DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 11 de maio de 2009 Páx. 8.559

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 8 de maio de 2009 pola que se determina a adscrición dos órganos dependentes dos centros directivos suprimidos como consecuencia da entrada en vigor dos decretos 82 e 83/2009, do 21 de abril, polos que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, respectivamente.

Mediante o Decreto 79/2009, do 19 de abril, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na súa virtude foron aprobados o Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Como consecuencia da nova estrutura determinada polos anteriores decretos, e de conformidade co establecido nas respectivas disposicións transitorias, cómpre determinar a adscrición dos órganos dependentes das secretarías e direccións xerais suprimidas aos novos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia ou da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mentres non se regule por decreto a súa nova estrutura orgánica.

Así, en uso das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Mentres non se regule por decreto a estrutura orgánica dos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, adscríbense á nova Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica os órganos e unidades que a seguir se relacionan:

-A Subdirección Xeral de Infraestruturas Informáticas e de Telecomunicacións, a Subdirección Xeral de Servizos Informáticos e de Telecomunicacións, así como o Servizo de Xestión Económica e Contratación e o Servizo de Administración Electrónica, pertencentes á extinta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación de Políticas Públicas.

-A Subdirección Xeral de Medios e Novas Tecnoloxías da Administración de Xustiza, que estaba adscrita á Dirección Xeral de Xustiza.

Artigo 2º

Mentres non se regule por decreto a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, adscríbense os órganos e unidades que a seguir se relacionan aos novos centros directivos que se indican:

-A Subdirección Xeral de Análise e Desenvolvemento Institucional, da extinta Secretaría Xeral de Relacións Institucionais, á Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

-Os órganos e unidades correspondentes á extinta Secretaría Xeral de Relacións Exteriores á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Artigo 3º

A Comisión de Informática da Xunta de Galicia, regulada polo Decreto 290/1992, do 8 de outubro queda adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza