DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Martes, 05 de maio de 2009 Páx. 8.291

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 30 de abril de 2009 pola que se determina a adscrición dos órganos suprimidos como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e nela intégrase a Consellería do Medio Rural.

Mediante o Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixouse a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e, no seu artigo 9º, estruturouse a Consellería do Medio Rural en seis órganos superiores e tres organismos públicos.

De conformidade coa disposición transitoria primeira do Decreto 83/2009, do 21 de abril, cómpre determinar a adscrición dos órganos dependentes das direccións xerais suprimidas aos novos centros directivos mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural no nivel de dirección xeral.

Pola súa banda, a disposición transitoria segunda do Decreto 83/2009, do 21 de abril, estableceu que os órganos dependentes dos centros directivos que non fosen obxecto de supresión manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto, disposición esta aplicable á Secretaría Xeral, á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e ao Fondo Galego de Garantía Agraria, sen prexuízo das adscricións previstas nesta orde.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Ata que se regule por decreto a nova estrutura orgánica desta consellería as competencias correspondentes ás direccións xerais que foron suprimidas e que a seguir se relacionan, serán asumidas temporalmente polos seguintes centros directivos:

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural asumirá as competencias correspondentes á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias agás a Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias.

2. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural asumirá as competencias correspondentes á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, agás as correspondentes á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria e, así mesmo, asumirá as competencias correspondentes ao Servizo de Axudas Estruturais da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

3. A Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural asumirá as competencias correspondentes á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal e adscribiránselle as subdireccións xerais e todos os servizos e unidades dependentes da devandita dirección xeral suprimida, e as competencias correspondentes á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

4. A Dirección Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural asumirá as competencias correspondentes á Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

5. O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) asumirá as competencias correspondentes ao Servizo de Medidas Complementarias da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Artigo 2º

Os órganos dependentes da Secretaría Xeral, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e do Fondo Galego de Garantía Agraria manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento do decreto de estrutura da consellería.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural