, contados a partir da publicación da listaxe provisional, para a presentación de reclamacións por parte dos solicitantes.

4. Rematado o prazo de reclamacións, a dirección do centro resolveraas e elaborará unha listaxe definitiva de solicitantes, asinadas polo director e o secretario, que fará pública no taboleiro de anuncios do centro.

5. O centro, a través do coordinador de FCT, unha vez finalizada a formación en centros de traballo indicará na aplicación informática o alumnado que ten dereito á axuda.

6. Posteriormente, o director e o secretario certificarán a relación do alumnado que realizou as prácticas, cos importes que lle corresponda a cada un e o total. A dita certificación será enviada á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa no prazo indicado nas instrucións que enviará aos centros a dirección xeral segundo se indica no artigo 8º, número 2).

Artigo 8º.-Envío de documentación.

1. A dirección do centro enviará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a seguinte documentación en papel:

a) Solicitudes orixinais (anexo I).

b) Certificacións bancarias previstas no artigo 3º desta orde.

c) Copia do DNI de cada alumno solicitante.

d) Declaracións xuradas complementarias, se é o caso, segundo dispón o artigo 11º desta orde.

e) Certificación de realización das prácticas.

2. O prazo de envío da documentación será o indicado nas instrucións correspondentes a cada período de presentación de solicitudes. Para tal efecto a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa enviará aos centros educativos e publicará na páxina web www.edu.xunta.es/fct as devanditas instrucións.

Artigo 9º.-Adxudicación das axudas.

Á vista das certificacións dos centros e do crédito dispoñible, a dirección xeral elaborará a correspondente proposta de adxudicación das axudas e enviaralla á persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda, e nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 10º.-Comunicación e publicación das axudas.

1. Mediante orde da persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicarase o anuncio da exposición das listaxes definitivas dos beneficiarios, coa indicación da contía que lle corresponde a cada alumno, no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Os interesados poderán entender desestimadas as solicitudes de non se ditar resolución expresa no prazo de seis meses contados a partir do último día de presentación de solicitudes.

Artigo 11º.-Pagamento das axudas.

1. As axudas faranse efectivas nun só pagamento directamente ao solicitante, a través da conta bancaria aberta a nome do beneficiario.

2. O beneficiario presentará no centro, no momento da finalización da FCT, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

3. O beneficiario está obrigado a comunicarlle á entidade concedente ou, se é o caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 12º.-Compatibilidade das axudas.

Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada.

Artigo 13º.-Perda das axudas.

1. A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades ás que houber lugar, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. O beneficiario está obrigado ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O beneficiario está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control que lles correspondan.

Artigo 15º.-Adaptación.

Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño , de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Facúltase o titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Réxime de recursos.

Contra esta orde poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da consellería, no prazo dun mes desde o día da súa publicación ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "09100D003P011.PDF"