DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Mércores, 06 de maio de 2009 Páx. 8.355

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 4 de maio de 2009 sobre adscrición dos órganos suprimidos e atribución de competencias nos órganos superiores da Consellería de Traballo e Benestar.

Mediante o Decreto 79/2009, do 19 de abril, establécese a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e intégrase nela a Consellería de Traballo e Benestar.

Mediante o Decreto 83/2009, do 21 de abril, fíxase a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Os cambios na estrutura da Xunta de Galicia obrigan a adoptar as medidas inmediatas que aseguren o correcto funcionamento dos servizos e dos asuntos encomendados á Consellería de Traballo e Benestar mentres non se aprobe o decreto que estableza a nova estrutura orgánica desta consellería.

A actividade administrativa da Consellería de Traballo e Benestar leva consigo unha concentración de funcións ao redor da súa titular que aconsella neste momento, dado o volume, acudir á delegación de competencias na Secretaría Xeral, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Así mesmo, producidos os cesamentos das persoas titulares da Dirección Xeral de Formación e Colocación e da Dirección do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, cómpre adoptar as medidas inmediatas para que, sen prexuízo dos posteriores nomeamentos dos/as novos/as titulares, se asegure o correcto funcionamento dos servizos e asuntos encomendados aos devanditos centros directivos.

Por todo iso, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e tendo en conta o establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, así como no artigo 13 e 17 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura desta consellería, as competencias correspondentes á Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, á Secretaría Xeral, Secretaría Xeral do Benestar e Dirección Xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, suprimidas polo Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, adscribíndose a ésta as subdireccións xerais e todos os servizos, unidades e o persoal delas dependentes.

As estruturas e funcións correspondentes á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade manteranse, mentres non se estableza a nova estrutura de consellería, na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2. De conformidade co disposto no número anterior, atribúese á Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar o exercicio das competencias atribuídas á Secretaría Xeral recollidas na Orde do 7 de setembro de 2006, sobre delegación de competencias nos órganos centrais e periféricos da Consellería de Traballo e atribúese aos directores xerais de Promoción do Emprego, Relacións Laborais e Formación e Colocación así como ao presidente do Consello Galego de Relacións Laborais o exercicio das competencias establecidas na citada orde.

Así mesmo, atribúese á Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar o exercicio das competencias recollidas na Orde do 16 de novembro de 2007, sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, referidas á Secretaría Xeral e á Secretaría Xeral do Benestar.

Artigo 2º

Encoméndase á Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, ata que se produzan os nomeamentos das persoas titulares da Dirección Xeral de Formación e Colocación e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, o desenvolvemento das accións e o exercicio das competencias atribuídas ao director xeral de Formación e Colocación e as encomendadas ao director do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral polo Decreto 130/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA