DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 04 de maio de 2009 Páx. 8.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2009 sobre delegación de competencias no vicepresidente e no director do Fondo Galego de Garantía Agraria.

A Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria, coa denominación actual establecida pola disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, fai unha distribución competencial entre os distintos órganos de dirección, colexiados e unipersoais: o Consello de Dirección, o presidente, o vicepresidente e o director. Pola súa banda, o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve a Lei de creación especifica, máis polo miúdo, a repartición competencial entre aqueles órganos.

Polo que atinxe ao presidente, este configúrase como o máximo órgano unipersoal executivo, dado que lle corresponden, entre outras funcións, a representación do organismo en toda clase de negocios e actos xurídicos, exercendo no seu nome accións e recursos.

Por outra banda, as facultades de xestión ordinarias, así como a xestión administrativa e do persoal, atribúenselle ao director, de acordo co disposto no artigo 8 da devandita lei.

Posto que o presidente do Fogga é, por razón do seu cargo, o conselleiro do Medio Rural, a concentración de funcións no titular da consellería incrementadas recentemente conforme o Decreto 83/2009, do 21 de abril, aconsella que certas facultades que ao presidente do organismo lle atribúe a Lei 7/1994, así como o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, sexan obxecto de delegación. Por iso se atribúe o exercicio destas ao seu director para, deste xeito, axilizar a tramitación e resolución dos expedientes, o cal, sen esquecer o debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa e sen menoscabo das garantías xurídicas establecidas, redundará en beneficio tanto da Administración como dos propios administrados. No entanto, en virtude do disposto no artigo 13.2º c) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non se pode delegar no director do Fogga a resolución dos recursos administrativos de

alzada que se presenten contra resolucións ditadas por este, polo que a dita competencia queda encomendada por esta orde ao vicepresidente do Fogga.

Na normativa orgánica do organismo a facultade do presidente para delegar as funcións que ten atribuídas no vicepresidente e no director do organismo recóllense tanto nos artigos 7.4º e 8º f) da Lei 7/1994, do 29 de decembro, como nos artigos 13.3º e 4º e 14.2º i) do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve.

Por esta razón, facendo uso das facultades que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, en relación co previsto nos artigos 7.4º e 8º f) da Lei 7/1994, do 29 de decembro, así como nos artigos 13.3º e 4º e 14.2º i) do Decreto 128/1996, do 14 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Delegar no vicepresidente do Fondo Galego de Garantía Agraria a competencia do presidente para resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión, cando a facultade de resolución lle corresponda ao presidente, e mesmo suspender a execución dos actos impugnados.

Segundo.-Delegar no director do Fondo Galego de Garantía Agraria as seguintes facultades do seu presidente:

a) A representación do organismo en toda clase de actos, convenios e negocios xurídicos.

b) As funcións que, como órgano de contratación, lle competen a aquel segundo a normativa vixente.

c) O exercicio do toda clase de accións, reclamacións e recursos en nome do organismo.

d) A resolución das reclamacións previas ao exercicio de accións civís ou laborais.

Terceiro.-As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo presidente do Fogga.

Cuarto.-En calquera momento, o presidente do Fogga poderá reclamar o exercicio das competencias que son delegadas por esta resolución. Do mesmo xeito, esta delegación será revogable en calquera momento e deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.-En todo caso, quedan excluídos desta delegación os supostos previstos no artigo 13, números 2 e 5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción dada a este pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Sexto.-En caso de ausencia ou enfermidade do director do Fogga, as atribucións contidas na presente resolución quedarán encomendadas ao vicepresidente do Fogga, durante tempo en que persistan as mencionadas causas.

Disposición derradeira

Esta delegación producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Presidente do Fondo Galego de Garantía Agraria